Os piñeiros galegos de alta xenética chegan ó monte

Os viveiros galegos iniciaron nos últimos dous anos a comercialización de planta derivada do programa de mellora xenética impulsado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. O sector agarda agora a inscripción de material tolerante ó nematodo

Os piñeiros galegos de alta xenética chegan ó monte

Plantación de piñeiros de mellora xenética realizada por Finsa conxuntamente co CIF de Lourizán. / Arquivo.

Galicia culminou nos últimos anos un programa de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) que se iniciou hai máis de medio século. O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán logrou desde o 2016 que tres dos seus ensaios de piñeiros se catalogasen polo Ministerio como hortos de semente de material controlado, a categoría ‘top’ na mellora xenética. Esa catalogación garante que as sementes dos piñeiros dos horto sementeiros producirán plantas que medrarán máis, que serán máis rectas e que terán menos nós. Todo ese material está a punto para implantarse no monte galego.

Os viveiros da comunidade comezaron a empregar semente de material controlado hai pouco máis de dous anos. Este proceso, que está nos seus inicios, permitirá unha mellora sustancial da planta ofertada polos viveiros, pois ata o 2016 os viveiros da comunidade limitábanse a comercializar planta convencional de piñeiro, coa única garantía de que estaba identificada como procedente de Galicia. O mercado ofrece agora unha dobre oferta, piñeiros con mellora xenética procedentes de material controlado, catalogado como de etiqueta azul, e piñeiros identificados, os catalogados como de etiqueta amarela, que teñen como única garantía que a súa procedencia é galega.

“A realidade é que no sector forestal hai unha competencia forte por prezo. A introdución de planta con mellora xenética é un proceso que precisa información” (Isabel Álvarez, Vifoga)

A presidenta da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), Isabel Álvarez, apunta que comunidades de montes e propietarios deben ir concienciándose sobre a importancia da calidade da planta. “A realidade é que no sector forestal temos unha competencia forte por prezo, aínda que a planta sexa un dos menores custos dunha forestación” -valora Isabel Álvarez-. “O prezo das sementes de material controlado é loxicamente superior, polo que a maioría de viveiros estamos introducíndoas de forma progresiva e mantemos tamén unha oferta de planta convencional”, sinala a presidenta de Vifoga.

A perspectiva é que a difusión dos piñeiros con mellora xenética vaia en aumento nos próximos anos. “É un proceso que necesita rodaxe e información. Hai clientes que xa perciben a necesidade dunha planta de calidade e que están facendo plantacións cos piñeiros con mellora xenética. Cando esas plantacións se comecen a desenvolver no monte e se vexa que van ben, crearán un efecto exemplo entre os propietarios próximos, pero este é un proceso longo”, conclúe Isabel Álvarez.

Horto sementeiros
Os horto sementeiros de material controlado catalogados nos últimos anos atópanse en Lalín (Pontevedra, 2018) e Gomesende (Ourense, 2016). A estes hai que sumar o da Braxe (Monfero, A Coruña, 2009). Outro dos horto sementeiros de alta xenética catalogado no 2016 atopábase nas Neves (Pontevedra), pero un dos incendios da vaga de lumes do 2017 levouno por diante.

“Estamos ante un material que permitirá reducir os turnos de corta e que demostrou maior crecemento, troncos máis rectos e menos nudosidade” (Enrique Martínez, CIF de Lourizán)

O director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, destaca que Galicia é a única comunidade autónoma que conta con horto sementeiros de ‘Pinus pinaster’ da máxima categoría xenética. “É un material que permitirá reducir os turnos de corta e no que se demostraron ganancias no crecemento en volume, en rectitude da árbore e en menor nudosidade”-subliña Martínez Chamorro-. “Temos xa unhas reservas importantes de sementes e iso permitirá nos próximos anos que os viveiros galegos poidan producir toda a planta precisa para plantacións en monte”, explica.

De cara a incentivar o uso de material con mellora xenética, a presidenta de Vifoga, Isabel Álvarez, propón que o uso de planta de etiqueta azul teña unha prima nas ordes de axudas para forestación con piñeiros. Tamén suxire que esa planta protagonice un uso prioritario nas plantacións que se acometan en montes públicos ou en montes conveniados xestionados pola Administración, unha liña de traballo que tamén o director do CIF Lourizán valora como axeitada. Martínez Chamorro avoga ademais porque se evite unha excesiva diferenza de prezo entre a semente convencional e a de material controlado.

Perspectivas ante o nematodo do piñeiro

A expansión da praga do nematodo do piñeiro, que procedente de Portugal xa acadou o sur da provincia de Pontevedra, plantea un reto para as próximas fases de mellora xenética da especie. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán está a un paso de catalogar materiais que, a parte de garantir melloras xenéticas en crecemento e rectitude, sexan tolerantes ó nematodo, unha cuestión pendente de evaluación polo Ministerio. En canto o Goberno aprobe a alta de material de piñeiro como tolerante ó nematodo, o CIF Lourizán planificará os pasos a dar para transferirllo ó sector, un proceso que se pode dilatar varios anos.

“En todas as especies, as pragas van máis rápido do que podemos ir viveiros e investigadores, polo que hai que convivir coas pragas”, sinala Isabel Álvarez, que recoñece que os piñeiros tolerantes ó nematodo poden tardar anos en estar a disposición dos propietarios forestais. “En todo caso, o nematodo é unha praga que hai que precisar que afecta en monte, pero non a planta de viveiro”, subliña.

Coníferas alternativas
A preocupación de propietarios e comunidades de montes pola expansión do nematodo está a levar a que comecen a desenvolverse pequenas probas con coníferas resistentes á praga, como a sequoia, a criptomeria ou piñeiros coma o ‘Pinus Taeda’. “Son especies que quizais en zonas costeiras cun clima atlántico poidan prosperar ben, pero na maioría dos casos, pensamos que non son válidas para unha provincia coma Ourense, máis seca e cun verán máis extremo. É precisa unha evaluación por zonas”, valora a presidenta de Vifoga.

“Os viveiros están importando pequenas cantidades de sementes de coníferas resistentes ó nematodo para iniciar probas” (Isabel Álvarez, Vifoga)

Unha segunda cuestión a ter en conta é o custo da plantación. “Algúns viveiros están comezando a importar pequenas cantidades de sementes desas especies. Con esas sementes, en xeral temos o problema de que as xerminacións son baixas e por tanto, tendo en conta ademais que a semente é importada, o custo final da planta é alto. Polo de agora están facéndose pequenas plantacións que servirán para evaluar o desenvolvemento destas especies”, considera Álvarez.

Piñeiro insigne
Tras o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), a segunda conífera con maior presenza tradicional en Galicia é o piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), que ten unha superficie importante sobre todo no interior de Lugo. É unha especie coa que tamén o CIF Lourizán está desenvolvendo un programa de mellora xenética, se ben o impacto que están a ter os fungos da banda marrón nos piñeirais de radiata do País Vasco poderían obrigar a replantearse o seu futuro en Galicia.

“A banda marrón é un problema que quizais non teña porque chegar a Galicia, pero o futuro do piñeiro radiata é un tema a meditar, xa que no País Vasco están pensando na súa sustitución por outras especies de coníferas”, recoñece o director do CIF Lourizán, Enrique Martínez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información