Programa de intercambio en Galicia e Portugal sobre a xestión de montes veciñais

A cooperativa Trespés copromove unha iniciativa de formación e lúdica dirixida a persoas mozas de entre 18 e 25 anos que residan en lugares con terras comunitarias. O proxecto desenvolverase durante dúas semanas do mes de agosto

Programa de intercambio en Galicia e Portugal sobre a xestión de montes veciñais

Monte veciñal do Carballo. / Arquivo.

A cooperativa Trespés promove, xunto con entidades de Portugal e Italia, un programa de intercambio xuvenil internacional dirixido a persoas de entre 18 e 25 anos que residan en lugares con montes veciñais. A iniciativa desenvolverase a modo de escola de verán durante a segunda quincena do mes de agosto, unha semana na Mancomunidade de Montes de Pontevedra e outra no Baldio (monte veciñal) dos Lugares da Extinta Freguesía de Vilarinho, Lousã, en Portugal.

A escola comunitaria conta con apoio económico da Unión Europea, a través do programa Erasmus +. O seu obxectivo principal é capacitar ós mozos para a participación activa no goberno das terras comunitarias. Un dos principais problemas que se detectan en toda Europa nas superficies de xestión comunal é a falta de relevo xeneracional, o que supón unha grave ameaza para a continuidade operativa dos montes veciñais, característicos en Galicia e tamén con equivalentes en Portugal (baldíos) e en Italia (partecipanza).

A iniciativa trata de promover o relevo xeneracional na xestión das comunidades de montes

En Galicia, a cooperativa Trespés, que ten desenvolto outras inicitivas sobre os montes veciñais, coma o documental ‘En todas as mans’, busca involucrar na iniciativa á xente nova das parroquias con terras comunitarias. Está previsto que participen na escola comunitaria 21 persoas, das que 10 serán galegas, 10 portuguesas e 1 italiana. Os participantes terán cubertos todos os gastos de viaxe, estadía e alimentación.

Colaboran tamén na iniciativa o Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra e a entidade italiana Partecipanza. O programa de actividades inclúe formación pero tamén cuestións lúdicas como visitas, deportes de montaña e xogos.

Solicitudes
As persoas interesadas en participar, que deberán ser residentes nunha parroquia con monte veciñal e ter entre 18 e 25 anos, poden mandar a súa solicitude a [email protected]

A solicitude ten que incluír nome, enderezo, idade, ocupacións e intereses que consideren relevantes, segundo indican desde Trespés, así coma un texto no que respondan a cuestións coma as seguintes: De que forma gustarían de usar ou mellorar o monte veciñal para poder vivir mellor no lugar coa súa familia, as súas amizades e veciñanza? Que precisan de aprender para que iso sexa posíbel?.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información