Posibilidades da cerdeira galega en corredores de protección contra o lume

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán ultima o rexistro de tres novos clons autóctonos, que se suman ós dous xa existentes. Proxecta o establecemento de parcelas demostrativas

Posibilidades da cerdeira galega en corredores de protección contra o lume

Parcela de ensaio de cerdeiras en Lourizán.

A cerdeira galega ten unha gran potencialidade para uso forestal que ata agora pasou case desapercibida. O Centro de Investigación de Lourizán rexistrou no 2011 e no 2012 os dous primeiros clons de cerdeira autóctona, pero a súa presenza comercial nos viveiros galegos é polo de agora escasa. Este ano, Lourizán ultima a inscripción de tres novos clons autóctonos de cerdeira e trata de promover o seu uso. Unha posibilidade consiste na utilización da cerdeira galega en corredores de protección contra incendios forestais.

Igual que outras frondosas caducifolias, a cerdeira presenta unha menor inflamabilidade ante o lume que o piñeiro ou o eucalipto, o que a sitúa como unha especie de interese para áreas que precisan de protección, como vías de comunicación e núcleos habitados. “A cerdeira pode ser un material acompañante en plantacións forestais como ferramenta de protección contra o lume” -valora o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez.- “Poderían crearse corredores de frondosas en torno a aldeas, pistas ou cortalumes, a modo de infraestrutura preventiva”, defende.

“A cerdeira necesita humidade e solos de calidade. Son factores clave para o éxito dunha plantación” (Enrique Martínez)

A normativa autonómica xa establece que a unha distancia inferior de 30 metros ás vivendas non pode haber nin piñeiros nin eucaliptos, só frondosas. Tras a vaga de lumes de outubro, a Xunta anunciou onte que tamén vai endurecer as condicións para piñeiros e eucaliptos entre os 30 e os 50 metros de distancia ás vivendas, obrigando a que estas especies manteñan entre si unha separación de 10 metros.

O contexto é, xa que logo, propicio para a promoción das frondosas, se ben desde o Centro de Investigación Forestal de Lourizán advirten da necesidade de contar con terreos propicios para as plantacións. “A cerdeira necesita humidade e solos de calidade, que sexan profundos e ricos en materia orgánica. Pode ser axeitado o seu uso en vagoadas, en ribeiras ou en zonas que teñan un rexenerado natural de frondosas, pero non en solos secos ou pouco profundos” -subliña Enrique Martínez.- “A cerdeira ten limitacións. En zonas habituais de cortalumes, como a cordal dun monte ou zonas de máxima pendente, non sería unha especie axeitada”, recoñece.

Visita a unha parcela de ensaios de cerdeiras, na xornada organizada por Lourizán.

Visita a unha parcela de ensaios de cerdeiras, na xornada organizada por Lourizán.

Mellora xenética
O proceso de mellora xenética da cerdeira galega leva 20 anos en marcha. Iniciouse no 1996 coa selección de árbores superiores en monte, que logo se reproduciron en Lourizán a través de enxertos ou sementes. O traballo continuou con ensaios en viveiro e con plantacións experimentais, ata culminar no 2011 e no 2012 co rexistro dos dous primeiros clons de cerdeira autóctona, o Lourizán 1 e o Lourizán 2, que presentan un maior crecemento en altura e volume, así como un fuste recto e resistencia a encharcamentos. O seu turno de corta estímase en arredor de 30 anos, similar ó piñeiro do país.

O clon Lourizán 3, que se lle transferirá en breve ós viveiros, presenta as maiores supervivencias en secas

Este ano ultímase o rexistro de tres novos clons de cerdeira autóctona, o Lourizán 3, 4 e 5, que presentan de media un crecemento un 32% superior ó Lourizán 1. “Nunha plantación clonal, medran en altura arredor dun metro ó ano”, detalla a investigadora María Eugenia Miranda, que onte participou nunha xornada organizada polo Centro Forestal de Lourizán para divulgar as posibilidades e usos da cerdeira.

Outra característica de interese dos novos clons é que o Lourizán 3, obtido a partir dunha árbore do municipio ourensán da Mezquita, presenta resistencia á seca. En canto o proceso de rexistro estea ultimado, o centro de investigación transferiralle material ós viveiros galegos para que poidan propagar e comercializar os novos clons.

Comercialización
Os primeiros clons que rexistrou Lourizán tiveron ata o de agora unha escasa presenza no mercado, unha cuestión que o centro de investigación quere correxir de cara ó futuro, pois defende a conveniencia de plantar material forestal autóctono, adaptado ás condicións de Galicia e do que existen datos contrastados, en lugar de cerdeiras importadas.

Ensaio comparativo de distintos clons de cerdeira en Lourizán.

Ensaio comparativo de distintos clons de cerdeira en Lourizán.

Un dos viveiros que xa está a comercializar os dous primeiros clons de Lourizán é Cultigar (Brión, A Coruña), que suministra partidas tanto para propietarios particulares como para comunidades de montes. A directora técnica de Cultigar, Marga Fraga, sinalou onte nas xornadas que están a detectar unha demanda crecente da cerdeira galega, lixeiramente por baixo, no seu caso, da demanda para castiñeiro. Fraga destacou que o viveiro está desexando recibir material dos tres novos clons de cerdeira agora en proceso de rexistro.

De cara a promover o uso da cerdeira galega, Lourizán proxecta a creación de parcelas demostrativas, preferentemente en zonas de paso público. Tamén elaborará material informativo sobre cada clon, explicando as súas zonas potenciais de uso e os requerimentos que ten de solo e clima, a fin de que os propietarios dispoñan de datos fidedignos.

Futuro
O proceso de inscripción de novos clons de cerdeira continuará previsiblemente no 2018. “Temos outros 3-4 clons que proxectamos rexistrar no 2018. Serán clons que, nalgún caso, non serán os mellores en canto a crecemento, pero si que presentan características adaptativas que os fan interesantes, por exemplo para solos de menor calidade” -avanza a investigadora María Eugenia Miranda.- “Poderían ser clons aptos para establecer corredores de frondosas como ferramenta de protección ante os lumes”, valora.

“Para o 2018, esperamos rexistrar outros 3 ou 4 clons, algún deles adaptado a solos de menor de calidade” (María Eugenia Miranda)

De xeito paralelo ó proceso de mellora xenética do material recollido en monte en décadas pasadas, o centro continúa tamén traballando na selección de novas árbores superiores de cerdeira nos montes galegos. Durante os anos 2015 e 2016, o investigador Santiago Barciela valorou 192 árbores e recolleu material de 70. Unha das máis prometedoras foi unha cerdeira brava que localizou nun souto da Fonsagrada e que tiña 27 metros de altura, 54 centimétros de diámetro e un tronco recto e sen pólas nos primeiros oito metros.

A cerdeira galega é unha das especies prioritarias no programa de mellora xenética de Lourizán. Xunto co piñeiro do país, o piñeiro insigne e o castiñeiro, centra o Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia 2010-2010.

Transformación da madeira

Unha das cuestións que se analizou nas xornadas sobre a cerdeira organizadas por Lourizán foi a demanda futura que pode ter esta madeira. Nun debate no que participaron un carpinteiro, Enrique Táboas, e un artesán, Rafael Peláez, que traballan con cerdeira constatouse o valor da madeira e a súa potencialidade. “Na actualidade non hai cerdeira galega no mercado. Vén de fóra e ademais é cara” -destacou Enrique Táboas.- “Se houbese cerdeira galega, tería demanda”, pronosticou.

“Non hai madeira de cerdeira galega á venda. Se a houbese, tería demanda” (Enrique Táboas)

O escenario de cara ó futuro pasa por implicar a toda a cadea de transformación da madeira. Considerouse de interese lograr alomenos un aserradoiro e un almacenista de referencia.

Desde o sector do asociacionismo forestal sinalouse que as comunidades de montes acometeron nos últimos anos plantacións de cerdeiras e doutras especies frondosas como castiñeiros e carballo americano, polo que é de esperar que cando esa madeira comece a saír ó mercado, haxa aserradoiros e industrias interesadas. “A tendencia das comunidades de montes e de parte dos propietarios particulares é a diversificar as súas plantacións”, constatouse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información