Os propietarios forestais aprecian unha mellora do consumo en madeira de trituración

A demanda de pés de calidade prosegue estancada, segundo a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose), en tanto que os prezos son similares ós do 2014

Os propietarios forestais aprecian unha mellora do consumo en madeira de trituración

A demanda de madeira de calidade para serra continúa estancada, segundo a Cose.

A Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose), na que está integrada a Asociación Forestal de Galicia (AFG), vén de publicar un informe do seu observatorio de prezos da madeira, que constitúe a principal referencia a nivel estatal para valorar a evolución do mercado. O documento conclúe que a demanda e o valor da madeira para trituración está a repuntar lixeiramente, en tanto a madeira de serra de calidade segue cunha demanda estancada.

Os propietarios forestais aprecian un mercado no que, en xeral, continúan estables os prezos do 2014, a pesar de que, din, está mellorando o consumo de madeira de xeito progresivo tras uns anos á baixa pola crise da construcción.

A principal mellora do mercado rexístrase, segundo a Cose, no consumo de madeiras de trituración. A Confederación aprecia que a demanda concurrinte da madeira de trituración para distintos fins (taboleiros, pellets e pasta de papel) ten provocado tensións puntuais que se traduciron en subas de prezo. Como efecto indirecto de tal situación, pés de maior calidade que poderían ter saída parcial para serra destináronse íntegramente para trituración.

A Confederación de Selvicultores destaca tamén o feito de que a industria continúa a premiar a adquisión de madeira en grandes lotes, como o das subastas organizadas pola Asociación Forestal de Valladolid (Asfova), que ten logrado aumentos de prezos significativos pola venda de madeira agrupada, segundo sinala o informe do observatorio de prezos. En anos anteriores, a Federación de asociacións de propietarios de Castela e León tamén fora exemplo por operacións como a venda de 14.000 metros cúbicos de chopo de alta calidade a 57 euros o metro cúbico.

Prezos por destinos e comunidades
O documento da Cose fai unha análise pormenorizada dos prezos para diversas especies e destinos (trituración, serra, chapa e leñas), cun desglose por comunidades autónomas. Os prezos usados son por metro cúbico –que se calcula como equivalente a 0,95 toneladas- en porta de fábrica. Para valorar os prezos da madeira en pé no monte habería que descontarlle os custos de corta, saca e transporte, que dependen de diversos factores (pendente, presenza de pistas forestais, distancia á industria, etc.). Nun documento anterior, a Cose analiza os custos medios das labores de corta, saca e transporte.

En Galicia, en madeira de piñeiro para serra (recta, cilíndrica, libre de nós), os prezos móvense no arco dos 45 a 61 euros, sempre falando de prezos a porta da fábrica e sen Ive. En chapa para desenrolo, con diámetros maiores a 38 centímetros, os prezos rondan os 55-70 euros; en tanto que a madeira de piñeiro dirixida a trituración móvese no arco dos 32-41 euros.

Máis informaciónOs prezos do piñeiro manteñen a estabilidade dos últimos meses (23-10-2015)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información