Perspectivas de axilización dos permisos de corta

Patrimonio recoñece retrasos de ata 3-4 meses nas provincias da Coruña e Pontevedra, pero proxecta reducir os prazos. A Confederación Hidrográfica Miño Sil traballa nun protocolo para simplificar o proceso

Perspectivas de axilización dos permisos de corta

Parte dos permisos de corta retrásanse ata 6-8 meses.

A corta de parcelas forestais que teñen afeccións varias, como augas, patrimonio ou espazos naturais, vese abocada de xeito frecuente a un lento proceso administrativo. Para a corta son precisas entón varias autorizacións e se ben Medio Rural adoita resolver a súa parte en menos de 15 días, outros organismos como Patrimonio ou a Confederación Hidrográfica Miño Sil poden retrasarse varios meses. Hai, sen embargo, perspectivas de mellora na situación.

A axilización e simplificación do proceso de corta é unha das tradicionais reivindicacións do sector forestal. Medio Rural xa informara no 2015 de que estaba a valorar as posibilidades existentes e recentemente, en xuño, anunciou a súa intención de coordinar internamente as distintas autorizacións que se precisan a través dunha solicitude nunha ventanilla única.

Desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o seu presidente, Francisco García, confirma que está a traballar coa idea de que as cortas en zona de policía se poidan resolver cunha autorización centralizada que teña en conta os condicionantes de protección das augas.

“En zonas de afección da Confederación Hidrográfica, hai dúas situacións: cortas en zonas de servidume, a menos de 5 metros do cauce, e cortas en zona de policía, dos 5 ós 100 metros. En zonas de servidume, a solicitude ten que saír a información pública e precisa dun informe do servizo de Conservación da Natureza. Por tanto, é necesario un proceso administrativo que en xeral non adoita retrasarse máis de 6 meses”, sinala Francisco García.

“En zonas de policía, onde se sitúan a maioría das cortas, traballamos coa Dirección Xeral de Montes para, cumprindo a lexislación, darlle un servizo máis áxil á cidadanía. Estamos valorando coa asesoría xurídica un protocolo, que se tería que publicar no Boletín Oficial del Estado (BOE), para que sexa posible executar a corta cunha única autorización”, detalla o presidente da Confederación.

De non saír adiante ese protocolo, a alternativa pasaría por un cambio de normativa nunha futura revisión do Plan Hidrolóxico. García lembra tamén que xa na actualidade, os montes que conten cun plan de ordenación validado pola Administración non teñen que pedir autorizacións de corta na Confederación Hidrográfica.

Patrimonio
Outro punto conflictivo no sector forestal sitúase na Dirección Xeral de Patrimonio, pois a execución de cortas ou traballos silvícolas (rozas, podas, etc.) en zonas con elementos patrimoniais vólvense con frecuencia un crebacabezas. Cando eses traballos están suxeitos ós prazos de execución dunha subvención, o problema agrávase.

Patrimonio recoñece que na autorización de cortas estase a producir un retraso derivado da acumulación de traballo. En Pontevedra, segundo Patrimonio, o tempo en resolver unha solicitude pode chegar ós 3-4 meses, en tanto na Coruña é de 2-3 meses e en Lugo e Ourense non pasa do mes.

A perspectiva, con todo, é de reducir eses prezos. Tras a aprobación o pasado ano da Lei de Patrimonio Cultural, a Consellería está a traballar para desenvolver a nova normativa. Hai cambios previstos nas comisións territoriais que resolven as solicitudes do sector forestal e a intención pasa por unificar criterios e axilizar as tramitacións, segundo sinalan desde a Consellería de Cultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información