Os aserradoiros pídenlle á Xunta que cambie o PDR galego para non ser discriminados nas axudas

Fearmaga denuncia discriminación cos aserradoiros nas axudas do novo PDR galego 2014-2020 en comparación con outras Comunidades. Preocupación porque continúe en abril a restrición á curta de piñeiros polo brote de nematodo

Os aserradoiros pídenlle á Xunta que cambie o PDR galego para non ser discriminados nas axudas

Elier Ojea, presidente de Fearmga, no centro

Unhas 200 empresas e traballadores de toda Galicia reuníronse este mércores en Ponteareas para analizar tres asuntos que preocupan ao sector: o PDR de Galicia 2014-2020, as ordenanzas forestais municipais e as medidas cautelares do nematodo do piñeiro.

A reunión, organizada pola Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga) contou coa participación dos alcaldes de Ponteareas, As Neves, Mondariz e Salvaterra de Miño, representantes de comunidades de montes e da Asociación Forestal de Galicia.

O sector confía en que Medio Rural modifique o PDR galego

O presidente de Fearmaga, Elier Ojea, expuxo a “enorme preocupación” ante a exclusión dos aserradoiros galegos das axudas do novo PDR. En concreto, o 30 de decembro de 2015 a Consellería do Medio Rural publicou unha orde de axudas para Pemes galegas do sector dotada con 10 millóns de euros, con cargo ao devandito PDR.

“Sen embargo, por primeira vez, impuxéronse limitacións que deixan fóra ao 90% das pequenas e medianas empresas do sector do aserrío de Galicia, algo que non ocorre noutras comunidades como Navarra, Cantabria ou o País Vasco, o que supón unha clara discriminación para os nosos serradoiros”, denuncia Elier Ojea.

Segundo Fearmaga, esta preocupación foi trasladada polo sector en tres ocasiones á conselleira de Medio Rural que xustificou as limitacións nunha imposición da Comisión Europea. Neste sentido, na reunión de onte en Ponteareas, Elier Ojea informou de que “Ángeles Vázquez comprometeuse a sacar unha orde de axudas con fondos propios para o sector este ano e a promover un cambio no PDR galego, nos apartados dos que se derivan estas limitacións, na reunión de Bruxelas do 22 e 23 de febreiro”. Esta reunión é “clave para as nosas empresas e esperamos que se poidan cumprir as súas promesas e sacar a orde de axudas” subliñou Ojea.

Reunión coa FEGAMP para unificar as ordenanzas forestais

Por outra banda, Benito García, presidente da asociación da Coruña, expuxo a “confusa” situación ante a inxente cantidade de lexislación que afecta o sector “con máis de 100 ordenanzas forestais municipais diferentes en Galicia, cun procedemento diferente, un papel distinto, prazos de resposta diversos e taxas e avais que fan inviable a actividade de pequenas e medianas empresas”, indicou.

O sector espera que Medio Rural sexa o seu “valedor ante a indefensión lexislativa cos concellos” e cumpra o compromiso de organizar unha reunión coa FEGAMP. O obxectivo é acordar un modelo tipo de ordenanzas forestais para os concellos con esta lexislación.

Máis de cinco anos afrontando en solitario as medidas cautelares do nematodo

Por último, as industrias pediron a Medio Rural información sobre as medidas cautelares que a administración impuxo ás empresas en 2010, cando se confirmou o brote de nematodo de piñeiro nas Neves. Estas medidas, que tiñan unha vixencia de 3 anos, foron prorrogadas vía Diario Oficial de Galicia en 2014 e 2015, “sen información nin coñecemento do sector”.ñ

Os empresarios están preocupados ante a ameaza dunha nova prórroga a partir do 13 abril, data na que expiran as medidas prorrogadas.

No encontro, acordouse crear un grupo de traballo con todos os alcaldes da zona para apoiar ao sector. A primeira reunión quedou fixada para a semana próxima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información