O CIF Lourizán identifica familias galegas de piñeiro con alta resistencia ó nematodo

O Centro de Investigación Forestal traballa desde o 2013 na selección de árbores que sexan menos susceptibles ó ataque da praga. A mortandade da especie polo nematodo oscila entre o 75% das familias máis susceptibles e o 10% das máis resistentes

Publicidade
O CIF Lourizán identifica familias galegas de piñeiro con alta resistencia ó nematodo

Piñeiro afectado polo nematodo en Portugal. / Imaxe: CIF Lourizán.

O nematodo do piñeiro é unha espada de Damocles para o monte galego. Polo de agora, a presenza da praga limítase a dous focos detectados en As Neves (2010) e en Salvaterra do Miño (2016), pero é unha incógnita se no futuro a expansión do problema pode ir a máis. Ante esa ameaza, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán leva catro anos traballando na identificación de familias galegas de piñeiro do país (Pinus pinaster) que presenten resistencias á praga. Este ultimo ano comezou a traballar tamén co piñeiro insigne (Pinus radiata).

Os resultados iniciais da investigación demostran que hai familias de piñeiros que se comportan mellor que outras, se ben non hai ningunha que sexa totalmente inmune ó nematodo. “A mortandade nos ensaios oscila entre o 75 por cento das familias máis susceptibles e o 10% das máis resistentes”, explica a investigadora Raquel Díaz Vázquez, coordinadora do proxecto.

En Portugal, ata o 2008 as áreas afectadas por nematado concentrábanse no sur do país. Actualmente chegan máis ó norte de Oporto

A identificación das árbores con mellores cualidades fronte á praga representa unha liña de defensa para o monte galego no caso de que, nun futuro, Galicia teña que convivir co nematodo.

En Portugal, ata o 2008 as áreas afectadas por nematodo concentrábanse no sur do país, non máis ó norte do entorno de Lisboa. Actualmente, as zonas con problemas chegan ata Oporto e incluso máis ó Norte na zona centro-interior. Por tanto, non se pode descartar que a praga chegue a ter un impacto maior en Galicia, se ben as condicións climáticas galegas, con menos calor durante a noite, son menos propicias en principio para a expansión do problema.

Investigación
A investigadora Raquel Díaz Vázquez, do CIF de Lourizán, coordina desde o 2011 dous proxectos de investigación a nivel nacional sobre a enfermidade causada polo nematodo do piñeiro. Un dos proxectos, desenvolvido en Lourizán, céntrase na busca de planta resistente ó nematodo, en tanto que o outro, a cargo da Universidade de Valladolid, enfócase ó control do insecto vector do nematodo, o cerambícido Monochamus galloprovinciallis, insecto cun papel moi importante na enfermidade, xa que o nematodo nos se despraza por si mesmo.

A investigación desenvólvese nun invernadoiro do Centro no que se inocula o nematodo en plantas de piñeiro de 2-3 anos

O CIF de Lourizán está a valorar o comportamento de arredor dun cento de familias de piñeiros galegos que ten seleccionadas no marco do seu programa de mellora xenética da especie. A investigación desenvólvese nun invernadoiro do Centro no que se inocula o nematodo en plantas de piñeiro dun mínimo de 2-3 anos.

A instalación permanece totalmente illada do exterior por medio dunha dobre porta de acceso e de medidas de bioseguridade, a fin de evitar calquera saída accidental da praga.

Comparativas
A investigación de Lourizán, que conta con financiamento de organismos públicos e de Inditex, está a evaluar tamén os resultados que acadan as familias galegas de Pinus pinaster e de Pinus radiata en comparación con outras especies, coma o piñeiro piñonero (Pinus pinea), o piñeiro carrasco (Pinus halepensis), o piñeiro canario (Pinus canariensis), o piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) -tamén presente en zonas de montaña de Galicia-, e o piñeiro taeda (Pinus taeda).

O piñeiro taeda, unha especie americana, é resistente ó nematodo, pero coñécese pouco sobre o seu posible comportamento en Galicia

Este último, o piñeiro taeda, é unha especie americana resistente ó nematodo, se ben coñécese pouco sobre o seu posible comportamento na comunidade. “En principio, a mellor opción é a identificación de familias autóctonas de especies que xa se sabe que están ben adaptadas a Galicia, como o piñeiro do país ou o insigne, e que teñan un bo comportamento ante a praga”, valora a investigadora Raquel Díaz Vázquez.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa ten bastante avanzado ese traballo e nos próximos anos prevé afinar as conclusións, de cara a ofrecer recomendacións futuras sobre as familias de piñeiros que mellor responderían ante a presenza da praga en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información