O mercado de piñeiro mantense ralentizado por un exceso puntual de oferta

A Asociación Forestal de Galicia prevé que se restableza en breve o equilibrio entre as compras e a madeira en venda. O prezo do eucalipto repunta arredor de dous euros no primeiro trimestre

O mercado de piñeiro mantense ralentizado por un exceso puntual de oferta

O mercado do piñeiro recuperarase nos próximos meses, segundo as previsións do sector.

O piñeiro atravesa nos últimos meses unha situación temporal de exceso de oferta que vén motivada por unha conxunción de factores. Os problemas iniciáronse a raíz da madeira queimada nos lumes do pasado verán, que aínda non se rematou de sacar do monte. A corta dos piñeirais afectados por incendios coincidiu ademais no tempo cun aumento das cortas en verde, o que xerou un embude nas vendas, segundo a análise que fai a Asociación Forestal de Galicia.

O mercado de compra de madeira en pé continúa polo de agora ralentizado. Ao longo dos últimos meses, a saída de madeira do monte mantívose a un ritmo pausado. Observábase moita madeira acopiada en cargadoiro no monte, á espera do seu traslado á industria, e mesmo chegou a haber poxas de madeira en verde que quedaron desertas.

O desequilibrio entre oferta e demanda levou a unha lixeira baixada dos prezos de entre 1 e 3 euros por tonelada

Unha das consecuencias das dificultades de mercado foi unha lixeira baixada de prezos nos lotes de madeira para serra e para trituración, que oscilou entre 1 e 3 euros por tonelada, segundo calcula a Asociación Forestal de Galicia (AFG), unha das principais organizacións de propietarios da comunidade.

O responsable de comercialización de madeira da AFG, Xosé Covelo, prevé que a situación se estabilice de cara ó verán, cando se agarda a recuperación do equilibrio entre as compras e a madeira á venda.

Estabilidade de compras na industria

As compras da industria transformadora mantéñense en principio en cifras similares ás de pasados exercicios. Houbo unha parada puntual de dous meses na planta de Finsa en Santiago por un aumento das liñas de produción, pero aínda así, Finsa, que ten un total de catro centros en Galicia, prevé rematar o 2017 con maiores compras de piñeiro que na anterior campaña.

A industria transformadora mantén os volumes de compras de anteriores campañas, polo que o mercado mellorará cando conclúa a saca da madeira queimada

O mercado, por tanto, mellorará a medida que se remate a madeira queimada pendente de saca. Esa madeira estívose vendendo a uns 8-10 euros por tonelada menos que se estivese en verde. O mesmo problema causado polos lumes afectou a Portugal, país onde tamén se está a rexistrar un exceso de oferta. Como consecuencia desa situación, reduciuse a exportación galega de madeira ó país veciño.

Outros factores que influíron na sobreoferta puntual de madeira, segundo a Asociación Forestal de Galicia, foron o aumento das cortas tras os temporais de febreiro, principalmente na provincia de Lugo, así como a intención de moitos propietarios de cortar os seus piñeirais para facer posteriores repoboacións con eucalipto.

Tamén hai que ter en conta que hai numerosas concentracións parcelarias na súa última fase, aumentando as cortas de madeira debido a esa circunstancia. Por último, tampouco hai que obviar a mellora progresiva da eficiencia nos traballos de corta e saca, debidas a unha maior tecnificación das empresas, que mobilizan cada vez máis rapidamente importantes volumes de produto.

Repunte do eucalipto para pasta

Tal e como estaba previsto, o eucalipto para pasta de papel foi repuntando nos primeiros meses do 2017 a raíz da mellora do cambio euro/dólar e polo aumento do prezo internacional da pasta de papel. Se hai uns meses a media do mercado no caso do eucalipto globulus atopábase en 28-30 euros / tonelada en pé sen Ive, con certificación dual (Pefc e Fsc) e en lotes medios-grandes, na actualidade a media ascendeu ata os 30-32 euros por tonelada, segundo os datos da AFG.

Mesmo houbo lotes con volumes elevados (4.000-5.000 toneladas) e facilidades de extracción, que rondaron os 34 euros con casca e sen impostos.

En madeira procedente de montes sen ningunha certificación, os prezos anteriores diminúen uns 4 euros por tonelada, en tanto que as masas que contan cunha única certificación (Pefc ou Fsc) diminúen aproximadamente 1 euro por tonelada.

No caso do eucalipto nitens, como xa é habitual, a diferenza de prezo sitúase nun mínimo de 6 euros / tonelada por baixo da cotización que ten o eucalipto globulus.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información