Os dilemas da xestión forestal na fronteira do monte coas casas

O manexo público das distancias entre núcleos de poboación e arborado xera descontentos tanto entre propietarios de casas como entre silvicultores. Analizamos a situación e o que di a lei

Publicidade
Os dilemas da xestión forestal na fronteira do monte coas casas

Lume en Boborás (Ourense). / Archivo.

Dous terzos do territorio galego son monte e no outro terzo hai máis de 30.000 núcleos de poboación, arredor da metade de núcleos habitados de todo o Estado. A consecuencia, un inevitable entrecruzamento do monte coas vivendas que representa unha ameaza ante un escenario de grandes lumes forestais, como o que se viviu o pasado outono. A Xunta ten computadas 158 vivendas con danos nos incendios de outubro, así como 27 instalacións empresariais. Que se pode facer de cara ó futuro?

A normativa sobre as distancias que teñen que existir entre monte e vivendas é clara desde hai unha década, pero do seu cumprimento non se preocuparan ata agora nin Administracións nin propietarios forestais.

Un estudo sobre un patrimonio familiar de 12 hectáreas de monte concluíu que se se respetaba a normativa, só 4 hectáreas podían estar arboradas

A situación é caótica e xera descontentos varios. O descoido da Administración en facer cumprir a lei enfada ós propietarios de casas, en tanto colectivos de propietarios forestais xa amosaron a súa disconformidade co endurecemento da normativa de distancias. Desde xaneiro deste ano, os piñeiros e eucaliptos teñen que afastarse un mínimo de 50 metros das vivendas, en lugar dos 30 metros requeridos anteriormente e que, con carácter xeral, nin se cumprían nin se facían cumprir.

Das dificultades de cumprir a lei dá conta un estudo elaborado por unha enxeñeira de montes, Isabel Abalos, sobre un patrimonio familiar de 12 hectáreas de monte. Esas 12 hectáreas, divididas en 51 parcelas, quedarían na práctica en menos de 4 hectáreas con árbores se se respetasen toda a normativa de distancias a vivendas, vías de comunicación, cauces fluviais e outros elementos regulados, pois 8,6 hectáreas terían que ser despexadas.

“Que facemos. Seguimos igual que ata agora ou cumprimos a lei e esquecémonos desas 8 hectáreas?”, preguntábase Juan Picos, da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, nunhas xornadas o pasado outono nas que citou o exemplo do caso analizado por Isabel Abalos.

Repasamos a continuación os escenarios que se poden dar coas edificacións na interface urbán – forestal.

Vivendas ou edificacións con licenza de obra
A lexislación é clara ó respecto. A menos de 50 metros de vivendas illadas ou núcleos de poboación non pode haber piñeiros e eucaliptos, en tanto as frondosas caducifolias teñen que estar ben separadas entre si, non podendo constituír masas densas. A maiores, eses 50 metros deben estar rozados ao inicio do verán.

Se esa lexislación non se cumpre, as Administracións competentes poden proceder de oficio ou por instancia dos propietarios das vivendas, que poden requerir o cumprimento da normativa. As Administracións enviaranlle unha notificación o propietario, que ten 15 días de prazo para a retirada do arborado. En caso de non facelo, a Administración pode encargarse de executar as cortas.

Na práctica, a intervención da Administración a este respecto foi ata agora escasa, con excepcións como a do Concello de Ribadeo.

E se o monte estaba antes que a edificación?
A Lei de Prevención de Incendios 3/2007 obriga ó cumprimento das distancias con respecto a todas as edificacións existentes, pero precisa que as novas edificacións -sexan explotacións agrícolas, gandeiras ou vivendas- deberán asegurar a existencia dunha franxa perimetral de protección de 30 metros de ancho libre de piñeiros e eucaliptos. Esa normativa modificouse en decembro do 2017 para ampliar a franxa de protección ós 50 metros.

En base ao que di a Lei, producíronse casos de Concellos que, ante denuncias do propietario dunha vivenda, negáronse a actuar porque interpretan que o arborado é anterior á existencia da nova edificación. Outra cuestión é por que se concedeu a licenza se a edificación non cumpría coa obriga de “asegurar a existencia dunha franxa perimetral de protección”.

Vivendas sen licenza de obra
Nas vivendas ou edificacións sen licenza de obra, o seu propietario pode esixir a retirada do arborado, pero terá que indemnizar ó titular da parcela forestal e pagarlle un lucro cesante pola madeira que deixa de producir. En canto á roza do mato no contorno da vivenda, terá que ser feita polo propietario do edificio, podendo dispoñer dunha servidume de paso forzosa para esa tarefa.

En Unións Agrarias de Ordes tiveron este outono un caso no que a Administración denegou a solicitude dun particular para que se actuase contra o titular da parcela forestal lindante coa súa casa. O motivo era que a vivenda carecía de licenza municipal. Tras os lumes de outubro, ese caso resultoulles chocante, pero a lexislación é clara.

Desde a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo forestal ligado a Unións Agrarias, Jacobo Feijoo resume a situación: “Se hai arborado próximo a unha vivenda con licenza municipal, a Administración ten que actuar para garantir a seguridade das persoas. Esa é a prioridade. No caso de que a vivenda non teña os correspondentes permisos, o propietario pode requerir a retirada do arborado, pero terá que indemnizar ó titular forestal”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información