Petición dun plan para a restauración das areas forestais queimadas

A Asociación Forestal de Galicia reunirase este mércores coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, á que acompañará nun percorrido por montes veciñais afectados polos lumes na comarca Condado-Paradanta

Petición dun plan para a restauración das areas forestais queimadas

Extinción dun lume o pasado outubro. / Imaxe: @BrifLaza.

A Asociación Forestal de Galicia manterá este mércores un encontro na súa sede de Ponteareas coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para trasladarlle unha proposta de restauración forestal dos montes queimados este ano. O acto incluirá unha visita por montes veciñais afectados polos lumes na comarca de Condado-Paradanta, no sur da provincia de Pontevedra.

Conxuntamente con directivos das comunidades de montes da contorna, a Asociación Forestal de Galicia trasladaralle a Medio Rural un informe cos danos sufridos nos incendios polos montes ligados á Asociación, nos que se contabilizaron perdas por un importe de 18,9 millóns de euros.

A visita é esperada con expectación por parte dos propietarios forestais que foron afectados polos incendios, xa que esperan transmitirlle á Administración a necesidade de que reaccione cun plan ben artellado para recuperar o patrimonio forestal, cultural e económico perdido, “compartido con toda a sociedade galega, que o usa e goza gratuitamente”, destacan os propietarios.

Na reunión coa conselleira, na que está previsto que participe tamén o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, analizaranse asimesmo medidas que os propietarios forestais queren que se incorporen ó futuro Plan Forestal de Galicia, nestes momentos en elaboración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información