O sector forestal pide unha mellora da interlocución coa Xunta sobre o Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020

As organizacións de propietarios, as asociacións de empresas de servizos e a patronal das empresas da madeira mantiveron un encontro coa conselleira do Medio Rural para abordar a política forestal da Xunta

O sector forestal pide unha mellora da interlocución coa Xunta sobre o Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020

O sector pide maior consenso sobre as ordes de axudas forestais.

O conxunto das organizacións do sector forestal mantivo unha reunión coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para trasladarlle as inquedanzas de propietarios e empresas en relación a aspectos da política forestal da Xunta. O groso do encontro centrouse no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, para o que propietarios e empresas piden consenso e máis diálogo por parte da Administración.

Os colectivos do sector acudiron á reunión cunhas propostas comúns, coordinadas previamente á xuntanza coa conselleira que tivo lugar na tarde de onte. Participaron na reunión a Asociación Forestal de Galicia, Promagal, a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e Silvanus pola parte dos propietarios forestais; Serfoga e Asemfo por parte das empresas de servizos forestais; Vifoga, como o colectivo que agrupa ós viveiros forestais de Galicia; e Confemadera Galicia, a patronal que agrupa ás industrias da madeira e rematantes.

O sentir común dos axentes do sector pasa por pedir unha maior participación nas ordes de axudas do PDR ligadas a cuestións forestais. “Queremos que as ordes se pacten co sector e que haxa unha programación para que se resolvan en intres axeitados e con prazos de execución suficientes. Por exemplo, os traballos silvícolas de prevención de lumes sería bo acometelos antes do verán, en tanto as plantacións forestais non se poden facer no verán” -explica Jacobo Feijoo, de Asefoga. “Trátase de programar os tempos da Administración cos tempos de xestión”, valora.

As organizacións pediron tamén unha simplificación das ordes de axudas, de xeito que sexa máis sinxelo facer as solicitudes, e respeto e interlocución en relación ó presuposto pactado para os distintos capítulos do PDR.

A Xunta prevé plans piloto de loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro que permitirán o seu axeitado control

Sanidade forestal
En cuestións de sanidade forestal, Medio Rural trasladoulle ó sector garantías para un axeitado control da avespiña do castiñeiro. Para este ano, o Ministerio autorizará soltas piloto do ‘Torymus sinensis’, o insecto co que se efectúa a loita biolóxica contra a avespiña. A previsión é que en Galicia se executen plans piloto naquelas áreas máis afectadas pola praga, de xeito que haxa un control efectivo do problema.

Normativas
Os colectivos forestais comunicáronlle tamén á conselleira a súa preocupación por algunhas normativas qsue afectan ás plantacións e traballos silvícolas, caso da Lei do Solo ou da Rede Natura, para a que se pediu unha maior coordinación na súa xestión entre a Consellería de Medio Ambiente e a de Medio Rural.

Lei do Solo, Rede Natura e Catastro foron outras preocupacións trasladadas polo sector

Houbo ademais tempo para preocupacións particulares de cada colectivo. Desde Promagal, o seu presidente, Ramón Reimunde, demandou da Administración unha solución ós problemas que se detectan co Catastro nas parcelas forestais, unha cuestión que xa as Promas abordaran na súa última reunión: “O Catastro está mal feito, ten mal os datos e esta situación ocasiona moitos problemas para os propietarios”- advirte Ramón Reimunde.- “Pedimos que a Administración destine fondos do PDR a revisar e actualizar o Catastro”.

Fiscalidade
Reimunde tamén avogou ante a conselleira por poñer en valor a figura do silvicultor activo, “que se ocupa do monte e vive del. Ese silvicultor ten que ser premiado pola Administración”, valora o presidente de Promagal, que recoñece avances fiscais que xa se teñen producido, como as bonificacións nas transmisións familiares e permutas de parcelas forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información