Prevención de riscos en aproveitamentos forestais

A actividade de corta e saca de madeira do monte presenta altos índices de siniestralidade laboral. Resumimos cuestións básicas a ter en conta, extraídas dunha guía dirixida ó sector forestal que elaborou o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia

Prevención de riscos en aproveitamentos forestais

Autocargador forestal. / Arquivo.

En Galicia córtanse cada ano máis de sete millóns de metros cúbicos de madeira no monte, unha actividade que presenta altos índices de siniestralidade laboral. As condicións do traballo determinan tamén unha incidencia elevada de enfermidades debidas a malas posturas, vibracións ou sobreesforzos, entre outras cuestións.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) elaborou unha guía co obxectivo de mellorar a prevención de riscos laborais no sector forestal. Resumimos a continuación algúns dos puntos básicos a ter en conta.

Planificación do aproveitamento. Antes da execución dos traballos, é convinte comprobar o estado dos accesos ó monte, vías de saca e emprazamentos dos cargadoiros. En caso de que presenten defectos, haberá que arranxalos antes de iniciar a corta. Todo o persoal debe coñecer os procedementos de traballo e haberá que sinalizar posibles zonas de risco.

Corta polo pé con motoserra. Débense seleccionar dúas rutas de escape en diagonal e cara atrás da caída prevista. Haberá ademais que limpar de vexetación e obstáculos nas rutas de escape, así como a zona arredor da árbore.

Zona de caída da árbore. / Gráficos: Issga.

Zona de caída da árbore. / Gráficos: Issga.

En canto ó método de tala, hai que facer un primeiro corte na zona “de entalladura”, no lado ó que se quere dirixir a caída, e logo o corte “de caída” no lado oposto, uns 3 centímetros por riba do corte horizontal de entalladura. Déixase unha bisagra sen cortar entre ambos os cortes. Antes de abater a árbore, hai que comprobar que non hai ninguén na zona de caída. A distancia de seguridade é 2,5 veces a altura da árbore.

Corte de pólas. Débese traballar cos pés ben asentados no terreo e do lado superior da ladeira. O corte de pólas comeza desde o toco, avanzando cara a parte máis estreita. Cando haxa pólas delgadas, usarase o método do péndulo, cun barrido da motoserra para eliminalas, e con pólas máis grosas usarase o método da panca, con corte individual de cada unha. En caso de pólas con moito peso, pódense cortar en primeiro lugar a 30-40 centímetros do tronco.

Corte en toradas. Igual que na operación anterior, débese traballar cos pés ben asentados e na zona superior da ladeira. De xerarse tensións no fuste, haberá que iniciar o corte da torada polo punto sometido a compresión, ata un terzo do tronco, e rematalo pola outra cara, a efectos de que a motoserra non quede atascada. Para evitar que a caída da torada golpee a motoserra, de existir ese perigo, pódese optar por facer un corte lixeiramente en diagonal.

Técnicas de manipulación de cargas.

Técnicas de manipulación de cargas.

Amoroamento das toradas. Hai que procurar evitar o amoreamento manual. En caso de ter que desprazar as toradas sen maquinaria, é preferible rodalas ou xiralas que levantalas do chan. Débense evitar os sobreesforzos. Á hora de acumular as toradas, hai que escoller unha zona estable e, no caso de pendentes, haberá que apuntalar as moreas.

Traballo con maquinaria forestal pesada. Débense comprobar periodicamente as estruturas de protección da maquinaria fronte á caída de obxectos, envorco ou penetración de obxectos. O desprazamento, no posible, será en liña de máxima pendente. No caso de ter que circular en curva de nivel, hai que moverse con amplas marxes sobre os límites establecidos polo fabricante. Se a máquina dispón de guindastre, haberá que estendelo parcialmente cara ó lado superior da ladeira. En caso de envorco, o máis seguro é permanecer na cabina co cinto posto. Non se debe saltar fóra.

Colocación do guindastre ó circular en curvas de nivel.

Colocación do guindastre ó circular en curvas de nivel.

Saca con tractor forestal. Se se utiliza un cable de arrastre, hai que manter distancias de seguridade ós lados para previr posibles desprazamentos pendulares do tronco.

– Todos os traballadores deben contar cun equipo de protección individual axeitado, segundo as súas tarefas. Recoméndase un calzado de seguridade, con sola antiesvaradía e punteira reforzada, roupa de alta visibilidade, casco e protectores auditivos, lentes de protección e luvas.

Por último, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Xunta, recomenda realizar recoñecementos médicos periódicos. O Issga lembra que presta ese servizo de xeito gratuíto para os traballadores autónomos. Se estás interesado, ponte en contacto cun centro do Issga.

Máis información
Guía de prevención de riscos laborais en actividades forestais. Elaborada polo Issga (Pdf)

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información