Só o 10% do monte galego ten plans de ordenación, obrigatorios desde o 2020

Os montes veciñais deberán dotarse dun instrumento de xestión, en tanto as propiedades particulares menores de 15 hectáreas poderán adherirse ós modelos silvícolas da Xunta

Só o 10% do monte galego ten plans de ordenación, obrigatorios desde o 2020

Monte Rioboo, no Valadouro (Lugo), o primeiro monte privado de Galicia que elaborou un plan de ordenación, hai máis de 25 anos.

Galicia conta con arredor de 210.000 hectáreas de monte ordenado, dotado de plans que organizan cuestións coma o uso do espazo, o calendario de traballos silvícolas ou os turnos de corta. Esa superficie representa un 10% de todo o monte galego, pero queda outro 90% sen planificación. A cuestión é que desde xuño do 2020, a Lei de Montes de Galicia establece que só poderán executar cortas os montes que teñan un instrumento de xestión.

Os principais requisitos de ordenación recaen sobre as comunidades de montes veciñais, pois a lexislación marca que os montes veciñais ou agrupacións de propietarios particulares con máis de 25 hectáreas terán que ter obrigatoriamente un plan de ordenación. Entre 25 e 15 hectáreas, esíxese un documento de xestión, en tanto que no caso de propietarios particulares e montes veciñais que dispoñan de menos de 15 hectáreas, chegará con que os titulares subscriban un compromiso de adhesión a algún dos modelos silvícolas deseñados pola Xunta.

O 60% do monte arborado de Europa ten instrumentos de xestión. En Galicia, a porcentaxe é catro veces menor

Os modelos silvícolas definen para cada especie os marcos de plantación e os tratamentos silvícolas que deben ter as masas (rozas, podas, rareos, etc.), así coma os turnos orientativos de corta. O obxectivo de fondo tanto dos modelos silvícolas como dos instrumentos de xestión é avanzar na xestión profesional do monte, reducindo o descoido das masas e o seu abandono.

A superficie de monte galego que ten na actualidade plans de ordenación ronda as 210.000 hectáreas, un 10% de todo o monte e un 15% da parte arborada. É unha superficie inferior á media do conxunto de España, onde un 16% do monte e un 19% da parte arborada están ordenados. Se se miran os datos a nivel de Europa, o retraso é maior, pois na UE o 60% do monte arborado conta con instrumentos de xestión, segundo os datos que expón a Xunta no borrador do Plan Forestal de Galicia.

A urxencia de acometer a ordenación dos montes en Galicia radica en que a partir de xuño do 2020 só poderán executarse cortas en montes que conten cun instrumento de xestión ou que se teñan adherido a un modelo silvícola. O obxectivo da Administración é que no prazo de 20 anos, o 60% do monte arborado galego conte con proxectos de ordenación ou instrumentos equivalentes, o que situaría a comunidade na media actual de monte ordenado en Europa.

Medio Rural ten previsto convocar axudas este ano para apoiar a posta en marcha de plans de ordenación nos montes galegos.

Montes conveniados
A propia Xunta, que xestiona por medio de convenios coas comunidades de montes arredor de 315.000 hectáreas de montes veciñais, terá que dotar a estes montes dun instrumento de xestión. Da superficie que manexa, a Administración autonómica recoñece que a metade carece de plans de ordenación, que tratará de acometer nos próximos anos.

Nos montes conveniados, a Xunta priorizará a elaboración de plans de ordenación nas superficies máis capitalizadas

“Nos montes de xestión pública, priorizarase a ordenación dos montes capitalizados, especialmente aqueles cuxa xestión se vaia devolver ao titular ou titulares dos montes, xa que un dos requisitos da devolución deberá ser dispor de plans ou proxectos de ordenación dos montes”, sinala a Xunta no borrador do Plan Forestal de Galicia. Os actuais convenios da Xunta cos montes veciñais expiran no 2021, polo que antes desa data deberían estar elaborados os instrumentos de xestión correspondentes.

As comunidades de montes teñen reclamado que naqueles montes conveniados que aínda non dispoñan dun plan de ordenación, a Xunta consensúe as cortas coas xuntas rectoras, a fin de evitar irregularidades.

Obxectivos do Plan Forestal
– Superficie ordenada na actualidade: 210.000 hectáreas.
– Obxectivo a curto prazo (5 anos): 150.000 hectáreas máis.
– Obxectivo a medio prazo (10 anos): 160.000 hectáreas máis.
– Obxectivo a longo prazo (20 anos): 320.000 hectáreas máis.
– Superficie total ordenada no prazo de 20 anos: 850.000 hectáreas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información