Os parásitos autóctonos súmanse á loita contra a avespiña do castiñeiro

Unha investigación da Escola Politécnica de Lugo comproba que un 23% das bugallas xeneradas polas postas de ovos da avespiña estaban parasitadas por insectos autóctonos

Os parásitos autóctonos súmanse á loita contra a avespiña do castiñeiro

Equipo da Universidade de Santiago recollendo bugallas nos castiñeiros o pasado ano.

A avespiña do castiñeiro, unha praga que se detectou en Galicia por primeira vez no 2014, xa ten colonizado case todo o territorio da comunidade. Para combatila, a vía máis eficaz que se coñece é a loita biolóxica por medio da solta do ‘Torymus sinensis’, un insecto orixinario de Asia, igual que a avespiña, que se alimenta dela e parasita as súas postas de ovos. Pero o ‘Torymus’ non está so no combate fronte á avespiña. Unha investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago) comprobou a existencia de parásitos autóctonos que tamén se alimentan da praga.

Durante a primavera-verán do 2017, un equipo da Escola Politécnica coordinado pola profesora María Josefa Lombardero recolleu un total de 8.678 bugallas en árbores atacados pola avespiña . O obxectivo era comprobar a presenza de parasitoides autóctonos. “Nas masas de carballos galegas, hai unhas 56 especies de cinípidos -avespiñas que orixinan a formación de bugallas- que teñen máis de 100 parasitoides asociados. É posible que parte deses parasitoides pasen tamén ós soutos de castiñeiros para alimentarse da avespiña”, valora Josefa Lombardero.

“Nas carballeiras galegas hai arredor de 100 especies de parasitoides de avespiñas. É posible que unha parte deles pase ós soutos de castiñeiros”

A ‘colaboración’ dos parasitoides autóctonos na loita contra a avespiña é importante, pois aínda que este ano as soltas de ‘Torymus’ vanse multiplicar por doce en relación ó 2017, a súa eficacia non é inmediata. “Pode suceder que o ‘Torymus’ tarde en instalarse en determinadas zonas e tamén hai que ter en conta que non é todo o específico que nos gustaría, pois pode atacar tamén a algúns cinípidos das carballeiras”, explica Josefa Lombardero.

Evaluación
A investigación analizou a presenza de parásitos autóctonos nun total de 102 localidades de Galicia. Instaláronse ademais 4 parcelas de seguemento nas que se fixo un control semanal. Estas parcelas, creadas nos concellos de Baleira (Lugo), Lugo, Guísamo (A Coruña) e Pantón (Lugo)), así como outras 17 parcelas de control, ubicáronse nalgúns casos preto de carballeiras, a fin de comprobar se había unha maior presenza de parasitoides que puidesen desprazarse desde os carballos próximos.

“Os parásitos nativos non van rematar coa praga, pero suman no seu control” (Josefa Lombardero)

Logo dun ano de traballo, o equipo da Escola Politécnica detectou un total de 16 parásitos autóctonos que operan sobre a avespiña do castiñeiro. O proxecto precisará de máis anos para ter unha conclusións definitivas, pero os resultados apuntan a que os parásitos autóctonos están a sumar na loita contra a avespiña.

Conclusións
Un 23% das bugallas muestreadas estaban parasitadas, unha porcentaxe que se reduce ó 17,2% se se teñen en conta o número de individuos parasitados. “É certo que os parásitos autóctonos non van rematar coa praga, pero tampouco o ‘Torymus’ vai facelo. O importante é que os parásitos nativos suman no control da avespiña”, sinala Josefa Lombardero.

Parásito nativo nunha bugalla.

Parásito nativo nunha bugalla.

Lombardero apunta que o ‘Torymus sinensis’ deberá ter un impacto moi superior ó que logran os parásitos autóctonos, aínda que tamén advirte de que “non funcionará sempre igual nin en todas as áreas igual”. Un aspecto a cuidar nas soltas é o intre da liberación dos ‘Torymus’ no medio, “pois a dureza das agallas aumenta co tempo e dificulta a posta dos parásitos”, explica Lombardero, que expuso as investigacións do seu equipo nunhas xornadas sobre o castiñeiro organizadas recentemente polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información