Procesionaria, a ‘gripe’ dos piñeiros

Durante as últimas semanas, sucédense alertas a nivel local pola presenza da praga en zonas verdes e áreas forestais de uso social. O problema ten escaso impacto nos piñeirais, aínda que si é un risco para persoas e animais polos pelos urticantes das eirugas

Procesionaria, a ‘gripe’ dos piñeiros

Procesionaria descendendo dun piñeiro.

A procesionaria do piñeiro, unha praga que debe o seu nome ás características fileiras que forman as eirugas cando baixan ó chan, está xerando nas últimas semanas alertas locais en zonas verdes e áreas forestais de uso público. O problema ten escaso impacto nos piñeirais, pero si é un risco para persoas e cans polos pelos urticantes das eirugas, o que xera preocupación en concellos coma Vigo e Baiona (Pontevedra). Tamén en Guitiriz e Begonte (Lugo) ou en Ares e Cabanas (A Coruña) se teñen trasladado alertas nas últimas semanas.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, explica que a procesionaria é unha praga que a penas causa danos directos. En Galicia, a principal afección prodúcese no piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e é detectable facilmente polos característicos bolsóns brancos que forma a praga na copa dos piñeiros. “É unha praga que si é certo que indirectamente pode debilitar ó piñeiro radiata, favorecendo que actúen pragas secundarias, como escolítidos ou fungos oportunistas, pero que por si soa non causa danos directos, salvo situacións puntuais”, explica Rosa Pérez, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

En calquera caso, a Estación si adoita lanzar avisos cando se detecta o inicio da baixada das eirugas ó solo, pois os insectos proceden a lanzar pelos urticantes en caso de achegamento de persoas ou animais, o que pode causar fortes urticarias e alerxias.

Adiantamento das procesións
Estes últimos anos, o descenso das procesións estase adiantando varios meses por factores climáticos. “Se ata hai uns anos, o habitual era que as procesións de enterrado se iniciasen a comezos de febreiro, os últimos exercicios detectamos o seu inicio desde fins de novembro” -explica Rosa Pérez-. “Esta campaña vimos procesións a finais de decembro e seguen producíndose a finais de xaneiro. As colonias están tendo un comportamento moi desigual, non podo dicir o motivo, pero semella estar relacionado con cuestións climáticas”, considera.

Desde o sector forestal, valórase a procesionaria como unha “gripe do piñeiro”, en palabras de Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. “Hai anos que temos máis e anos de menos, pero non é un problema grave para o piñeiro. En ocasións xenéranse pequenas alarmas a nivel local, pero non é un praga que preocupe a nivel forestal. O verdadeiro problema témolo co nematodo do piñeiro ou cunha posible expansión das bandas marrón e vermella”, conclúe.

Tratamentos da Xunta sobre 3.280 hectáreas de piñeirais

A Administración autonómica mantén un programa de control da procesionaria nos montes de xestión pública, tanto nos montes veciñais conveniados coma nos montes de titularidade pública. A Xunta realiza tódolos anos prospeccións para coñecer os niveis de infestación da praga e decidir as zonas de actuación, se ben precisa que o impacto en Galicia é escaso.

Durante o 2018, Medio Rural actuou en 3.280 hectáreas, para o que destinou un orzamento de 200.000 euros.

Os tratamentos aplicados pola Consellería son de dous tipos. Por unha banda, un tratamento fitosanitario no que se solta de forma aérea un parásito que as propias larvas da procesionaria comen, o que lles crea unha bacteria intestinal que acaba con ellas. Son tratamentos que se desenvolven nos meses de setembro e outubro, cando a larva é pequena.

Previamente, nos meses de maio, xuño e xullo, a Administración usa unha técnica de trampeo, con caixas dotadas de feromonas que atraen ás bolboretas femias, de xeito que non poderán reproducirse nin desovar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información