Os propietarios de 60.000 parcelas recibirán en outubro os avisos para limpar as fincas

Os propietarios de 60.000 parcelas recibirán en outubro os avisos para limpar as fincas

Fincas rozadas en Camariñas ao carón dunha aldea

Antes de que remate o mes de outubro os propietarios de 60.000 parcelas de diferentes puntos de Galicia serán notificados polos seus respectivos concellos para que xestionen debidamente a biomasa nos seus terreos, situados na proximidade de núcleos de poboación.

Isto será posible grazas ao sistema público de xestión de biomasa creado en virtude do convenio asinado entre a Xunta, a empresa pública Seaga e os concellos a través da Fegamp. Os avisos serán para os titulares de predios situados en parroquias priorizadas por este convenio e marcarán un prazo de 15 días, a partir do cal, se non se fan estes labores, iniciaranse as accións subsidiarias correspondentes. Así o advertiu este domingo o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita ao núcleo de Infesta, no municipio ourensán de Monterrei, onde se reuniu cos veciños para explicarlles o proxecto de “aldea modelo” que tamén se enmarca neste convenio.

Ademais, o titular de Medio Rural destacou que son xa 241 os municipios galegos que solicitaron sumarse ao convenio de protección das aldeas e lembrou que o compromiso do sistema público de xestión da biomasa, creado por medio deste convenio, é que todos os terreos incluídos en faixas secundarias de parroquias priorizadas estean limpos este ano. Polo tanto, traballarase nunhas 4.500 hectáreas pertencentes ás faixas secundarias das 70 parroquias priorizadas en 35 concellos.

Mantense a prohibición de realizar queimas agrícolas e forestais

Por outra parte, a Consellería do Medio Rural informa de que as queimas de restos agrícolas e forestais amoreados seguen prohibidas en Galicia ata novo aviso, tendo en conta a variabilidade das previsións meteorolóxicas para os vindeiros días.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, tanto ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como a través do teléfono anónimo de denuncias destas condutas, o 900 815 085.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información