Os piñeirais retroceden un 20% en Galicia na última década

Os datos provisionais do novo Inventario Forestal, adicado ás especies produtivas da Cornisa Cantábrica, apuntan a unha perda en Galicia de 73.000 hectáreas de masas puras de piñeiro. Os eucaliptais aumentaron 17.000 hectáreas desde o 2009

Publicidade
Os piñeirais retroceden un 20% en Galicia na última década

Piñeiral en Cedeira tras un rareo e poda. / Arquivo.

O Ministerio de Agricultura está a ultimar un Inventario Forestal das especies produtivas da Cornisa Cantábrica, principalmente eucalipto, piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e piñeiro insigne (‘Pinus radiata’). Os datos finais do Inventario estarán previsiblemente dispoñibles antes do verán, se ben xa se presentou un primeiro avance que permite apuntar tendencias no monte galego. Continúa a producirse en Galicia un serio retroceso dos piñeirais, que perden un 20% das súas masas puras na última década, e, segundo os datos presentados, aumentan os eucaliptais nun 6%.

As coníferas proseguen así a liña descendente que veñen mantendo nas últimas décadas. Se no 2009, o último Inventario Forestal Nacional indicaba a existencia en Galicia de 350.000 hectáreas de masas puras de piñeiro do país e de piñeiro insigne, os datos provisionais do novo inventario apuntan a que os piñeirais de ambas especies quédanse en 277.000 hectáreas (206.000 de piñeiro do país e 71.000 de piñeiro insigne).

Os datos revelan un empate técnico entre piñeiros e eucaliptos no monte galego

O retroceso do piñeiro adoita estar asociado na comunidade ó aumento da superficie de eucalipto, pois se se analiza a serie histórica de datos do monte galego, as cifras de hectáreas perdidas polos piñeirais desde inicios dos anos 90 son similares ás de avance dos eucaliptos. Esa transferencia de superficie a modo de vasos comunicantes semella, sen embargo, reducirse, segundo o avance do novo inventario, pois os eucaliptais gañarían só 17.000 hectáreas, pasando de 283.000 a 300.000, polas máis de 70.000 hectáreas perdidas polas masas puras de piñeiro.

Cos datos provisionais do novo inventario, o eucalipto expándese desde o 2009 a razón de 1.700 hectáreas por ano, unha cifra que, de confirmarse, sería moi inferior ó crecemento da anterior década (1999-2009), onde medraba a máis de 5.000 hectáreas por ano. A percepción do sector forestal, non obstante, apunta a que na última década continuou a mesma liña de sustitución de piñeirais por eucaliptais, aumentada en zonas do interior pola expansión do eucalipto nitens, que prospera a altitudes superiores ós 300-400 metros, ós que está limitado o globulus.

Empate entre eucaliptos e piñeiros
O novo inventario, de tódolos xeitos, non diferencia entre eucalipto globulus e nitens, polo que a dimensión da expansión experimentada polo nitens continúa sendo unha incógnita. A principal conclusión que deixan os datos provisionais do traballo é que existe case un empate no monte galego entre eucalipto e coníferas.

Haberá que agardar polos datos definitivos do inventario para coñecer a situación real do monte galego, pois quedan moitas incógnitas abertas

Cómpre ter en conta que este inventario reflicte só datos de dúas especies de piñeiro, pero non computa outras coníferas -coma o piñeiro silvestre, característico en zonas de montaña de Lugo e Ourense-, que no anterior inventario sumaban unhas 50.000 hectáreas, polo que, en conxunto, as masas puras de coníferas superarán previsiblemente en Galicia as 320.000 hectáreas, aínda algo por riba das 300.000 de eucalipto.

Provincias
Se se analizan os datos provisionais por provincias, o eucalipto consolídase como especie dominante na provincia da Coruña, con máis do 70% da superficie ocupada por especies produtivas; en tanto en Ourense o piñeiro do país continúa sendo a referencia, cun 86% da superficie. En Lugo, existe un equilibrio case ó 50% entre eucalipto e piñeiro, unha situación que se repite tamén en Pontevedra, se ben alí cunha lixeira vantaxe do eucalipto sobre o piñeiro.

Datos definitivos
Haberá que agardar polos datos definitivos do novo inventario forestal para coñecer a situación real do monte galego. Os datos provisionais do traballo, presentados días atrás no Centro de Formación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) por José Manuel Jaquotot, da Secretaría General de Política Forestal, apuntan tamén a unha sorprendente reducción das masas mixtas das distintas especies (coníferas con eucaliptos, coníferas con frondosas, e eucaliptos con frondosas), que rondarían, segundo eses datos, as 135.000 hectáreas, fronte ás máis de 300.000 do inventario do 2009.

O escenario debuxado polo novo inventario deixa moitas lagoas e incógnitas abertas, que deberán ser aclaradas no documento definitivo, previsto para o mes de xuño.

Situación do monte na Cornisa Cantábrica

A Cornisa Cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) representa o 70% das cortas de madeira de España, polo que o Goberno decidiu elaborar un primeiro inventario das especies produtivas nas catro comunidades. O obxectivo do traballo, do que se veñen de coñecer os datos provisionais, é anticipar cifras de utilidade para a cadea da madeira, sen ter que agardar polos datos globais do V Inventario Forestal Nacional, para o que aínda non hai data.

O traballo conclúe que nas catro comunidades da Cornisa hai arredor dun millón de hectáreas de especies produtivas, das que 713.000 estarían en Galicia, 103.000 en Asturias -50.000 de eucaliptos-, 41.000 en Cantabria -unhas 30.000 de eucaliptos-, e 158.000 no País Vasco -máis de 100.000 de piñeiro insigne-.

Por especies, hai 404.000 hectáreas de eucaliptais, 212.000 de piñeiro radiata, 231.000 de piñeiro pinaster, 135.000 de especies produtivas en mestura e 33.000 de especies produtivas en mestura con frondosas caducifolias.

O traballo non aporta datos das frondosas caducifolias (castiñeiros, carballos, rebolos, bidueiros, etc.), das que, segundo o anterior Inventario Forestal Nacional (2009), había en Galicia máis de 423.000 hectáreas, sen contar a superficie en mestura con especies produtivas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información