“Os bosques primixenios son un mito, os nosos bosques son froito de plantación ou omisión”

Entrevistamos ó decano do Colegio Oficial de Ingenieros de Montes, Eduardo Rojas, quen destaca as achegas do mundo forestal ao benestar colectivo a nivel ambiental, social e económico

“Os bosques primixenios son un mito, os nosos bosques son froito de plantación ou omisión”

Eduardo Rojas, decano do Colegio de Ingenieros de Montes, nunha recente conferencia.

O decano do Colegio de Ingenieros de Montes, Eduardo Rojas, tamén presidente da plataforma Juntos por los Bosques, sitúa ao mundo forestal nun papel estratéxico para o conxunto da sociedade. “Prestamos servizos que contribúen ao benestar colectivo en todos os ámbitos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable”, asegura. Nesta entrevista, abordamos o que Rojas considera unha “falsa polarización” entre o mundo forestal e o ambiental.

Vostede defende que os bosques fan unha achega fundamental ao benestar colectivo. Explíquenos esa idea.
– Se un colle os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) definidos pola ONU como desexables, pode comprobar que o mundo forestal contribúe practicamente a todos eles, con maior ou menor peso. É coñecido o papel dos bosques na loita contra o cambio climático, pola súa función na captura de dióxido de carbono (CO2) atmosférico, ou o seu papel na conservación da biodiversidade e na regulación do ciclo da auga; pero as súas funcións van moito máis alá.

“Os bosques eran ata hai pouco a gasolineira do planeta e na actualidade seguen a ser a primeira fonte de enerxía renovable”

Os bosques tiveron e teñen un papel destacado para mitigar a pobreza en multitude de países en desenvolvemento ou en países que sufriron severas crises, nos que o bosque representou un cinto de seguridade pola súa achega en leñas, madeira, comida para o gando ou cogomelos.

O bosque tamén é saúde. Está demostrado que pasar tempo no bosque ten un impacto positivo na saúde física e psíquica, por non falar dos produtos que se extraen do bosque para a industria farmacéutica.

Outra das cuestións que destaca é o papel dos bosques como enerxía renovable.
– Até hai poucas décadas, os bosques eran a gasolineira do planeta. E seguen sendo a primeira fonte de enerxía renovable. Pensen que nun continente como África, a leña representa unha cuarta parte de toda a enerxía.

“Por que predominaron as xanelas de aluminio? Porque tiñamos Alcoa, moi subvencionada. Se se tivese apoiado a empresas forestais, teriamos xanelas de madeira”

A madeira é ademais o material renovable máis importante a nivel mundial. A previsión é que incremente o seu peso na construción, principalmente con madeira de piñeiro e outras coníferas, e xa é posible mesmo construír rañaceos con novos produtos de madeira. É ademais un sector que xera dez millóns de empregos en todo o mundo e que no noso país, ten un papel importante na cohesión territorial e social, con multitude de pequenas e medianas empresas que é conveniente apoiar.

Pensemos por que en España utilizábanse maioritariamente xanelas de aluminio. Porque tiñamos unha industria de aluminio, que era Alcoa, que estaba subvencionada. No seu lugar, poderían existir subvencións ao sector forestal para desenvolver pequenas e medianas empresas, e que en España tivésemos xanelas de madeira, como hai practicamente no resto de Europa. O forestal é un sector con capacidade de dinamizar a economía.

Existe en ocasións unha percepción social do mundo forestal como un sector productivista confrontado coa conservación do medioambiente. Como ve esa confrontación?
– Unha cuestión a ter en conta é que en toda a fachada atlántica europea carecemos de cultura forestal, a diferenza do que sucede en Centroeuropa. Tivemos unha deforestación moi intensa até finais do século XIX por factores diversos, como a agricultura, a gandaría ou a extracción de materia prima para o seu uso marítimo ou ferroviario.

“En toda a fachada atlántica europea carecemos de cultura forestal. Chegamos ó século XX sen bosques e apareceu a idea de reconstruir bosques primixenios”

Chegamos ao século XX case sen bosques, cunha propiedade moi fragmentada, e é certo que na actualidade pode existir unha idea social, máis ben un mito, sobre a reconstrución de bosques primixenios. O certo é que hai séculos que non temos bosques orixinarios. Os nosos bosques son case na súa práctica totalidade froito da plantación ou da omisión.

En relación con esa idea do bosque primixenio, en Galicia percíbese que unha parte importante da poboación é contraria ás plantacións de eucalipto, sendo máis favorable ás frondosas caducifolias, que se perciben como autóctonas e máis ricas en biodiversidade. Como ve esta polémica?
– En canto á autoctonía, falar de sistemas orixinarios é imposible. Na nosa historia, tivemos glaciacións que alteraron en repetidas ocasións os ecosistemas e sempre houbo unha gran influencia humana do territorio, co uso do lume para crear pastos e terras agrícolas. Se analizamos os rexistros históricos, os piñeiros teñen tanto ou máis dereito que as frondosas caducifolias a considerarse autóctonos en Galicia, pois hai constancia da súa existencia alí desde fai miles de anos. Que non se consideren autóctonos é consecuencia de programas educativos equivocados.

“Que os piñeiros non se consideren autóctonos en Galicia, ao mesmo nivel das frondosas, é consecuencia de programas educativos errados”

Estou de acordo en que no monte débese promover un equilibrio de especies e non apostar todo o investimento a unha carta, como pode suceder nalgunhas zonas de Galicia co eucalipto, pero tamén hai que contar co propietario forestal. A ninguén se lle ocorre ir a Jaén a dicirlles aos olivareiros que non poden ter toda a provincia con oliveiras, ou ir a Motril (Granada) a pedirlles que deixen de plantar aguacates e que poñan amendoeiras.

Se o propietario pode obter unha rendibilidade dunha plantación en 15 anos, por que vai ter unha carballeira 100 anos?. Desde un punto de vista económico racional, non hai argumentos. Se se queren determinados servizos, a solución podería ser a de pagarlle aos propietarios por un servizo ambiental, para o que habería que crear un Fondo Forestal, pero non hai forma de que a Administración asuma esa visión.

En calquera caso, aínda que en Galicia existe unha idea de que o eucalipto vai en prexuízo das frondosas, o certo é que no conxunto do territorio de Galicia, as estatísticas demostran que as frondosas dobraron a súa superficie desde os anos 90. Existe unha percepción social equivocada sobre a realidade do monte?
– Totalmente, se un analiza o que sucede en Galicia, nas zonas do interior, con altitudes superiores a 400 ou 500 metros, onde o eucalipto non prospera, as frondosas gañaron territorio nas últimas décadas polo abandono de actividades agrarias.

“Son favorable á diversificación de especies e a buscar un equilibrio nos bosques, pero non podemos machacar a unha especie, o eucalipto, por motivos paixonais”

Insisto en que son favorable á diversificación e a que haxa un equilibrio de especies no monte, pero non podemos machacar a unha especie, o eucalipto, por motivos pasionais. Non sexamos tan frívolos de desprezar todo o emprego e as rendas ligadas á cadea do eucalipto.

Os nosos bosques son resultado dunha plantación ou dunha omisión. Se a alternativa ao eucalipto son os toxos, teremos máis combustible no monte e máis abandono. As preocupacións deben encamiñarse a promover unha boa xestión forestal e a buscar fórmulas para paliar o problema do minifundio.

Que perspectivas hai co cambio climático en cuestións como os incendios forestais ou a sanidade forestal?
– O cambio climático xerará máis xanelas de risco, principalmente por ventos fortes, que serán un problema a nivel de incendios e de derribas de árbores. Será precisa unha mellora das plantas forestais para garantir un bo enraizamento.

En canto aos incendios, Galicia presenta de sempre un escenario complicado porque ten unha combinación dun clima húmido gran parte do ano cun clima seco no verán. A consecuencia é que se desenvolve moito a vexetación e que os incendios son máis perigosos. E se o monte está abandonado, é un problema tanto a nivel de incendios como de pragas forestais. É imprescindible non abandonar a xestión e promover unha boa xestión forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información