O gran incendio de Verín pon en evidencia o abandono do rural galego

O gran incendio na comarca de Monterrei calcinou ata este domingo unhas 1.360 hectáreas. Falamos con viticultores, técnicos forestais e veciños para coñecer porqué nesta zona, o Distrito Forestal XIV, é onde máis monte arde de Galicia.

O gran incendio de Verín pon en evidencia o abandono do rural galego

O lume chegou a atravesar a autovía A-52. Foto: Antonio Rodríguez /La Región

O Distrito Forestal XIV, que abarca aos concellos ourensáns de Verín, Monterrei, Laza, Cualedro, Oímbra, Viana do Bolo, A Mezquita, Vilardevós e A Gudiña, é o que máis incendios rexistra de Galicia, e tamén os máis de maior gravidade.

Basta botar man da hemeroteca para comprobar que na última década rexístranse nesta comarca, e de forma cíclica, os incendios máis devastadores de Galicia: unhas 1.600 hectáreas de arboredo e monte baixo calcinadas en 2010 no gran incendio de Laza, máis de 3.000 hectáreas devoradas polo lume en Cualedro en 2015, outras 300 hectáreas o mesmo ano en Viana do Bolo e A Mezquita, son só algúns exemplos. O último foi foi o rexistrado o pasado xoves en Verín e Vilardevós e que arrasou ata este domingo 1.360 hectáreas de arboredo e de monte baixo.

¿Cales son as causas de fondo desta catastrófica actividade incendiaria que, a parte do dano ambiental, consume cada ano centos de miles de euros de recursos públicos en extinción e en medidas de repoboación forestal? Falamos con viticultores, gandeiros e técnicos forestais da comarca para coñecer os problemas estruturais de fondo que provocan que os medios de extinción sempre resulten insuficientes.

Asunción Rodríguez, viticultora: “Hai unha cultura de utilizar o lume para limpar o monte e as alimañas”

Asunción Rodríguez Zarraquiños dirixe a adega Crego e Monaguillo e foi presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Os seus viñedos resultaron danados polo lume tanto o pasado ano como a pasada semana noutro incendio forestal entre Vilaza e Alvarellos.

O seu diagnóstico é claro: “O problema é de abandono do rural e, fundamentalmente de mentalidade, de seguir utilizando o lume como unha forma de limpeza do monte e das alimañas”, unha cultura do lume que “desgraciadamente segue existindo en moita xente, aínda que as novas xeracións cada vez está máis concienciadas”.

O abandono tamén leva a que, segundo Asunción, “non se lle de valor ao monte”. “Nos últimos anos houbo xente na comarca que ten apostado polo rural con plantacións de viñedo, de castiñeiros e tamén de oliveirais, que son auténticas devasas naturais, pero nunca seguiremos estando amolados mentres siga habendo esa cultura do lume e esa complicidade social”, conclúe esta adegueira.

Luís Vaz, gandeiro de Verín Bioocop: “Nas 5.000 hectáreas que pastan as nosas vacas non hai incendios”

José Luis Vaz é xerente de Verín-Biocoop, unha cooperativa de gandeiros da comarca que produce carne ecolóxica de vacas de razas autóctonas en pastoreo extensivo.

Coincide en que “é certo en que haberá os incendiarios de turno”, pero advirte que “o problema de fondo vai moito máis alá do terrorismo incendiario”.

“Os incendios apáganse no inverno con limpeza e roza dos montes. Antes iso facíao o gando pero abandonouse e agora hai unha enorme masa vexetal nos montes que crea as condicións obxectivas para estes grandes incendios”, explica.

“A administración ten que cambiar o enfoque e investir en prevención no inverno”

Como contrapunto, pon o exemplo das ao redor de 5.000 hectáreas de monte baixo e de pastos que manexan os gandeiros de VerínBiocoop: “Non arde nin unha soa porque a xente quita un rendemento deste gando autóctono, que realiza un labor agroambiental excepcional, rozando e creando riqueza”.

“A administración ten que cambiar o enfoque. Poden gastar en repoboación forestal miles de euros pero ao cabo duns anos isto volverá pasar se non se fai prevención no inverno”, subliña José Luis Vaz.

Francisco Dans (Asociación Forestal de Galicia): “É inconcibible que nesa zona cada ano sigamos pagando miles de euros en repoboacións”

O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans considera “inaudito que desde hai 25 anos nesa comarca haxa grandes incendios cada 4 anos e non se castigue aos responsables, mentres que os cidadáns temos que seguir pagando miles de euros públicos en extinción e repoboacións forestais”.

Francisco Dans recoñece que “os montes nesa zona están ben dotados de devasaS e plantouse piñeiro porque os terreos son pouco produtivos e non admiten frondosas”. Con todo, considera “inaudito” que non se pidan explicacións por estes incendios recorrentes practicamente cada ano.

 Xosé Alfredo Pereira (Montes Comunais): “Obrigar a que as comunidades teñan que reinvestir o 40% dos seus ingresos non axuda”

Pola súa banda, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, considera que os últimos cambios normativos da Xunta para as comunidades de montes non axudan á prevención de incendios forestais. En concreto, refírese ao decreto que obriga ás comunidades de montes veciñais a reinvestir polo menos o 40% dos seus ingresos anuais na mellora e protección da súa superficie forestal, e que en caso de ingresos derivados de saca de madeira por incendios, a reinversión no monte elévase ao 100%.

“Desta forma está a potenciarse o ciclo perverso de repoboar e nesa comarca teñen moito poder na xestión dos montes comunais as empresas privadas de xestión forestal”, advirte Pereira.

Pola contra, defende que para frear o abandono do monte “deberíase deixar aos titulares poñelo en valor segundo o seu criterio e unicamente obrigar a reinvestir o que marque o plan de ordenación forestal”.

Hugo Rodríguez (Empresa de xestión forestal): “A ninguén no sector forestal interésalle comprar madeira queimada”

Unha das comunidades de montes máis afectadas polo gran incendio da pasada semana foi a de Osoño-A Bemposta, no concello de Vilardevós, á que o lume arrasou cun piñeiral de 60 anos que ía ser vendido.

Neste sentido, Hugo Rodríguez, delegado de zona de Servitecma, a empresa que realiza a xestión forestal a esta comunidade, considera que as razóns que levan a que esta comarca sexa o punto negro dos incendios forestais en España “son un cúmulo de factores, desde veráns cada vez máis secos polo cambio climático, a tradición arraigada en Galicia de limpar o monte co lume, ou conflitos con cazadores…”.Pero sobre -subliña- todo abandono do monte, que leva a que se acumule unha elevada carga de combustible e se se lle suman veráns moi secos como este temos un polvorín”.

En canto á obrigación de reinvestir o 40%, Hugo Rodríguez lembra que “é sobre todo para obras de mantemento das infraestruturas de prevención de incendios forestais”.

Pola contra, replica ao presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes que “non creo que haxa ningunha empresa dedicada á xestión forestal á que lle interesa que arda porque todo son prexuízos”. “De feito -engade- para nós é unha ruína que ardese o piñeiral da comunidade de Osoño-A Bemposta porque a comunidade vai cobrar moito menos pola madeira e vai ter menos diñeiro para reinvestir nos traballos que facemos nós”.

Alberte Blanco, ex-director xeral de Montese: “O problema é o abandono das leiras ao redor das aldeas”

Alberte Blanco Casal é veciño de Queirugás, unha aldea de Verín que foi cercada polo lume o pasado xoves e de feito parte do peche a das froiteiras da súa casa foron chamuscados polo incendio.

Ademais de testemuño directo, Alberte Branco foi Director Xeral de Montes da Xunta de Galicia entre os anos 2005 e 2009, un cargo que lle permitiu coñecer de primeira man as causas estruturais dos incendios forestais en Galicia e nesta comarca.

Neste sentido, advirte de que “o problema fundamental nesta comarca é o abandono das fincas que rodeaban ás aldeas e que se dedicaban á agricultura”. “A gran cantidade de maleza que acumulan, unido ao feito de que nalgunhas delas plantouse de forma ilegal piñeiros e mesmo eucaliptos á beira das casas, fan que os incendios poñan máis en perigo os núcleos habitados e que, ademais, propáguense cara ás zonas de monte”, engade. Isto é o que aconteceu este ano, repetindo o que xa sucedera en 2005.

Precisamente, o Goberno Bipartito do que formou parte, aprobou no ano 2007 a primeira normativa que obrigaba aos propietarios das leiras a limpalas ao redor dos núcleos habitados nunha franxa de 100 metros. Sen embargo, o actual goberno reduciu a distancia a 50 metros, “unha norma que na práctica non se fai cumprir”, denuncia.

Alberte Blanco: “Necesitamos un pacto de país sobre o territorio, como fan os países avanzados”

Ademais, Alberte Blanco critica a redución do actual goberno da Xunta nos medios de extinción na provincia de Ourense, como “pasar de 9 a 6 avionetas de carga, suprimir as pick up de vixilancia móbil con 500 litros de auga que facían un primeiro ataque aos conatos de incendio, ou reducir as brigadas profesionais contratadas por Seaga, que agora pasan a depender dos concellos e que nalgúns casos non son contratadas ata agosto”.

Como conclusión, o exdirector xeral de Montes da Xunta defende que “temos que lograr un consenso de país sobre o problema da xestión e ordenación do territorio en Galicia”. “É algo que está pendente desde hai décadas e que debería implicar a todos os sectores e non ser algo partidario. É o que fan os países avanzados e non centrarse só en medidas de extinción”, conclúe.

Manuela González: “Perdín as 3 hectáreas de oliveiral que tiña, arruináronme”

oliveira_verin

A finca de oliveiras de Manuela Rodríguez actuou como cortalumes natural grazas a que a finca colindante estaba limpa

O gran incendio de Verín da pasada semana deixou ao seu paso un rastro de desolación con centos de hectáreas de monte baixo e arborizado calcinadas, pero tamén soutos de castiñeiros, colmeares, viñedos e oliveirais botados a perder.

Unha das afectadas é Manuela González, unha emprendedora no rural que hai 6 anos realizou unha plantación de 3 hectáreas de oliveiral repartidas en varias leiras da aldea verinesa de Queirugás. “Arruináronme, estas oliveiras empezaban a estar en produción”, lamenta.

“O meu oliveiral ardeu porque o veciño non tiña limpa a súa leira colindante”

Pero denuncia tamén que “as miñas plantacións sufriron este desastre porque os meus veciños non tiñan as limpas as súas fincas lindeiras, de feito algunha tiñan acacias de máis de 2 metros de altura”.

Pola contra, nas zonas onde os propietarios tiñan as parcelas rozadas o oliveiral serviu de devasa natural contra o lume. “Sinto rabia e impotencia porque a administración non obriga aos propietarios das leiras a cumprir a lei, e acabámolo pagando os que apostamos polo rural”, denuncia.

“Non hai sancións por non limpar as leiras e ao final obrígannos a denunciar aos nosos propios veciños”, critica.

 

image_print

2 ideas sobre “O gran incendio de Verín pon en evidencia o abandono do rural galego

  1. Gamela

    E cando son as CASAS as que se achegan perigosamente ao monte non dicimos nada?
    Hai fincas que tiñan piñeiros dende hai 50 anos, pero os novos PXOM permitiron facer casas á beira desas fincas hai tan só 20 anos… ¿que deberamos cortar, os piñeiros ou o afán urbanístico dos concellos?

    Se en Galicia retiramos calquera árbore a 30 metros de calquera casa ou núcleo rural imos converter Galicia nun DESERTO antes de 20 anos !!!

    Só temos un planeta… non é normal que a defensa contra o lume sexa TALAR tódalas árbores de Galicia !!!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información