Primeiras accións para evitar a erosión do monte tras os lumes

Medio Rural prevé iniciar esta semana o esparcido de palla nas áreas máis sensibles para frear o arrastre de cinzas pola chuvia. Montes veciñais de Vigo e doutras zonas están a acometer tamén medidas similares

Primeiras accións para evitar a erosión do monte tras os lumes

Voluntarios fixeron un esparcido de palla no monte veciñal de Valadares. / Imaxe: Mancomunidade de Montes de Vigo.

As choivas outonais poden provocar un importante arrastre de terra e cinzas dos montes queimados, sobre todo nas áreas máis pendentes e nas que tiveron maior intensidade do lume. Para evitar esa erosión, que afectaría á capacidade produtiva do monte, a Administración e as propias comunidades de montes veciñais afectadas xa están a tomar medidas. Durante os últimos días, comuneiros de montes de Vigo e doutras zonas afectadas por lumes estiveron a esparcir palla para frear o arrastre da terra.

A Xunta, pola súa banda, mantivo onte unha reunión da mesa técnica de coordinación post-incendios, na que se acordou acometer tarefas de restauración, con prioridade para os lumes de máis de 300 hectáreas e para aqueles que afectaron a áreas sensibles.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, incidiu en que se está a estudar o uso de técnicas de protección do chan, como o ‘mulching’ con palla e a instalación de barreiras e mallas textís en áreas a carón do mar, co obxectivo de protexer os bancos marisqueiros das cinzas. Nestes traballos participarán os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que axudarán a determinar as zonas e medidas de actuación.

Reunión de afectados da Asociación Forestal de Galicia.

Reunión de afectados da Asociación Forestal de Galicia.

Malestar pola falta de medios
Entre os colectivos de propietarios forestais, estase facendo estos días unha valoración de danos e das medidas de restauración que son precisas. A Asociación Forestal de Galicia mantivo un encontro con afectados o pasado venres en Ponteareas no que constatou a dimensión do impacto dos incendios. Só entre comunidades de montes e propietarios ligados á Asociación na provincia de Pontevedra superan as 8.000 hectáreas calcinadas.

As comunidades de montes, na valoración que fixeron na reunión, amosaron o seu malestar pola falta de medios, tanto dos servizos de defensa contra incendios forestais como das forzas de seguridade. Consideran ademais “incomprensible” a falta de previsión, dadas as circunstancias meteorolóxicas, e a “lenta resposta” de medios a nivel estatal, segundo informa a Asociación Forestal de Galicia (AFG) nunha nota de prensa.

A AFG considera que para evitar futuras vagas de lumes, Galicia precisa avanzar en tres frontes: axeitada ordenación do territorio, ordenación forestal que aposte pola diversificación de especies e revisión dos protocolos de seguridade.
En canto á restauración dos montes afectados a curto prazo, o colectivo pide a coordinación da Xunta con comunidades de montes e concellos. Suxire tamén que se trate de aproveitar a disposición de miles de cidadáns dispostos a colaborar na restauración dos montes. De cara ó futuro, agarda un plan de reforestación dos montes queimados con financiación pública.

Reunións en Cervantes
Unións Agrarias convoca a tódolos afectados polos incendios en Cervantes a unhas asembleas abertas. O obxectivo é facer unha valoración definitiva dos danos e informar sobre as posibles axudas para os mesmos.

Os encontros serán este xoves 26 no colexio de Doiras (12 horas) e no colexio de Donís (16 horas).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información