A pasteira lusa Navigator descarta a expansión barallada a Galicia

A industria manifestara hai uns meses a intención de reforzar a súa presenza na comunidade, tras as restriccións ao eucalipto lexisladas en Portugal, pero os seus plans para os próximos anos pasan por manter as súas actuais bases e compras en Galicia

A pasteira lusa Navigator descarta a expansión barallada a Galicia

A estación de tren da Susana (Santiago) é un dos puntos de saída do eucalipto galego cara Portugal.

As restriccións ao eucalipto lexisladas en Portugal no 2017 levaron á maior industria pasteira do país veciño, The Navigator Company (antiga Portucel), a valorar a súa expansión en Galicia para garantirse o suministro de materia prima. Así o anunciara a compañía nunha conferencia con inversores o pasado verán, se ben a Navigator, consultada estes días sobre os seus plans en Galicia, asegura que nos próximos anos proxecta continuar coa súa presenza actual, descartando unha inmediata expansión.

A Navigator mantén unha actividade de compra estable en Galicia, con tres bases loxísticas na Coruña, Ferrol e na estación de tren da Susana (Santiago), puntos desde os que exporta por barco e tren a Portugal. A compañía considera que esas bases son suficientes para as súas necesidades, polo que non ten proxectos para crear novas bases, segundo sinalou en resposta a unha consulta de Campo Galego.

Navigator mantén en Galicia tres parques loxísticos na Coruña, Ferrol e A Susana (Santiago), cos que proxecta continuar

A pasteira lusa sinala tamén que a súa intención pasa por proseguir coas actuais relacións comerciais que ten cos principais madeiristas galegos, que se encargan de intermediar na compra da madeira cos propietarios forestais e de trasladar esa madeira ás tres bases loxísticas da compañía en Galicia.

Evolución das exportacións
As vendas de madeira de eucalipto galego a Portugal chegaron a acadar no 2013 os 1,5 millóns de toneladas (arredor do 40% do total das cortas da especie), pero o peche de Ence Huelva no 2014 reconfigurou o mercado estatal, de xeito que as pasteiras lusas aumentaron as súas compras no sur da península e reduciron as compras en Galicia. Desde o 2015, as vendas de eucalipto galego a Portugal baixaron case á metade, representando arredor de 800.000 toneladas anuais.

A baixada da presenza portuguesa consolidou a Ence, con factorías en Pontevedra e Navia (Asturias) como o comprador dominante de eucalipto en Galicia. As asociacións de propietarios do norte galego, en especial as da Mariña lucense, tiñan expectativas en que unha posible expansión de Navigator a Galicia aumentase a competencia no mercado, se ben de cara ós próximos anos, as perspectivas apuntan a que se manterá o status quo actual, cun dominio de Ence do mercado e a continuación das actuais vendas a Portugal e a outras zonas de España, como o País Vasco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información