A planta de resina que abrirá no Barco proxecta procesar 700 toneladas no 2020

A iniciativa, liderada pola firma Xagoaza Pinaster, oriéntase ó procesado de miera de alta pureza, recollida en bolsas herméticas. A firma negocia acordos de aluguer con montes veciñais, así coma contratos de suministro con resineiros

A planta de resina que abrirá no Barco proxecta procesar 700 toneladas no 2020

Xagoaza Pinaster emprega bolsas herméticas para a recollida da resina.

O resinado de piñeiros, unha actividade que se retomou en Galicia a partir do 2014 con diversas experiencias en toda a comunidade, collerá un pulo definitivo a partir do próximo ano, cando está previsto que entre en marcha unha planta de procesado de resina no Barco de Valdeorras (Ourense), impulsada pola firma Xagoaza Pinaster. A iniciativa márcase o obxectivo de procesar na súa primeira campaña arredor de 700 toneladas de resina, o que representa un antes e un despois para a resina en Galicia, pois nas últimas campañas a recollida situouse no entorno do centenar de toneladas.

O proxecto de Xagoaza Pinaster oriéntase á transformación de resina de alta pureza, polo que só traballará con miera recollida do piñeiro por medio dun sistema de bolsas herméticas, o que evita o contacto do produto co aire e permite que manteña maiores porcentaxes de trementina, un composto volátil con boa valoración no mercado.

“Unha resina recollida co metodo convencional, de pica da casca, ten unha porcentaxe de colofonia do 88% e de trementina dun 12%. A recollida co noso sistema ronda o 25% de trementina”, explica Jesús Eirín, director de Xagoaza Pinaster.

A empresa xa negocia acordos de suministro con resineiros do Bierzo e de Galicia. A outra vía de obtención da resina será por medio de contratos de arrendamento de montes veciñais, unha vía de traballo centrada na provincia de Ourense nun principio. “A negociación coas comunidades de montes é quizais un dos aspectos máis complicados do proxecto. Temos unhas marxes pequenas e o entendemento coas comunidades leva tempo”, valora Jesús Eirín.

O obxectivo de Xagoaza Pinaster é pechar contratos de arrendamento dunhas 500 hectáreas. “Estamos agora en conversas con numerosos montes veciñais. Hai comunidades de montes nas que traballaremos superficies importantes e outras coas que quizais comecemos con pequenas probas, a fin de que os veciños valoren o noso traballo, con perspectivas a aumentar superficie en próximos anos”, explica Jesús Eirín.

Un dos piñeirais nos que traballa a empresa.

Un dos piñeirais nos que traballa a empresa.

Nematodo do piñeiro
De cara a pechar acordos con comunidades de montes de Ourense, unha das inquietudes da empresa radica nas medidas adoptadas pola praga do nematodo do piñeiro. En Galicia, estableceuse unha franxa tampón de 20 quilómetros a partir da fronteira con Portugal, país no que o nematodo está extendido de xeito xeralizado. “Na franxa tampón, a Administración está limitando o aproveitamento da resina, sen que haxa ningún estudo científico que diga que o resinado pode ter unha influencia negativa en relación á praga do nematodo. De feito, dáse a circunstancia de que en Chaves (Portugal) estase resinando de xeito normal, en tanto en Verín (Galicia), a escasos quilómetros, temos problemas para que nos autoricen o resinado”, lamenta Jesús Eirín.

A empresa Xagoaza Pinaster, creada en febreiro do 2019, conta na actualidade con 4 persoas contratadas, aínda que con perspectivas a aumentar emprego o próximo ano, tanto para os traballos de recollida de resina como para o seu procesado nunha planta modular que está ultimando no Barco de Valdeorras. Nunha primeira fase, a planta adicarase á separación de compostos tradicionais (colofonia e esencia de trementina). O seguinte obxectivo, a medio prazo, é acadar a purificación de compostos de valor engadido orientados á industria cosmética, farmacéutica e alimentaria.

Xagoaza Pinaster é un proxecto impulsado por Xagoaza Inversiones, unha sociedade ligada á empresa Cedie.

Método de extracción
Fronte ó tradicional método de pica da casca do piñeiro para a obtención de resina, Xagoaza Pinaster utilizará só un sistema de recollida en bolsas herméticas. Para a colocación da bolsa, só é preciso facer un burato superficial na árbore -”que non chega á madeira e non causa danos na árbore”, precisa Jesús Eirín- e aplicar un estimulante. Cada bolsa permanece uns dez días na árbore, tralo que é recollida, e faise un novo burato para a colocación doutra bolsa.

Cada campaña, pódense facer arredor de 12 – 15 buratos por piñeiro e recóllense uns 3 Kg. por árbore. É un sistema que esixe un traballo intensivo en torno ás árbores, igual que o sistema tradicional, pero ten a vantaxe de que require un menor esforzo físico.

Una idea sobre “A planta de resina que abrirá no Barco proxecta procesar 700 toneladas no 2020

  1. Gabino

    Vexo díficl a cantidade e que se vaia montar unha procesqdora sin ter a seguridade de recoller esa cantidade e xente preparada non soa ben.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información