Os lumes forestais aumentan en número e intensidade

Medio Rural demanda a colaboración cidadá para deter ós incendiarios. Desbota que haxa unha trama organizada detrás dos incendios

Os lumes forestais aumentan en número e intensidade

Medio Rural pide a colaboración cidadá contra os incendiarios.

Galicia está a sufrir nos últimos días un repunte do número de incendios e da súa intensidade tras un comezo de agosto máis tranquilo. O domingo pasado rexistráronse 75 lumes e desde entón son varios os incendios que acadaron importantes dimensións, como os de Viana ou o de Toques, ambos con arredor de 300 hectáreas calcinadas. Entre as 9 da noite do luns e as 9 da mañá do martes iniciáronse outros 41 lumes.

Ante esta situación, a Consellería do Medio Rural convocou unha reunión do Comité Policial contra os Incendios Forestais co obxectivo de analizar a actividade incendiaria e facerlle fronte do xeito máis eficaz. O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández Couto, sinalou tras o encontro que se debateron “melloras para os labores de vixilancia e disuasión”, se ben precisou que non se pode poñer un policía detrás de cada potencial incendiario.

A reunión convocouse a semana pasada logo de que en Agolada (Pontevedra) se rexistraran nove incendios en a penas unhas horas. Os responsables de Medio Rural e da Xunta insisten estes días no sabido desde hai anos, boa parte dos incendios son provocados, aínda que as declaracións dos políticos e as informacións periodísticas en ocasións van máis alá e aluden de xeito explícito ou implícito á idea dunha trama organizada tras os incendios.

A idea da trama organizada é unha serpente de verán que desaparece e reaparece de cando en cando, da man da menor ou maior intensidade e virulencia dos lumes. Este artigo do 2011 lembra e enlaza os informes serios que se elaboraron sobre as causas dos lumes e alude tamén ironicamente á lenda urbana da trama. En calquera caso, Fernández Couto foi claro á hora de desbotar a existencia de tramas organizadas e tamén negou unha posible intencionalidade política dos lumes.

“É difícil facer calquera cousa nunha parroquia sen que ninguén se entere, pero cos lumes pasa o contrario” (Fernández Couto)

A Consellería informou tamén de que seis persoas prestarán declaración estes días pola súa suposta implicación en incendios forestais. Tanto Medio Rural como a Guardia Civil demandan a colaboración cidadá para localizar ós incendiarios. Desde a Guardia Civil sinalan o número de teléfono 062 como referencia para calquera denuncia. “Resulta difícil de explicar que sexa complicado facer calquera cousa nunha parroquia de Galicia sen que ninguén se entere, pero cos incendios semella que pasa o contrario. Ninguén sabe nin ve nada”, cuestionou Fernández Couto.

Accións post-incendios
Outra reunión mantida hoxe en Santiago foi a da Mesa de coordinación de accións post-incendios. Este organismo planificou accións de consolidación dos solos, que comezarán xa en setembro, utilizando técnicas como o “mulching” de palla, que consiste en cubrir con este material o terreo para evitar erosión. O secretario xeral cualificou como “urxente e importante” facer estes labores de consolidación, que son moi eficaces e que acadan niveis de minoración de escorrentías de entre o 70 e o 90 por cento respecto ás perdas que se rexistrarían de non facelas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información