Os montes veciñais proxectan unha lonxa da madeira para organizar poxas conxuntas

A Organización Galega de Comunidades de Montes impulsa a iniciativa, que procura a concentración da oferta para obter mellores prezos. Estará aberta á participación de propietarios particulares

Os montes veciñais proxectan unha lonxa da madeira para organizar poxas conxuntas

A lonxa está en trámites de constitución.

Na procura de mellores prezos para a madeira, tres comunidades do sur de Pontevedra organizáronse hai uns anos para programar poxas conxuntas dos lotes que querían vender. Axiña comprobaron que a experiencia pagaba a pena e que os prezos acadados eran superiores á media do mercado, tanto en piñeiro como en eucalipto. Esa experiencia serviu de base para o deseño dun proxecto a nivel galego, a creación dunha lonxa da madeira que organizará poxas conxuntas de lotes ubicados nunha mesma zona. O proxecto estará aberto tanto a montes veciñais como a propietarios particulares.

A iniciativa é impulsada pola Organización Galega de Comunidades de Montes. O seu presidente, Xosé Alfredo Pereira, destaca as vantaxes que implica a venda en conxunto, principalmente un aforro en cuestións loxísticas para o madeireiro comprador. “A concentración da oferta na mesma zona leva a un aforro dos custos en transporte de maquinaria e noutras cuestións, e iso reflíctese no prezo final que obteñen os propietarios”, valora.

Pereira é tamén o presidente da comunidade de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona), un dos tres montes veciñais que se organizaron no sur de Pontevedra para a venda en conxunto da madeira, unha experiencia que considera moi positiva. “Os números están claros –conta-. A nós chegáronnos a pagar o piñeiro en pé a 42 euros o metro cúbico (sen IVE)”, un prezo que se sitúa no pico superior do mercado.

“É un proxecto difícil, pero ilusionante. Pensamos que pode rachar cos oligopolios de prezos que marcan algunhas empresas”

Presentación de ofertas
O sistema de poxa usado por estas tres comunidades obriga á presentación das ofertas en sobre pechado, sen un prezo de saída previo. As propias comunidades presentan tamén unha oferta en sobre pechado que, de non superarse, fará que a poxa quede deserta. “É unha fórmula coa que evitamos posibles acordos dos compradores para levarse a madeira a baixos prezos” -explica Pereira-. “Con este sistema, comprobamos que se os lotes son bos e lle interesan ás empresas, véndense a bo prezo para as comunidades. O madeireiro gaña menos, pero tamén gaña”.

No peor dos casos, a poxa quedaría deserta, unha posibilidade que para as comunidades tampouco supón maior problema, “xa que estamos traballando cun produto non perecedoiro”. A Organización Galega de Comunidades de Montes quere trasladar agora esta fórmula ó conxunto de Galicia, para o que está a impulsar a creación dunha lonxa da madeira que poida organizar poxas conxuntas a partir de lotes que estean situados en zonas xeográficas próximas. “É un proxecto difícil –recoñece Pereira-, pero estamos moi ilusionados. Pensamos que pode ser moi interesante de cara a rachar o oligopolio de prezos que marcan determinadas empresas, como pode ser Ence no caso do eucalipto”.

A iniciativa busca un encaixe legal, xa que o Ministerio de Justicia opúxose á figura ideada nun principio

Trámites
A iniciativa busca agora un encaixe legal. A Organización Galega de Comunidades de Montes iniciou os trámites para crear unha sociedade unipersoal ó efecto, aínda que o Ministerio de Justicia opúxose á constitución da mesma. “Denegáronnos a creación da sociedade co argumento de que os montes veciñais non temos por obxecto a venda de madeira” –explica o presidente da Organización-. “É verdade que ese non é o noso único obxectivo, pero si un deles. Esta denegación vén a demostrar unha vez máis que en Madrid non entenden o que é o monte veciñal –critica-. En calquera caso, buscaremos outra figura legal para darlle cobertura á iniciativa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información