Perdas nos castiñeiros da montaña lucense polas nevaradas

Perdas nos castiñeiros da montaña lucense polas nevaradas

Castiñeiro nos Ancares coas pólas rachadas pola nevarada.

A campaña da castaña nas montañas lucenses, que está no seu comezo, preséntase case catastrófica. Aos problemas que xa viña arrastrando o sector, como unha mala floración primaveral en zonas coma os Ancares ou serios danos da avespiña no Courel, hai que sumar agora as fortes nevaradas. A neve colleu ós castiñeiros aínda con ourizos e con follas, o que provocou multitude de roturas de pólas, a parte de perdas na colleita.

O temporal de neve deixa á montaña lucense baixa de ánimos, pois os problemas sucédense un ano tras outro. Se o ano pasado foran os lumes os que botaran a perder parte da colleita en zonas coma Donís (Cervantes), este ano a meteoroloxía e a avespiña están botando a perder unha colleita que era un complemento fundamental para a economía de moitos veciños.

Desde Unións Agrarias cifran nun 80% as perdas da colleita na Fonsagrada e nos concellos dos Ancares. Na parte dos Ancares leoneses, as asociacións de produtores falan tamén dunhas perdas na colleita superiores ó 50%, se ben haberá que esperar ó desenvolvemento da campaña para ver canta castaña se consegue recuperar.

A cooperativa A Carqueixa (Cervantes), que comercializa boa parte da castaña dos Ancares, tiña previsto abrir o pasado luns a recollida de castañas, pero tivo que aprazar o inicio da campaña pola neve. Previsiblemente, abriraa nos próximos días. O xerente da cooperativa, Román Sánchez, quere agardar a comprobar como se desenvolve a campaña para cuantificar danos.

Problemas nas liñas eléctricas e de telefonía
Unións Agrarias, que enviou unha nota de prensa sobre os problemas causados pola neve na montaña lucense, advirte tamén de importantes déficits no mantemento das liñas eléctricas e de telefonía, pois hai aldeas que levan catro días sen servizo. “Non hai excusas para as empresas, pois é unha situación que se repite chova, vente ou neve”, cuestiona a organización.

Desde Unións piden que a Xunta actúe de oficio contra as compañías que incumpren o mantemento das liñas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información