‘Plantacións ilegais de eucalipto (II): as denuncias de oficio son ínfimas, se é que existen…’

Adega Lugo cuestiona neste artigo o que entende como escasa actuación da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra a forestación irregular

‘Plantacións ilegais de eucalipto (II): as denuncias de oficio son ínfimas, se é que existen…’

Plantación de eucaliptos ao carón do Camiño de Santiago Primitivo, en Palas. / Imaxes: Adega.

A Consellaría de Medio Rural facía públicos o pasado mes de abril os primeiros datos, desde a posta en vigor da Lei de Montes do 2012, ao respecto dos incumprimentos detectados pola Xunta sobre repoboacións forestais en toda Galiza nos últimos 5 anos. A Xunta, ademais de pretender emanar transparencia nas súas accións, intenta responder con estes datos ás recentes críticas dos movementos sociais, agrarios e ecoloxistas que a acusan de facer a vista gorda ante este tipo de infraccións e de que non está a exercer a función que lle corresponde como axente vixilante do cumprimento da lei de montes.

En concreto, a Xunta gabábase de ter identificado no último lustro e en todo o territorio galego un total de 1.650 casos de plantacións irregulares, dos que menos da terceira parte (470) acabaron en procedemento sancionador e só un 15%, en multa. Se facemos un promedio anual simple a partir destes datos oficiais, obteremos que a consellaría de Medio Rural tramita cada ano unhas 330 denuncias por presuntas plantacións ilegais, das cales un cento acabarían en procedemento sancionador e só unhas 50, en multa. Uns datos irrisorios que, en vez de ofrecer garantías da acción administrativa como valedora do cumprimento da norma, verten aínda máis dúbidas sobre a vontade institucional de querer facer cumprir a lei.

“Desde Adega Lugo percibimos que Medio Rural ponlle trabas aos funcionarios que se desmarcan do “deixar facer” e aplican a norma”

Ao fío da información publicada en La Opinión, as provincias de Lugo e A Coruña dispútanse o primeiro posto en número de expedientes sancionadores abertos nos últimos 5 anos, superando cada unha os 200, é dicir, uns 40 expedientes sancionadores por provincia e ano. Certo é que estes datos non dan conta do número de plantacións ilegais detectadas por Medio Rural que, felizmente, foron arrincadas tras o apercibimento previo do departamento autonómico. En todo caso, se só un terzo dos incumprimentos detectados acaba en incoación de expediente sancionador, poderiamos dicir que, tanto en Lugo como na Coruña, o número de plantacións ilegais detectadas e apercibidas pola Xunta oscilaría entre as 120 e as 150 por ano.

Atendendo a esta media anual de plantacións ilegais detectadas por Medio Rural na provincia de Lugo, que non deixa de ser estimativa a partir dos datos oficiais, e tendo en conta que ADEGA denuncia un número de casos similar ao ano na mesma provincia (120-150), facémonos as seguintes preguntas: Cantas denuncias por plantacións ilegais está a tramitar de oficio a Xunta de Galiza? Realmente, estanse a tramitar denuncias de oficio por parte da Consellaría do Medio Rural? Xa lle fixemos chegar estas consultas a quen corresponde, pero mentres non obtemos resposta, cadaquén que saque as súas conclusións.

Desde ADEGA-Lugo percibimos ademais que desde o departamento de Medio Rural se poñen trabas a aqueles funcionarios que se desmarcan do “deixar facer” e que intentan realizar ben o seu traballo e, por tanto, ser estritos na aplicación da norma.

Plantación de eucaliptos no Pedregal de Irimia, área de nacemento do río Miño.

Plantación de eucaliptos no Pedregal de Irimia, área de nacemento do río Miño.

Patrimonio e Confederación Hidrográfica recean de poñer freo ao eucalipto ilegal

Malia aos datos esgrimidos con anterioridade non é a Consellaría de Medio Rural o único organismo da Xunta reticente a actuar con contundencia fronte as repoboacións de eucalipto contrarias á normativa vixente. Desde o 2016, xunto coa entidade cultural Mariña Patrimonio, ADEGA-Lugo ten tramitado outras 60 denuncias contra a industria forestal por danos sobre xacementos arqueolóxicos durante labores de tala ou repoboacións recentes.

Na comarca da Mariña lucense, a proliferación destes casos está a ser especialmente sangrante desde o punto de vista da conservación dos nosos bens patrimoniais, en especial de mámoas, dolmens, castros ou petróglifos. Desas 60 denuncias presentadas por estas dúas entidades desde 2016 até hoxe, tan só 22 obtiveron resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, organismo encargado da protección deste tipo de bens en Galiza.

Das 60 denuncias presentadas por danos sobre o Patrimonio, só 2 deron lugar polo de agora á apertura dun expediente sancionador

E destes 22 casos nos que se obtivo resolución, só 2 deron lugar á apertura de expediente sancionador. As 20 restantes arquiváronse ao amparo dunha suposta falta de apreciación de danos (a maioría deles evidentes, segundo a nosa percepción) ou da hipotética desprotección legal do xacemento, pese a tratarse de elementos patrimoniais pre-inventariados pola Consellaría e identificados a través dun código ou referencia oficial. O simple recoñecemento da existencia destes bens non tería que ser suficiente para frear e penalizar aquelas actuacións que provoquen a súa destrución ou alteración?

Confederación Hidrográfica Miño – Sil
Pero non só o patrimonio arqueolóxico que temos nos nosos montes está ameazado polas plantacións ilegais de eucaliptos, tamén o están os nosos ríos. O organismo de bacía ao que temos dirixido desde ADEGA-Lugo o maior número de denuncias relativas a talas ou plantacións con eucaliptos en zona de dominio público hidráulico é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Tamén esta administración está a facer unha interpretación arravesada das súas propias normas, como a que fai do artigo 34 do vixente Plan Hidrolóxico da bacía Miño-Sil, no que se determina que “se deberá respectar o dominio público hidráulico e a franxa de vexetación de ribeira autóctona da zona de servidume e policía, de forma que as plantacións que se vaian autorizar non se realicen con especies alóctonas ou exóticas invasoras,…., co obxectivo de preservar o estado do dominio público hidráulico e as súas zonas adxacentes, e previr o deterioro do ecosistema fluvial…”.

“A Confederación non está a limitar as plantacións en zona de policía e servidume con especies alóctonas”

A resultas deste artigo a Confederación, sen embargo, non está a limitar as plantacións en zona de policía e servidume con especies alóctonas como o eucalipto, ou con variedades exóticas invasoras como o nitens, que a pesar de non estar incluída no Catálogo de especies invasoras do Estado, xa obtivo o recoñecemento oficial como invasora nun informe do comité científico do propio Ministerio de Medio Ambiente e nunha sentenza da Audiencia provincial de Asturias de 2015.

Para ADEGA resulta especialmente grave que esta interpretación retorcida da normativa estea a atentar directamente contra a preservación dos valores naturais e paisaxísticos de espazos naturais emblemáticos, como o mesmo nacemento do río Miño, no Pedregal de Irimia. En contra do agardado, ante as denuncias presentadas por ADEGA-Lugo advertindo da ilegalidade das numerosas plantacións de eucalipto que nos últimos anos teñen proferido a carón do Pedregal sen ningún tipo de permiso e contradicindo o Plan Hidrolóxico actual da bacía Miño-Sil, a Confederación Hidrográfica está autorizando a legalización unha por unha de todas as repoboacións irregulares, agás algunhas que aínda están por resolver.

Conclusións

Ante os datos esgrimidos, queda meridianamente claro que a Administración pública, especialmente aquela representada polos cargos políticos (non polos funcionarios, que tamén son vítimas desta desregulamentación programada e caótica en materia de montes), non ten vontade de poñer freo á expansión do eucalipto no país, tampouco do que está a ser plantado de forma irregular.

O polémico “decreto do eucalipto” promovido pola Xunta só serviu para alentar a oposición dos propietarios forestais e dos madeiristas fronte a unha opinión pública cada vez máis convencida de que algo hai que facer para poñer coto á mudanza da nosa paisaxe, á perda de biodiversidade e os lumes forestais propiciados pola eucaliptización do país.

“Se a Xunta quere poñer coto á eucaliptización, pode comezar por facer cumprir a lei vixente e realizar máis denuncias de oficio”

O obxectivo real dese decreto non é limitar a expansión do eucalipto, senón xustificar a súa proliferación no noso territorio á costa dunha suposta demanda social maioritaria. Realmente, na práctica, a administración pública está dando azos ao acometemento de repoboacións ilegais con eucaliptos e premiando aos infractores coa legalización das mesmas.

Se a Xunta quixese realmente poñer coto á eucaliptización do noso país non precisa aprobar ningún novo decreto. Pode comezar por facer cumprir a lei vixente, dotar de recursos á Consellaría de Medio Rural para que vixíe os nosos montes, realizar máis denuncias de oficio (no canto de reprimilas), elaborar de urxencia o obrigatorio rexistro de masas arbóreas autóctonas, someter a avaliación ambiental as repoboacións superiores a 50 hectáreas ou non cargar aos Concellos con responsabilidades que non lle competen.

Tamén podería seguir o rumbo de Portugal, declarando unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto até que non se determine oficialmente cal é a superficie ocupada por esta especie exótica ou non se recuperen para a súa vocación orixinal aquelas terras nas que foi plantada de forma ilegal. Unha moratoria que “Cousa de Raíces” presenta como principal reclama ante tal situación de caos e desregulamentación do monte que nos acabará pasando factura a todas.

Somos conscientes de que a cantidade de talas e plantacións ilegais que a diario se practican no país son infinitas e que até onde Adega pode chegar é a unha ínfima porcentaxe das infraccións. Por iso, non só esiximos á Xunta que cumpra coas súas obrigas, senón que alentamos a toda a sociedade civil, non só ás entidades sociais, culturais e sindicais, a protestar e a enfrontarse decididamente contra estas prácticas ilegais que están a esquilmar o monte doutros recursos imprescindíbeis para a vida, para unha economía sostíbel e para unha sociedade moito máis xusta e equilibrada que se nos vai.

Máis información
‘Probas da falta de vontade política contra as plantacións ilegais de eucalipto’ (I)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información