O Cluster da Madeira subliña que “un monte produtivo para o propietario é a mellor garantía para previr incendios”

O Cluster da Madeira subliña que “un monte produtivo para o propietario é a mellor garantía para previr incendios”

O eucalipto é unha especie cuestionada por parte da sociedade

A cadea de valor forestal de Galicia, a través do Cluster da Madeira, asegura que “un monte produtivo para o propietario é a mellor garantía para previr incendios”, e amosa a súa satisfacción “polo rigor que reflicte o informe de WWF (World Wildife Fund) sobre incendios”.

“Punto por punto, este informe desminte os mitos da existencia de supostas tramas criminais ou a falsa acusación que se fixo ao eucalipto ou ao pino como causantes dos incendios”, aseguran dende a cadea de valor forestal de Galicia a través dun comunicado.

Nese sentido, segundo o Clúster da Madeira, “as conclusións do informe coinciden coas das comisións de Portugal e de Pontevedra: a causa dos incendios é o abandono e a falta de xestión”, polo que pide que os partidos políticos galegos “deixen a ambigüidade e o tacticismo apostando polo sector forestal, polo rural e por Galicia”.

“A loita contra o abandono xerando sustentabilidade económica debería ser o gran consenso dos partidos políticos galegos e todas as lexítimas propostas de cada posición, deben ser coherentes con este principio”, subliñan.

Pola contra, dende o Clúster da Madeira advirten de que “as propostas que poñen en risco a sustentabilidade económica e que non demostren como van a xerar valor para o rural só poden cualificarse como un fraude”. “A cadea entende que a sociedade demande outros usos paisaxísticos ou recreativos, pero se as limitacións poñen en risco a sustentabilidade económica hai que compensar ao silvicultor”, engaden en relación á proposta da Xunta de Galicia de regular e limitar as plantacións de eucalipto.

Por ultimo, dende a cadea de valor forestal de Galicia conclúen que “máis pronto que tarde se entenderá que un monte san e produtivo para o propietario é a mellor garantía ambiental e social para previr os incendios forestais, xerando emprego e fixando poboación no rural”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información