Programan un descortizamento no Sobreiral do Arnego

Adega realiza este domingo unha extración demostrativa da cortiza en sobreiras da Zarra da Pena (Agolada). A actividade tamén inclúe a construción dun cortizo para as abellas

Programan un descortizamento no Sobreiral do Arnego

O colectivo ecoloxista Adega realiza este domingo, día 22, un descortizamento demostrativo no Sobreiral do Arnego (Agolada). A actividade permitirá coñecer a técnica coa que se obtén a cortiza das sobreiras e que supón un aproveitamento forestal desta zona da comarca do Deza.

O descortizado, no que apenas se emprega maquinaria mecánica, lévase a cabo nos meses do verán e debe realizarse atendendo a unhas condicións meteorolóxicas concretas. Os exemplares ós que se lle realiza a saca da cortiza tamén deden contar cunhas características específicas para evitar danar a árbore. Estes e outros detalles serán comentados polos organizadores para coñecer este aproveitamento forestal.

Inicialmente a cortiza empregábase na zona para a construcción de cortizos para as abellas, por iso, unha vez descortizadas as sobreiras, levarase a cabo a contrucción dunha destas colmeas tradicionais. Na actualidade, boa parte da cortiza da zona do Deza ten como destino Portugal.

Programa provisional

10:30 horas. Presentación da actividade. O descortizamento da sobreira.
11:00 horas. Saca da cortiza do Sobreiral do Arnego
14:30 horas. Xantar de campo
16:00 horas. Elaboración de cortizos

Inscricións

O punto de encontro é a Área de lecer de Carmoega (Agolada). Trátase dunha actividade gratuíta na que todas as persoas interesadas poden participar, máis é preciso inscribirse xa que as prazas son limitadas. Para formalizar as inscricións ou solicitar máis información pode enviarse un email a ramses@adega.gal ou contactar con Ramsés Pérez nos teléfonos: 981 57 00 99 / 616 238 050.

Custodia do Territorio

A actividade de descortizado levarase a cabo na parcela da Zarra da Pena, situada en pleno corazón do Sobreiral do Arnego e que se inclúe no acordo de Custodia do Territorio asinado pola asociación en marzo do 2016. Este programa, que conta con fondos da Fundación Biodiversidade, contempla actuacións de divulgación, estudo e conservación.

Cabe destacar que o Sobreiral do Arnego ten unha das maiores concentracións de sobreiras do noroeste ibérico e encádrase na Rede Natura 2000. Tal e como explican dende o colectivo ecoloxista este sobreiral “polo seus valores patrimoniais é un bo exemplo da ligazón entre patrimonio natural e cultural”.

Neste programa de Custodia do Territorio, que se leva a cabo tanto na Zarra da Pena como na contorna do río Arnego, xa se realizaron inventariados de flora e fauna, recuperación de elementos naturais e etnográficos así como actividades de voluntariado ambiental. Algunhas das últimas propostas realizadas consistiron na colocación de caixas-niño para morcegos ou inventariados de flora e fauna que permitiron constatar a presenza de tres especies case exclusivas de Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información