O sector do castiñeiro prevé importantes perdas pola avespiña e as xeadas

O presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, advirte de que o impacto da praga medrará ano a ano, polo que reclama do Ministerio unha axilización dos permisos para emprender a loita biolóxica masiva

O sector do castiñeiro prevé importantes perdas pola avespiña e as xeadas

O sector da castaña pronostica que se aveciñan anos compricados coa avespiña.

A castaña galega enfróntase previsiblemente a uns anos complicados. O presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, recoñece que esta campaña xa se esperan perdas debidas á avespiña do castiñeiro, unha praga que se detectou hai tres anos en Galicia e que se extendeu con rapidez por todas as principais zonas produtoras. “A progresión da avespiña está sendo peor da que esperabamos. Sabemos que van vir uns anos malos”, constata.

A Indicación Xeográfica Castaña de Galicia está integrada na Red Nacional del Castaño, un colectivo que vén demandando do Ministerio de Agricultura unha maior axilidade no combate da praga.

O único sistema coñecido para combatir a avespiña consiste na loita biolóxica a través da liberación dun insecto, o ‘Torymus sinensis’. O problema radica en que Agricultura está a retrasar a autorización para facer soltas masivas do ‘Torymus’. Polo de agora só permitiu soltas experimentais, que no sector considéranse insuficientes. En Galicia, no 2015 liberáronse 10.000 ‘Torymus’. O ano pasado foron 66.000 e este ano 133.000.

Bugallas da avespiña do castiñeiro. / Imaxe: Areeiro.

Bugallas da avespiña do castiñeiro. / Imaxe: Areeiro.

A eficacia das soltas espérase para o medio prazo, pois o insecto que combate a avespiña ten unha expansión máis lenta que a praga. “Está demostrado que o ‘Torymus’ funciona a medio prazo, pero canto menos se solte ou máis se retrase o permiso para soltas masivas, máis tempo tardaremos en recuperarnos dos danos da avespiña”, valora Jesús Quintá.

Desenvolvemento da praga
A expansión da avespiña está a ser meteórica. O primeiro e o segundo ano da praga nun souto considéranse de asentamento, pero o rápido crecemento da poboación da avespiña leva a que xa no terceiro e cuarto ano haxa perdas importantes. Cada avespiña fai postas de arredor de 100-150 ovos, polo que a progresión da súa poboación dispárase en pouco tempo.

Quintá agarda que o Ministerio autorice o antes posible as soltas masivas do ‘Torymus’: “Xa tivemos reunións hai alomenos 5 anos co Ministerio na que lle advertimos dos problemas que se aveciñaban coa avespiña”, lembra o presidente da IXP.

O sector apunta a países veciños produtores, caso de Francia, Portugal ou Italia, nos que xa se autorizou hai anos a solta de ‘Torymus’ sen que se detectasen efectos perxudiciais das soltas sobre o medioambiente.

Perdas variables polas xeadas tardías
As xeadas tardías de finais de abril van impactar tamén sobre a produción, aínda que con gran variabilidade, segundo os datos que manexa a IXP Castaña de Galicia. “As variedades temperás, que xa estaban en flor, son as máis afectadas. Outras variedades volveron brotar e haberá que esperar á fructificación para ver como responden”, valora Jesús Quintá.

En zonas como Viana do Bolo, Vilariño de Conso ou sur de Lugo, as perdas van ser significativas, segundo as previsións do sector. Áreas de ribeira ou sombrías foron das máis afectadas. “As xeadas son un problema importante, pero puntual. A principal preocupación radica nos danos que imos ter da avespiña, tanto esta campaña como nas próximas”, conclúe Jesús Quintá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información