Montes privados, uso público?

O conflicto entre ciclistas e comunidades de montes pola colocación de obstáculos nos camiños abre o debate sobre a utilización libre do territorio. As organizacións de propietarios reivindican un respeto os seus dereitos e avogan pola busca do diálogo e o consenso sobre as prácticas recreativas

Montes privados, uso público?

As comunidades de montes poden restrinxir o paso por camiños privados mediante carteis e peches. / Imaxe: Asociación Forestal de Galicia.

O aumento das prácticas recreativas no monte por parte de ciclistas, motos, quads e veículos todoterreo está a xerar tensións entre usuarios e propietarios do territorio. O enfrontamento chegou ó punto de que os ciclistas denuncian a colocación de obstáculos nos camiños e mesmo trampas como cables ou tablas con puntas. Por parte das organizacións de propietarios, hai unha condea a esas prácticas “punibles”, pero deféndese o territorio como privado ou como comunitario. Os colectivos de propietarios cuestionan, na súa maioría, o dereito de uso público. Pódese usar o territorio libremente?

En primeiro lugar, a cuestión esixe diferenciar entre camiños públicos ou servidumes de paso públicas, de uso libre, e camiños privados, de uso particular ou veciñal. A distinción entre uns e outros normalmente non queda clara para o usuario do monte, salvo no caso de que haxa valados, peches ou carteis que advirtan dos usos autorizados e prohibidos.

Postura de comuneiros e cazadores

O principal foco de conflicto radica nas comunidades de montes veciñais, sobre todo nas que se sitúan en áreas con moita presión poboacional, caso das Rías Baixas. Os colectivos de propietarios defenden o monte veciñal e os seus camiños como de titularidade comunitaria. “O uso do monte ten que estar autorizado polos titulares das terras. Usalo sen autorización é un acto de invasión e de ocupación ilegal”, consideran a Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) e a Unión de Tecores de Galicia (Unitega), que onte emitiron unha nota de prensa para pronunciarse sobre o asunto.

“O uso do monte ten que estar autorizado polos titulares das terras. O contrario é unha invasión” (Orgaccmm e Unitega)

Os comuneiros entenden que se precisa unha autorización explícita do monte veciñal ó uso das súas terras para prácticas recreativas: “Estes usos teñan que estar regulamentados e autorizados polos titulares das terras; como xa acontece cos aproveitamentos gandeiros, cinexéticos ou de custodia do territorio”, consideran a Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm)e Unitega.

Ambos colectivos advirten de problemas na práctica, como os paseos con cans soltos polo monte na época de cría da fauna, ó final da primavera e inicio do verán; en tanto nese mesmo periodo os adestramentos con cans de caza están prohibidos, comparan. Unitega e Orgaccmm piden unha campaña de publicidade da Xunta para formar ós potenciais usuarios do medio rural sobre os dereitos dos propietarios das terras nas que desenvolven as súas actividades de lecer.

Regulación do paso
Desde a Asociación Forestal de Galicia (AFG) incídese tamén en que moitos camiños que hai no monte, sobre todo nos montes veciñais, son de titularidade privada, polo que a entidade considera lexítima a colocación de obstáculos ou barreiras –que non de trampas- para restrinxir o uso dos camiños por persoas non autorizadas.

A Lei de Montes permite prohibir o paso de veículos a motor por pistas forestais privadas

A AFG lembra ademais que a Lei de Montes de Galicia faculta ós titulares de pistas forestais privadas a prohibir o paso de vehículos de motor, cando así se sinalice expresamente. Cómpre ter en conta tamén que a lexislación prohíbe o uso de vehículos de motor fóra de estradas, camiños e pistas forestais.

En canto ó paso de bicicletas, a Asociación Forestal avoga pola apertura dun diálogo entre ciclistas e comunidades de montes en cada caso. “O desexable é que os ciclistas transiten por pistas ou carreiros habilitados a tal fin, contando co consentimento da comunidade propietaria. Para isto –propón a organización- é necesario coñecerse e dialogar para chegar a unha solución razoable. O que non pode admitirse é que o acceso por camiños privados ós montes se realice de xeito ‘furtivo’, sen que os practicantes destes deportes se informen nin pidan autorización dos lexítimos propietarios”.

“O desexable é que os ciclistas conten co consentimento das comunidades. É preciso coñecerse e dialogar” (Asociación Forestal de Galicia)

Os riscos que leva consigo a presenza non coñecida de persoas e veículos no monte durante traballos silvícolas, días de caza ou nas simples visitas dos propietarios as súas terras é outra das cuestións sobre as que incide a AFG, que lembra tamén a erosión que sofren as terras polo paso de veículos e as molestias que se causan entre a fauna.

O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, pide o respeto dos usuarios do monte á propiedade privada. “En Galicia hai un costume de deixar facer en canto ó acceso ó monte, pero esa situación non pode levar a que a xente pense que todo o territorio é propiedade pública porque non é así. É precisa unha educación no respeto á propiedade”, defende. Dans extende os problemas que se xeran no monte polo paso de veículos a motor ou ciclistas a outras actividades relacionadas cun uso público do territorio, como a caza ou a busca de cogumelos, que considera que entran en conflicto cos dereitos dos propietarios.

“O paso polos camiños a pé hai que entendelo como libre, salvo no verán en zonas de risco de incendios” (Asefoga)

Función social do monte
Outro dos colectivos que representa a propietarios forestais, a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), é partidario dun acceso público ó monte sempre que non estea prohibido de xeito explícito.

“Con carácter xeral, se unha comunidade de montes xestiona camiños privados e quere restrinxir o paso, pode colocar valados, portas ou carteis para sinalizar as prohibicións. Se non o fai, o paso polos camiños, sobre todo para persoas a pé, hai que entendelo como libre, salvo no verán en zonas con risco de incendios, unha cuestión que se regula na Lei de Montes. Pretender outra cousa sería unha barbaridade”, valora Jacobo Feijoo, de Asefoga. Feijoo avoga tamén por abordar os conflictos particulares de xeito individualizado, caso por caso.

Una idea sobre “Montes privados, uso público?

  1. Alfredo

    Éste artículo ven o pelo o ocurrido ésta fin de semana algo arriba de Triacastela. Xa que un motero de sarria se encontrou con un cierre de TRES alambres de pinchos en todo medio do camiño producindo unha caída que pudo haber tido unha boa desgracia, afortunadamente todo quedou en unha caída.????

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información