Paro no transporte de madeira ás factorías de Ence en Pontevedra e Navia

Paro no transporte de madeira ás factorías de Ence en Pontevedra e Navia

Aprovisionamento de madeira nunha das plantas de Ence. / Arquivo.

A Plataforma de Transportistas para a Defensa do Transporte de Madeira en Galicia e Asturias mantén desde este luns un paro no transporte de eucalipto ás factorías de Ence Pontevedra e Ence Navia (Asturias). O motivo do paro, segundo o colectivo, son as deficientes condicións de seguridade na descarga e manexo da madeira no interior das fábricas.

Os transportistas, que cifran o seguemento do paro nun 90%, demandan tamén a readmisión dun transportista despedido por un incidente con dous ciclistas na entrada da fábrica de Ence en Pontevedra. Segundo a Plataforma, dos 500 camións que lle prestan regularmente servizo a Ence, só están a traballar 56.

Ence, pola súa banda, sostén que está recibindo madeira con normalidade nas súas factorías e nega que haxa ningún problema de seguridade laboral, como afirman os transportistas. Desde a perspectiva de Ence, o paro débese exclusivamente á petición de readmisión do traballador despedido en Pontevedra, un caso que saltara ás redes sociais logo de que un transportista agredira a dous ciclistas, un suceso que foi gravado en vídeo. Segundo a versión do transportista, un dos ciclistas agredírao previamente.

Por parte de Ence, considérase que a agresión cun martelo ós ciclistas foi “salvaxe e inaceptable” e lembra que ese traballador xa fora suspendido un mes no 2015 por agresión a un empregado de Ence. “Ence non está disposta a que a súa actividade produtiva volva verse relacionada cun episodio destas características violentas provocadas por esta persoa”, sinala en nota de prensa a pasteira, que considera “insólita” a defensa colectiva da que está sendo obxecto o traballador despedido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información