Monte Rioboo, 25 anos do proxecto de ordenación do primeiro monte privado de Galicia

A finca, ubicada no Valadouro (Lugo), suma unha superficie de 203 hectáreas e oriéntase principalmente á produción de piñeiro insigne e de piñeiro de Oregón. A planificación do seu aproveitamento corresponde á Asociación Forestal de Galicia

Monte Rioboo, 25 anos do proxecto de ordenación do primeiro monte privado de Galicia

Vista panorámica do monte Rioboo, no Valadouro (Lugo). / Imaxes: Asociación Forestal de Galicia e Cose.

O monte Rioboo, ubicado no Valadouro (Lugo), foi a comezos dos anos noventa o primeiro monte privado de Galicia inscrito no rexistro de montes ordenados. A finca, que suma un total de 203 hectáreas, adicárase ata daquela a un aproveitamento mixto, con 120 hectáreas rasas destinadas a usos gandeiros e 80 hectáreas arboradas, aínda que sen tratamentos silvícolas. O seu propietario, Miguel Ángel González, encargoulle entón á Asociación Forestal de Galicia a elaboración dun proxecto de ordenación co obxectivo de convertir os terreos nunha explotación forestal que lle ofrecese rendas periódicas. Era o ano 1992.

Durante o primeiro periodo de ordenación, a partir de 1993, repoboáronse 140 hectáreas e construíronse 15 Km. de camiños

Un cuarto de século despois, o monte encara xa o seu terceiro proxecto de ordenación forestal, para o periodo 2016-2025, coa perspectiva de achegarse ós 3.000 metros cúbicos de cortas anuais posibles, un escenario que garante tanto un aproveitamento sostible do monte como a xeración de rendas forestais.

Aproveitamentos produtivos
Para chegar a ese punto, foi precisa unha forte aposta de investimentos iniciais. Durante o primeiro periodo de ordenación, 1993-2002, repoboáronse 140 hectáreas, construíronse 15 quilómetros de camiños e abordouse o manexo silvícola das masas existentes, conformadas por piñeiros e por eucalipto globulus.

O monte conta na actualidade con 120 hectáreas de piñeiro insigne, 26 de piñeiro de Oregón, 8,6 de frondosas e 2 de eucalipto

As repoboacións orientaron á finca á produción de madeira de coníferas, un enfoque que se manterá nos próximos anos. A superficie produtiva divídese na actualidade en 120 hectáreas de piñeiro insigne (Pinus radiata), 26 hectáreas de piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii), 8,6 hectáreas de frondosas (bidueiro, cerdeira, pradairo, freixo) e 2 hectáreas de eucalipto nitens.

A idea para o novo periodo 2016-2025 é continuar traballando con coníferas e extender o cultivo de nitens a zonas de baixa produtividade, nas que as coníferas non prosperan. Ao estar ubicado o monte Rioboo a unha altitude media superior ós 500 metros, nas estribacións das serras de Buio e do Xistral, queda descartado o eucalipto globulus, que ten o seu tope nos 400 metros.

Superficie de conservación
O proxecto de ordenación tamén reservou arredor de 30 hectáreas como superficie de conservación (18 hectáreas de mato, 3 hectáreas de fraga autóctona, 9 hectáreas de pradeiras, 1,1 hectáreas de bosque axardinado e 0,9 hectáreas de superficie experimental). O monte conta con certificación PEFC e en breve certificarase tamén en FSC.

Desde a Asociación Forestal de Galicia destacan que o manexo da finca conseguiu harmonizar a produción forestal, a conservación do bosque autóctono e a gandeiría, empregada agora para manter sen mato as praderías que rodean as edificacións.

Plantación de piñeiro de Oregón no monte Rioboo.

Plantación de piñeiro de Oregón no monte Rioboo.

Manexo silvícola das coníferas
O principal pilar produtivo do monte Rioboo son as coníferas. A súa plantación executouse en marcos de 4×3 metros, con densidades iniciais de 830 pés por hectárea e empregando sempre planta en envase de procedencia coñecida e garantida. A preparación do solo tamén foi coidadosa: dobre subsolado profundo, cunha separación de 40 centímetros, e con preparación posterior do burato de plantación. No intre da plantación aplicouse unha dose de 30 gramos de abono complexo NPK con alta proporción de fósforo e de potasio.

Os mellores solos reserváronse para o piñeiro de Oregón, que ten un turno de corta estimado en 45 anos

En canto ó manexo silvícola das repoboacións, as podas no piñeiro de Oregón comezaron a partir do terceiro ano, e en piñeiro radiata ós 8 anos. A altura de poda oscila entre os 3 e os 5 metros e céntrase na poda de polas finas, co obxectivo de garantir unha rápida cicatrización das feridas e evitar a formación de nós.

Algúns dos mellores sitios do monte, con solos profundos e ben drenados, reserváronse para o piñeiro de Oregón, que se está a desenvolver á perfección. O seu turno de corta está estimado nuns 45 anos, en tanto que o piñeiro radiata ubicado en zonas de boa calidade produtiva poderase cortar nuns 25 anos. O radiata en áreas de calidade produtiva baixa, en cambio, terá que agardar uns 35 anos, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia, que presta asistencia técnica na xestión do monte.

Os crecementos medios do piñeiro radiata estímanse en 20-23 metros cúbicos por hectárea e ano nos terreos de maior calidade e de 12-15 metros cúbicos nos de baixa aptitude, en tanto o piñeiro de Oregón ronda os 13 metros cúbicos por hectárea e ano.

Frondosas
Os bosques de plantación de frondosas caducifolias ocupan na actualidade 9 hectáreas, distribuidas en varios rodais. O máis extenso, de 4,5 hectáreas, é unha plantación mixta de freixo, pradairo e cerdeira de 16 anos, cunha densidade de 600 pés por hectárea. Aplicáronse podas de formación nos primeiros anos e podas de calidade ó acadar as árbores os 10 centímetros de diámetro.

Visita recente da Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España ó monte Rioboo.

Visita recente da Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España ó monte Rioboo.

Historia da propiedade

A orde dos franciscanos, que se instalou en Viveiro a comezos do século XIII, tivo unha influencia relevante na comarca durante cinco séculos. Unha ampla superficie do territorio de Viveiro e do Valadouro pertencía a esta orde, incluido o monte Rioboo.

Desde comezos do XIX, os sucesivos procesos de desamortización permitiron que os veciños que habitaban a zona se fixesen coas terras, que continuaron traballándose de xeito tradicional ata mediados do século XX. O aproveitamento baseábase en cultivos de autoconsumo, estivadas de cereais e no gando extensivo, para o que había pastos e estrume no monte. Posteriormente, houbo tamén experiencias con vacún de leite e praderías de secano.

O progresivo abandono da zona permitiu que o actual propietario, Miguel Ángel González, iniciase no 1967 a adquisición de terreos e lugares, un proceso que culminou no 1980 ó reunir as diferentes propiedades nunha única finca, que se mantén indivisa ata a actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información