O Plan Forestal mantén a aposta polas Sofor para agrupar a xestión do monte

Durante os seis anos de vixencia do modelo das sociedades de fomento forestal, só se crearon 11 en Galicia. A Xunta prevé delimitar zonas de interese preferente para a reorganización da propiedade forestal, nas que lle proporá ós propietarios a constitución voluntaria dunha Sofor

O Plan Forestal mantén a aposta polas Sofor para agrupar a xestión do monte

Visita da conselleira á Sofor constituída na Fonsagrada (Lugo). / Arquivo.

O minifundio que predomina na parte privada do monte galego impide unha xestión forestal racional, pois o tamaño medio das parcelas ronda os 2.700 metros. É unha dimensión escasa que dificulta os traballos silvícolas e que reduce a rendibilidade dos aproveitamentos. Desde hai máis dunha década, a Xunta esfórzase por promover agrupacións de propietarios para a xestión conxunta das súas parcelas, pero con máis pena que gloria. O Plan Forestal de Galicia, a debate, insiste na mesma liña.

Nos seis anos que leva en vixencia o modelo das sociedades de fomento forestal (Sofor), creáronse en Galicia un total de 11, que agrupan en conxunto algo máis de 1.800 hectáreas, o 0,1% da propiedade forestal privada de Galicia. Hai consenso no sector sobre a necesidade de promover a agrupación da xestión da propiedade, pero os limitados resultados conseguidos con este modelo fan que se cuestione o seu futuro.

O sector forestal e os grupos da oposición do Parlamento avogan pola busca dunha figura máis áxil e atractiva para os propietarios que as Sofor

Tanto as asociacións de propietarios forestais como os grupos políticos do Parlamento teñen avogado por definir outra figura xurídica distinta das Sofor, máis áxil e cunha fiscalidade máis favorable para o propietario, de xeito que se faga atractiva a creación das agrupacións.

Entre os grupos da oposición do Parlamento, tamén hai consenso en demandar un modelo de agrupación que se poida poñer en marcha cando haxa unha maioría ampla de propietarios implicados, a imaxe do que sucedía coas antigas Uxfor do Goberno bipartito.

O actual modelo das Sofor esixe que todos os propietarios participantes se integren de xeito voluntario na sociedade. Aquelas parcelas que non entren na iniciativa quedarían provisionalmente a modo de enclavados dentro da Sofor, se ben a sociedade podería acometer tras a súa constitución un proxecto de concentración da súa propiedade, ao xeito dunha concentración parcelaria.

Delimitación de zonas de interese
O Plan Forestal de Galicia, agora a debate parlamentario, insiste no modelo das Sofor como vía para agrupar a xestión forestal na comunidade, introducindo novas variables.

A Administración outórgase agora a posibilidade de promover a constitución de Sofor naqueles ámbitos que se delimiten como de interese preferente para a reorganización da propiedade privada particular. Esa delimitación farase por medio dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais de distrito, que se acometerán nos próximos anos.

Con esta iniciativa, a Xunta busca mobilizar aos posibles propietarios que, de forma voluntaria e con liñas de axuda e colaboración da Administración, decidan a constitución dunha Sofor. “Este tipo de actuacións deberían realizarse naquelas áreas máis dinámicas, onde existe unha maior posibilidade de éxito (poboación propietaria residente, montes en produción, etc.)”, valora a Consellería do Medio Rural no borrador do Plan Forestal.

O minifundio forestal en números

– O 64% do monte galego, 1,3 millóns de hectáreas, é de carácter privado e pertence a arredor de 670.000 propietarios. Outro 34% do monte de Galicia é veciñal en mancomún e o restante é propiedade pública.

– Os propietarios privados xestionan 7,8 millóns de parcelas, cunha superficie media de 2.757 metros cadrados por parcela.

– Galicia ten o 6% da superficie rústica de España e o 28,3% das parcelas catastrais de rústica do país. Conta tamén cunha cuarta parte dos propietarios de parcelas rústicas de España.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información