O eucalipto ocupa unhas 30.000 hectáreas en terras agrarias

O eucalipto ocupa unhas 30.000 hectáreas en terras agrarias

O sector pide maior control sobre o eucalipto en terras agrarias.

O Consello Forestal de Galicia, un órgano consultivo da Xunta no que participan empresas, asociacións de propietarios e outros colectivos do sector, abordou hoxe a proposta de Medio Rural para prohibir o cultivo do eucalipto no interior de Lugo e en Ourense. A postura maioritaria foi contraria ás limitacións propostas pola Administración, se ben Fearmaga, a Federación que agrupa a serradoiros e madeireiros, si apoia a medida.

Antes de regular novas prohibicións, gran parte do sector pediulle á Consellería do Medio Rural que fixera cumprir as actuais. O eucalipto xa está vetado en terras agrarias e superficies de frondosas, en tanto nas zonas de Rede Natura non pode aumentar a súa actual distribución. Sen embargo, en Galicia hai arredor de 30.000 hectáreas de eucaliptos en terras agrarias, segundo manifestou na reunión Jacobo Feijoo, de Unións Agrarias.

Agro
O dato das 30.000 hectáreas é a proxección que calcula Unións a partir das últimas cifras oficiais coñecidas, que datan do 2008, cando eran 13.000 as hectáreas ocupadas por eucaliptos. A organización agraria trasladoulle a Medio Rural a proposta de que estableza unha amnistía, permitindo un prazo para que os propietarios de plantacións da especie en superficie agraria levanten os cultivos sen sancións.

Unións avoga porque transcurrido ese posible prazo se sancione de oficio a todos os propietarios de plantacións en prados e terras de labor. Desde a Consellería trasladouse que xa hai centos de denuncias por cultivos da especie no agro, se ben desde o sector cuestiónase a escasa actuación de oficio que se percibe na Administración.

Proxecto de decreto
O posicionamento do sector forestal sobre o proxecto de decreto para regular o eucalipto quedou claro na reunión de hoxe. Arredor de dez asociacións, tanto de propietarios como empresariais, leron no Consello Forestal un posicionamento conxunto no que expresaron o seu desacordo coas prohibicións que deseñou a Xunta no borrador do decreto sobre o eucalipto. Encargouse da lectura, en calidade de portavoz, o director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.

A conselleira, con representantes do sector, antes do Consello Forestal.

A conselleira, con representantes do sector, antes do Consello Forestal.

Os colectivos do sector transmitiron a idea de que sería positivo retrasar calquera medida ata que se culmine a revisión do Plan Forestal de Galicia, cuxo primeiro borrador está previsto para o mes de xuño. Entenden que ese é o marco no que se deben regular os usos do territorio, sen necesidade de discriminar ós propietarios forestais do interior de Lugo e de Ourense.

Sobre a mesa deixaron a posibilidade de aceptar unha regulación ó cultivo do eucalipto, pero sen o establecemento de liñas xeográficas arbitrarias para vetar á especie. Desmarcouse desa postura a Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga), que teme o impacto da expansión do eucalipto nitens sobre as empresas que traballan con piñeiro.

A Organización Galega de Comunidades de Montes, pola súa banda, expresou a súa postura favorable a regular o eucalipto e ordear os usos do monte.

Escoitados todos os puntos de vista, a Consellería do Medio Rural marcou un prazo de 15 días para recibir as alegacións do sector e quedou de estudalas antes de adoptar unha decisión definitiva.

Ampliación do prazo para a ordenación do monte

A normativa autonómica marca a obriga de que todas as comunidades de montes cunha superficie superior a 50 hectáreas conten cun plan de ordenación forestal no 2018. Medio Rural decidiu agora ampliar ese prazo ata febreiro do 2019, segundo anunciou a Consellería no Consello Forestal.

As comunidades de montes con menos de 50 hectáreas e os propietarios particulares, no caso de non contar con plans de ordenación, poden optar por comunicar a súa adhesión ós modelos silvícolas de referencia.

Mesas da Castaña e da Madeira
A Xunta avanzou tamén no Consello Forestal nas propostas de regulamento das Mesas da Castaña e da Madeira, dous organismos consultivos que a Administración quere poñer en marcha coa participación dos distintos axentes de ambos sectores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información