lume baixa resolución

Ponteceso ensaia unha aplicación para identificar ós propietarios obrigados a facer traballos de prevención

O sistema, que emprega os datos de Catastro, parte co obxectivo de definir as franxas próximas a vivendas e vías de comunicación que deben permanecer limpas ou sen arborado

O Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Ponteceso está a ensaiar unha aplicación que permite identificar ós propietarios forestais obrigados a acometer traballos de prevención nas súas parcelas. O sistema, que emprega datos do Catastro, posibilita ademais coñecer as distancias entre cada parcela e ós núcleos de poboación, de xeito que se pode determinar cales son as que deben estar limpas ou sen arborado, en función das disposicións da Lei de Montes e da Lei de Prevención de Incendios Forestais.

Desde a Consellería do Medio Rural aplauden a colaboración do GES na incorporación da aplicación. Medio Rural entende que este proxecto permitirá identificar as parcelas que non están debidamente acondicionadas, de xeito que se lle poida comunicar ó propietario a obriga de telas limpas.

A Consellería lembra que a normativa autonómica obriga ós propietarios a manter o terreo limpo ou despexado no entorno de vías de comunicación e de vivendas. De non cumprirse esa obriga, os Concellos poden executar os traballos e repercutirlle os custos ós propietarios.

A dificultade do proceso radica no minifundio e nun Catastro que en moitas ocasións non ten a identificación correcta do propietario. Os Concellos, por medio da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) teñen advertido ademais de que non contan cos medios suficientes para facerse cargo desas actuacións.