Presentan un proxecto para conseguir madeiras que non apodrezan

Catro empresas galegas participan nunha investigación para mellorar as prestacións da madeira mediante modificacións químicas. A firma Proquideza, que se encarga de desenvolver os produtos, tamén lidera outra investigación para reducir o impacto ambiental dos limpadores

Presentan un proxecto para conseguir madeiras que non apodrezan

Representantes das empresas que desenvolven os distintos proxectos de investigación, durante a presentación na sede de Proquideza.

A firma Proquideza, especializada en ofrecer solucións de limpeza para diferentes ámbitos como a gandaría ou a industria, acolleu esta mañá na súa sede en Lalín a presentación de dous novos proxectos de I+D nos que está inmersa xunto a outras empresas galegas.

Unha destas iniciativas é o proxecto TIM-RES centrado en mellorar as prestacións da madeira a base de modificacións química. En concreto, a proposta, liderada pola empresa de comercialización de madeira Seistag, con serradoiro en Vila de Cruces (Pontevedra), busca desenvolver produtos para que a madeira resulte máis resistente aos fungos e así poder destinarse a mercados máis afastados garantindo que chegue ao cliente coa mellor calidade.

Con estas modificacións químicas buscan destinar a madeira a mercados máis afastados garantindo que chegue coa mellor calidade

Neste proxecto, Proquideza encargarase de desenvolver os aditivos para garantir a conservación da madeira. Estes produtos estarán destinados ao sector da transformación de madeira en Galicia.

Pero, ademais, no proxecto participan outras dúas empresas que tamén perseguen mellorar as prestacións da madeira. No caso da lucense Carronza, cun centro de aproveitamento de biomasa e restos forestais en Baralla, busca novas funcións ós restos de madeira nos procesos de depuración de gases e augas.

Mentres, a carpintaría naval de Bueu (Pontevedra) Nauteka, pretende substituír a materia prima coa que traballa na cuberta dos barcos, a teca, por madeiras nacionais con resistencia e estabilidade equivalentes grazas ás melloras químicas. A empresa busca aproveitar un recurso próximo e abaratar así custos. Ao mesmo tempo, ao optar por madeiras galegas evita a explotación dun recurso en perigo como é a teca de Birmania.

Este proxecto implica un orzamento de máis de 600.000 euros nos próximos dous anos e nel están inmersos unha ducia de investigadores das catro empresas. Ademais, tamén participará como subcontratistas a Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto conta cunha subvención do 80% do orzamento da Axencia Galega de Innovación, ademais de estar cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Reducir o impacto no medio ambiente

Ademais desta iniciativa centrada na madeira, a firma Proquideza lidera o proxecto de investigación INNOCLEAN para reducir o impacto que os produtos de limpeza teñen no medio ambiente.

O proxecto busca tamén aumentar a eficacia dos limpadores. En definitiva, con esta investigación pretenden desenvolver novos sistemas para facilitar os procesos de hixiene tanto na industria, como na restauración ou no ámbito doméstico.

Buscan reducir a toxicidade dos limpadores, mellorar a eficiencia da desinfección e crear superficies fáciles de limpar

Para conseguir reducir o impacto que xeran os produtos de limpeza no medio ambiente, a investigación centrarase na toxicidade dos limpadores, así como en mellorar a eficiencia dos procesos de desinfección e a obtención de produtos especializados. O proxecto tamén contempla desenvolver superficies que resulten máis fáciles de limpar.

Así, neste proxecto, que tamén recibiu unha subvención do 80% do seu orzamento por parte da Axencia Galega de Innovación dentro do programa Conecta PEME 2018 e está financiado con fondos FEDER, participan outras tres empresas galegas. Por unha banda Horbesa, de Carballo (A Coruña), referente na produción de formigóns para enxeñaría civil, así como a sociedade agraria de transformación Ladeira, do Páramo (Lugo), unha das principais explotacións gandeiras de Galicia, e Geriolveira de Teo (A Coruña), especializada en xeriatría. En total, unha ducia de investigadores das catro empresas participan neste proxecto.

De residuos agroforestais a extractos naturais

Proquideza, inmersa agora nestes dous proxectos, acaba ademais de concluír outra investigación en colaboración con outras tres pemes. Nesta ocasión o proxecto EXTRACTUS, que se desenvolveu no últimos tres anos, estaba centrado no aproveitamento de extractos naturais procedentes de residuos agroforestais como a casca de castaña, a cortiza de piñeiro, restos de poda e mantemento de cerdeiras e nogueiras ou folla de eucalipto.

Nesta investigación, á marxe de Proquideza, participaron a empresa ourensá Posada Marrón Glacé, a cercedense Gefico e Bosques Naturales, de Madrid, pero con importantes propiedades en Arzúa.

Utilizaron os restos de casca de castaña, cortiza de piñeiro e restos de poda para obter extractos naturais

Este proxecto, que agora conclúe, deu orixe a novos produtos de coidado animal que incorporaban estes extractos naturais, así como a obtención de substratos naturais para cultivos agroforestais ou o desenvolvemento de conservantes naturais para alimentos. Está previsto que estas melloras cheguen pouco a pouco ao mercado de man das empresas participantes.

Biopesticidas a partir da nogueira

Un dos resultados que revelou esta investigación foi o gran potencial de moitas árbores para a obtención de extractos, moitos deles cunha gran capacidade antioxidante. Pero ademais, algúns, como o caso da nogueira, teñen outras propiedades que permitirían o seu emprego como biopesticidas, como explica a firma Bosques Naturales.

Tradicionalmente existía unha gran dificultade á hora de acumular estas materias primas o que limitaba poder realizar extraccións a gran escala dunha especie como a nogueira, cuxas curtas se realizaban de maneira illada, con todo, as plantacións de produción desta madeira solucionarían ese problema e permitirían o seu aproveitamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información