Preocupación polo devalo dos soutos da montaña lucense

Os Ancares arrastran dúas campañas da castaña baixo mínimos, con soutos que foron sucesivamente castigados polas xeadas, os lumes e as nevaradas. No Caurel, a avespiña causou este ano fortes perdas

Preocupación polo devalo dos soutos da montaña lucense

Souto conformado por unha plantación de castiñeiros. / Arquivo.

A castaña convertírase nos últimos anos nun importante complemento de renda na montaña lucense, pero as últimas dúas campañas saldáronse con raquíticas colleitas, existindo ademais malas perspectivas para próximos anos. O sector agarda medidas que impulsen a recuperación dos soutos na montaña lucense, que se atopan nunha situación crítica.

O escenario nos Ancares é o dunha sucesión de pragas bíblicas. No 2017, as xeadas primaverais leváronse por diante boa parte da produción e no outono, o lume calcinou máis dun cento de hectáreas de soutos. Esta campaña, as calamidades continuaron en forma dunha mala floración primaveral, sobre todo nas partes baixas, e co remate das nevaradas de outubro, que colleron ós castiñeiros con folla e ourizos, o que provocou que as árbores tronzaran en cadea.

“Hai moita desilusión. As nevaradas desfixeron os soutos por completo e a situación dá pena” (Román Sánchez, A Carqueixa)

Se hai dous anos, nunha campaña boa, a cooperativa A Carqueixa (Cervantes), principal impulsora do aproveitamento dos soutos na zona, comercializara 220 toneladas de produto, o pasado ano quedouse en 50 toneladas e este ano en 30 toneladas.

As previsións para próximos anos son negativas, pois os soutos quedaron destrozados polas nevaradas, con multitude de camiños cortados e milleiros de castiñeiros danados, sen que haxa sobre a mesa ningún plan da Administración para a súa recuperación.

O xerente da Carqueixa, Román Sánchez, recoñece que entre os socios da cooperativa hai “moita desilusión, pois a castaña estaba sendo un bo complemento da renda e tivemos os dous últimos anos nefastos”. O estado no que se atopan os soutos é outra das preocupacións da cooperativa. “A situación dá moita pena, na maioría dos soutos non se dá entrado. As nevaradas desfixéronos por completo”.

De cara a próximas campañas, nos Ancares están preocupados ademais polo avance da avespiña, que este ano xa estivo presente en toda a serra, con maior incidencia nas zonas baixas, pero tamén con impacto en maiores altitudes.

“Nunca tiveramos dous anos tan malos. Temos que ver de reorientar a nosa actividade” (Caurelor)

Caurel
Onde xa causou serios danos a avespiña este ano é no Caurel, onde a colleita se viu seriamente afectada pola praga. En Caurelor (Quiroga), unha empresa especializada nas elaboracións con castañas e outros froitos do bosque, viñan comercializando en fresco tódolos anos arredor de 8.000 – 10.000 quilos de castaña, pero este ano só recolleron uns 1.000 quilos, polo que decidiron reservalas para as súas elaboracións e non vender nada en fresco.

O Caurel, igual que os Ancares, tamén sufriu o pasado ano unha mala campaña, derivada das xeadas primaverais, polo que este é o segundo exercicio que se pecha en negro. “En Caurelor levamos 14 anos traballando coa castaña, e antes había unha tradición familiar de 50 anos vendendo castaña en fresco; nunca viñeran dúas campañas seguidas tan malas”, valora Verónica Núñez, de Caurelor.

Verónica achaca a situación á avespiña e ó cambio climático, e prevé próximos anos complicados. “Teremos que reorientar a nosa actividade porque coa castaña as perspectivas son malas”, recoñece.

Boa campaña en Ourense, con “medo” pola avespiña

En Ourense, o presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, salienta que a campaña foi boa. “Se en Lugo houbo zonas con perdas de ata un 80%, con outras zonas de colleitas máis normais, en Ourense podemos falar en xeral dunha campaña boa, con castaña de calidade e que chegou a prezos históricos de ata 2,50 euros na zona de Viana do Bolo e de Riós” -destaca Quintá.- “En xeral, os prezos na campaña, dependendo das variedades e da calidade da castaña, movéronse entre 1,30 euros e 2,50 euros”, analiza.

“Hai que facer soltas de ‘Torymus sinensis’ en cantidades suficientes” (Jesús Quintá, IXP Castaña de Galicia)

O presidente da IXP incide na necesidade de que a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro se acometa con cantidades suficientes de ‘Torymus sinensis’, o insecto que parasita á avespiña. “Débense cubrir todas as zonas, con especial énfase nas zonas onde se detectou máis avespiña, e non baixar a garda”, advirte.

Manzaneda
A preocupación pola avespiña é patente entre os produtores de castaña. Na cooperativa Amarelante (Manzaneda), sinalan que xa se ve unha presenza importante da praga. “Sabemos que os castiñeiros vellos, coma os nosos, aguantan mellor a praga os primeiros anos, e tamén que os anos que veñen chuviosos, coma este, facilitan que os soutos resistan mellor, pero hai medo polo que poida pasar en próximas campañas. Nun concello veciño, en Río, nunha zona máis baixa, un produtor con 800 castiñeiros recolleu este ano só 2.000 quilos”, contan en Amarelante.

“A presenza da avespiña é importante e hai medo do que poida pasar en próximas campañas” (Amarelante)

A cooperativa Amarelante, que traballa máis de 600 castiñeiros e xestiona un secadoiro propio, é un exemplo de como a castaña se convertiu nunha renda importante nas zonas de montaña. A sociedade comercializa castañas secas, fariña de castaña e bica, en busca dun maior valor engadido que o que aportaba a venda só en fresco.

Todo ese traballo está agora pendente de comprobar como evolucionará a praga da avespiña en próximos anos. “Esperamos que en Galicia se fagan soltas de ‘Torymus’ de verdade e en boas condicións” -sinalan-. “Tamén estamos rezando para que cheguen aquí os ‘Torymus’ que soltaron nos últimos anos no norte de Portugal porque a situación dá medo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información