monte_cedeira__capelada_pineiro_podas_altas_selectivas_tras_clara_standar

Postura do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais ante acusacións recibidas

O organismo emitiu un comunicado para negar que teña nada que ver nun presunto intento de restrinxir a participación de parte dos comuneiros nas xuntas reitoras das comunidades de montes veciñais

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia emitiu un comunicado ante un artigo de opinión no que o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, acusaba ó Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de estar detrás dun presunto intento de restrinxir a participación de parte dos comuneiros nas xuntas rectoras das comunidades de montes. En concreto, Pereira sostiña que se quería apartar das xuntas reitoras a aqueles comuneiros sen coñecementos forestais, unha cuestión da que culpaba ó Colexio.

Ante esa acusación, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais emitiu o seguinte comunicado:

Comunicado oficial do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia

En relación co artigo de opinión publicado con data do 22/08/2018 en www.campogalego.com , por Xosé Alfredo Pereiras, Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, no que se fai mención expresa ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, a Xunta de Goberno e a Xerencia deste Colexio Profesional fan constar que dita información é totalmente FALSA, non correspondendo con ningunha acción nin proposta desenvolta pola nosa entidade.

Descoñecemos a fonte de información utilizada pola Organización Galega de Comunidades de Montes para a elaboración deste artigo, e expresamos a nosa sorpresa ante a improcedencia de dita publicación.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia sempre estivo e está aberto a interlocución con calquera entidade do sector forestal, sendo sempre absolutamente transparentes na nosa actuación.

Solicitamos a rectificación desta información falsa polos responsables, reservándonos o dereito de executar as accións legais que foran oportunas.

Finalmente, fanse constar as plenas atribucións profesionais dos Enxeñeiros Técnicos Forestais e Graduados en materia Forestal na xestión de calquera propiedade forestal, incluidas as Comunidades de Montes.