Poñer en valor o monte como freo ao lume

Coñecemos as liñas de traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán para avanzar na ordenación do monte. O sector incide nas vantaxes da xestión silvícola como vía para reducir o impacto dos incendios

Poñer en valor o monte como freo ao lume

Plantación de piñeiros de alta xenética realizada a pasada primavera polo CIF de Lourizán en colaboración con Finsa.

O final da campaña de alto risco de incendios, que concluíu o 30 de setembro, chega acompañado de reflexións sobre a política forestal máis idónea para reducir o impacto dos lumes. Unha das ideas comúns que comparten os expertos en modelos forestais incide na necesidade de poñer en valor o monte como estratexia preventiva.

O sector considera que sobre un monte ordeado, con desbroces, podas e control da densidade do arborado, o lume, se o houbese, avanzaría con maior lentitude e sería máis fácil de controlar. Falamos co director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, para coñecer as liñas de traballo do Centro que poden incidir nunha mellora da valorización do monte.

O CIF de Lourizán traballa principalmente co piñeiro do país, co insigne, co castiñeiro e coa cerdeira

O CIF de Lourizán, no marco do Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia, enfoca o seu labor en lograr unha maior produtividade do monte, marcándose os seguintes obxectivos principais: mellorar a calidade da madeira e da produción de froitos (castañas), obter individuos resistentes a diversas enfermidades e cunha boa adaptación ao medio, e conservar unha ampla diversidade xenética das especies.

O Centro traballa principalmente co piñeiro do país (Pinus pinaster), co piñeiro insigne (Pinus radiata), co castiñeiro e coa cerdeira, especies todas elas que se identificaron como de maior interese para a investigación pública.

Os hortos sementeiros de piñeiro de Lourizán garanten melloras de ata o 17% en rectitude de fuste

Os seus esforzos enfócanse en primeiro lugar na mellora xenética das especies, de cara a poñer a disposición dos viveiros forestais galegos plantas máis produtivas e que ofrezan maior calidade. En castiñeiros, estúdase tanto o aproveitamento mixto madeira-froito coma un aproveitamento só para froito, determinándose os patróns e as variedades recomendadas para cada zona de Galicia. Nos piñeiros e na cerdeira, as investigacións tratan de obter maiores volumes de madeira, con fustes máis rectos e con menos nós.

Hortos sementeiros de piñeiro
Un dos últimos avances obtívose este ano co piñeiro do país. O CIF de Lourizán logrou a máxima cualificación -material controlado- para dous novos hortos sementeiros, un ubicado en Gomesende (Ourense) e outro nas Neves (Pontevedra).

Ambos hortos sementeiros, que suman 2.600 árbores e máis de 8 hectáreas, producen sementes sobre as que se pode garantir unha ganancia en crecemento, rectitude de fuste e maior distancia entre nós, tres factores clave de mellora xenética.

O Centro puxo a disposición dos viveiros 32 clons de castiñeiro e 2 de cerdeira

O material controlado de Gomesende e das Neves, que está a disposición do sector, ofrece melloras significativas en comparación cos piñeiros convencionais de orixe galega e sen mellora xenética. O crecemento en volume é entre un 3,5 e un 7,3% maior; a rectitude do fuste mellora entre un 5,7 e un 17,1 por cento; e a distancia entre nós aumenta desde un mínimo do 5,6 ata un 13,9%, segundo conclúen os estudos de Lourizán.

Clons mellorados de castiñeiro e cerdeira
No caso das frondosas, o CIF Lourizán puxo nos últimos anos clons de castiñeiro e cerdeira a disposición dos viveiros co fin de que os propietarios podan realizar plantacións forestais con material de maior crecemento e resistenza a enfermidades. O sector dispón así de dous clons de cerdeira e de 16 de castiñeiro na categoría cualificado, así como doutros 16 de castiñeiro na de controlado.

Crecemento que logrou un dos piñeiros plantados esta primavera.

Crecemento que logrou un dos piñeiros plantados esta primavera.

Tratamentos silvícolas
“Á vez que se melloran xenéticamente estas especies, estamos facendo ensaios de campo para comprobar cales son, desde o punto de vista da xestión sustentable, os tratamentos silvícolas máis axeitados para este material de alta produtividade”, explica o director do CIF de Lourizán, Enrique Martínez.

“Parte dos ensaios que está desenvolvendo Lourizán funcionarán tamén no futuro a modo de parcelas demostrativas, para amosarlle en campo aos propietarios forestais a potencialidade dunha boa xenética combinada coa aplicación dunha correcta silvicultura” precisa Enrique Martínez.

Biodiversidade xenética
Con independencia do material mellorado que se lle está a ofrecer ao sector a través dos hortos sementeiros e dos clons, o CIF de Lourizán, dentro do seu programa de mellora xenética, conserva, de cada unha das especies, poboacións que garanten a súa diversidade xenética e que poden servir nun futuro para novas liñas de investigación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información