Os montes conveniados emprazan á Xunta a consensuar todas as cortas

A Organización Galega de Comunidades de Montes pide plans de ordenación nas superficies xestionadas pola Administración autonómica. En tanto non exista esa planificación, solicita que se pacten acordos anuais con cada comunidade

Os montes conveniados emprazan á Xunta a consensuar todas as cortas

O remate dos convenios actuais cos montes veciñais prevese para o 2021.

As comunidades de montes veciñais coinciden na necesidade de que se mellore a xestión das superficies que están conveniadas coa Xunta. A Organización Galega de Comunidades de Montes, que vén de celebrar a súa asemblea anual, acordou emprazar á Administración autonómica a executar todas as cortas cun acordo previo coas comunidades de montes.

“En teoría, os montes conveniados deberían ter un plan de ordenación que regulase as cortas, pero houbo un incumprimento sistemático por parte da Xunta e moitas carecen dese instrumento de xestión” -sinala o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Alfredo Pereira.- “En tanto non se poñan en marcha os plans de ordenación que estean pendentes, acordamos pedirlle á Xunta que toda corta se faga cun acordo anual previo con cada comunidade”.

“Existe o medo a que nos montes con débedas, a Xunta queira cobrar os cartos pendentes con cortas excesivas”

Fin dos convenios
A demanda dos montes veciñais nace do temor a que a Administración practique cortas excesivas antes do remate dos convenios e consorcios, que teñen data de caducidade no 2021.

“Existe o medo a que naqueles montes con débedas, a Xunta trate de cobrar os cartos pendentes facendo cortas a matarrasa. Se se aplicase o sentido común, non debería ser así, pero en calquera caso, para garantir unha xestión forestal racional, a Xunta debería sentarse a falar e chegar a acordos por escrito”, sinala Alfredo Pereira.

Tramitacións telemáticas
Outro asunto que preocupa nas comunidades de montes é a obriga inminente de que tódolos trámites coa Xunta se xestionen por internet. “Está claro que non todas as comunidades dispoñen dos medios técnicos necesarios e ademais en moitas zonas do rural non hai tecnoloxía axeitada para facer esos trámites”, advirten desde a Organización Galega de Comunidades de Montes.

O colectivo está de acordo en que hai que avanzar cara o escenario de que tódolos trámites se fagan por internet, pero precisa que hai que deixar unha marxe de tempo para a adaptación.

Propostas para a ordenación do eucalipto

A Organización Galega de Comunidades de Montes posiciónase a favor da regulación do eucalipto en Galicia, pero non está de acordo coa proposta da Xunta, pois entende que non se debe prohibir a especie en determinados concellos do interior de Lugo e en Ourense, tal e como pretende o borrador de decreto presentado por Medio Rural.

As comunidades de montes, que xa lle trasladaron as súas achegas á Consellería, avogan por unha regulación en toda Galicia que inclúa a progresiva retirada da especie de terras agrarias e das ribeiras, así como unha normativa de plantación que estableza discontinuidades nas masas de eucalipto, evitando superficies continuas superiores ás 10 hectáreas. O obxectivo é o de reducir o posible impacto dos lumes.

Madeira de calidade
Tamén se propón que os montes veciñais que traballen con eucalipto teñan que reservar unha parte da superficie para a produción da especie con destino a madeira, con turnos de corta no entorno dos 30 anos. “O eucalipto ten sitio no monte, pero sempre que as terras e as masas boscosas estean ordenadas”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información