O sistema de rozas bonificadas no monte prevé activarse esta primavera

A Federación Galega de Municipios e Provincias sinala que se está a traballar na delimitación das franxas de protección naquelas parroquias que presentan maiores riscos

O sistema de rozas bonificadas no monte prevé activarse esta primavera

Zona de Camariñas na que se creou unha franxa de protección en torno ás vivendas. / Arquivo.

O sistema de rozas bonificadas que están a impulsar conxuntamente a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta activarase previblemente esta primavera. Os 152 Concellos participantes do sistema están na actualidade procedendo a delimitar as franxas de protección en torno ós núcleos con maiores riscos e espérase que as primeiras rozas poidan acometerse a maís tardar a finais de maio ou comezos de xuño, segundo destaca o presidente da Fegamp, Alfredo García.

O traballo que están a executar os Concellos participantes nos últimos meses é “complexo pero eficaz e beneficioso”, valora García. Estase ultimando na actualidade a delimitación das franxas de protección en torno ás parroquias máis conflitivas desde o punto de vista dos lumes. Esa delimitación, que terá que ir acompañada da identificación dos propietarios das parcelas, formará parte dos futuros plans de prevención de incendios que terán que elaborar os Concellos participantes no sistema.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, incide en que o obxectivo do sistema de rozas non pasa por limpar todas as franxas de protección en cada Concello, senón só aquelas máis problemáticas. Por ese motivo, García considera que non haberá problemas na baremación das zonas que precisan das rozas bonificadas, xa que ao seu entender resultan evidentes. “Hai parroquias que teñen alomenos un incendio cada ano nas que está claro que hai que actuar de xeito prioritario”, destaca o presidente da Fegamp.

O sistema de rozas bonificado, que permite que os veciños accedan a rozas a 350 euros por hectárea, un custo moi inferior ó do mercado, priorizará a aquelas parroquias que cumpran con algunha das seguintes características: ser unha parroquia catalogada como de alta actividade incendiaria, ter sido afectada pola vaga de lumes do 2017, ter sufrido un lume de nivel 2 (con perigo para as vivendas) nos últimos dez anos ou estar nunha zona costeira da provincia da Coruña afectada por ventos do Nordés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información