Proban unha nova empacadora de biomasa forestal coa que reducir os custos silvícolas

O grupo de innovación Biofore presenta o luns en Pazos de Borbén un proxecto para facer máis rendible o procesamento da biomasa residual. No estudo tamén se avalía o uso dos restos forestais como fertilizantes ou camas para o gando

Publicidade
Proban unha nova empacadora de biomasa forestal coa que reducir os custos silvícolas

Na xornada farán unha demostración práctica da unidade empacadora "fixteri" no monte Ermida.

Data inicio: 22/04/2019
Data fin: 22/04/2019
Lugar: Centro Sociocultural de Pazos de Borbén

O grupo de traballo e innovación Biofore celebra o próximo luns, día 22 de abril, unha xornada formativa en Pazos de Borbén (Pontevedra) sobre un proxecto co que reducir os custos dos tratamentos silvícolas a partir dun maior aproveitamento da biomasa residual.

O grupo procura avaliar o rendible que resulta o emprego dunha empacadora de biomasa forestal “fixteri”, desenvolvida por unha empresa finlandesa, fronte á maquinaria forestal que se está a empregar na actualidade. O proxecto estudará os tempos e rendementos de traballo que permite esta empacadora para comprobar se resulta útil para as características dos montes galegos. Por iso, realizarán probas en montes dos municipios de Zas e Pazos de Borbén.

Na presentación do proxecto participarán representantes dos distintos organismos que integran o grupo de traballo. Así, asistirán Érika Martínez Carreira, socia e directora de proxectos en Letme Soluciones e coordinadora do Grupo de Innovación Biofore; Juan Castro Ínsua, doutor enxeñeiro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Bárbara Álvarez Bezadío, do departamento técnico de Ecocelta Galicia; Jesús Martínez Ben, xerente de Sistemas de Desarrollo Integral del Territorio; e Luís Ortiz Torres, catedrático da Universidade de Vigo.

Ademais, na sesión levarase a cabo unha demostración práctica da unidade empacadora de biomasa forestal. Esta máquina funciona sobre un autocargador e deixa o produto no chan embalado en film de plástico biodegradable.

Usos da biomasa residual

Por outra parte, o proxecto tamén procura atopar usos potenciais para esta biomasa forestal residual que contribúan a reducir os custos que implica a silvicultura. Na actualidade, como apuntan dende Biofore, a maior parte desta biomasa residual non madeireira remata sendo queimada de xeito controlado ou queda no monte nas zonas de actuación, sen facer un uso eficiente da mesma, pese a que é un recurso cun gran potencial.

Un dos usos que se contemplan para o emprego da biomasa residual céntrase no seu aproveitamento como unha fonte de enerxía, un tipo de aproveitamento que suscita gran interese ó presentarse como unha alternativa fronte a outras enerxías máis contaminantes. De feito, un estudo recente desenvolvido en Galicia e no norte de Portugal xa constatara que o mato e os restos de poda de kiwi e viñedo poden empregarse como biocombustibles.

Doutra banda, tamén se baralla o aproveitamento dos restos de madeira e mato para usos tanto agrícolas como gandeiros. No proxecto estúdase o emprego da biomasa como fertilizante natural, ben de forma individual ou con adición doutros restos orgánicos como poden ser algas ou froitas.

No proxecto estudarase o uso da biomasa para as camas das vacas.

No proxecto estudarase o uso da biomasa para as camas das vacas.

Xunto co seu uso a modo de abono, o proxecto tamén propón analizar se a biomasa resulta unha alternativa viable para empregar como cama para as vacas e se pode contribuír a reducir as emisións de amoníaco á atmosfera e a fixar carbono ó solo.

O grupo de traballo probará ademais a eficiencia da biomasa como filtro biolóxico para os xurros de porco mediante varios módulos constituídos por filtros biolóxicos para obter un efluente depurado.

A xornada celebrarase no Centro Cultural de Pazos de Borbén en horario de 10.00 a 13.00 horas e a demostración levarase a cabo no monte Ermida, situado no municipio. Para participar na visita de campo é preciso reservar praza enviando un email a resina@letme.es ou chamando ó teléfono 680 208 320.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información