Monte escola no Pico Sacro

A Asociación Forestal de Galicia inaugura un proxecto orientado a actividades divulgativas con propietarios forestais e comunidades de montes. Creou unha superficie de 18 hectáreas na que conviven a produción de madeira de calidade, cogomelos, froitos do bosque e cultivos agrarios

Monte escola no Pico Sacro

Plantación de frondosas durante a inauguración do monte escola.

A Asociación Forestal de Galicia inaugurou no Pico Sacro (Boqueixón) un monte demostrativo no que realizará actividades de divulgación dirixidas a propietarios forestais, técnicos e comunidades de montes veciñais. O proxecto, impulsado coa colaboración do grupo Inditex, funcionará como unha escola de silvicultura na que se poderá comprobar a marcha de distintos aproveitamentos viables en solos de calidade. A iniciativa combina a produción de madeira de frondosas co aproveitamento de cogomelos e froitos do bosque, así coma con cultivos agrarios.

O monte escola inaugurouse onte nun acto con presencia do conxunto das asociacións da cadea da madeira e do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto. Tamén participou Antonio Abril, director xeral de Inditex, a empresa que financiou o proxecto.

O proxecto ubícase en solos de calidade, nos que se transformou un antigo eucaliptal nunha plantación de frondosas

O monte demostrativo ubícase na ladeira do Pico Sacro, en Boqueixón (A Coruña), nunha superficie de 18 hectáreas pertencente a 11 propietarios forestais que subscribiron un acordo a longo prazo coa Asociación Forestal de Galicia para a cesión das súas propiedades.

Antes de iniciarse a intervención, o recinto presentaba un alto grao de deterioro, con masas de eucalipto procedentes de antigos incendios, moi afectadas por ataques de gorgullo, e con cultivos agrarios con baixo nivel de explotación.

O proxecto para crear o monte demostrativo deseñouse con tres finalidades principais: a plantación de rodais de frondosas caducifolias para obter madeira de alto valor, a produción de cogomelos e froitos do bosque (castañas, noces) e o manexo dunha zona de interfaz agrícola – forestal. “En moitas zonas de Galicia marcadas polo peche de explotacións agrarias, a interfaz agrícola forestal está quedando abandonada e en poucos anos transfórmase en silveiras. Este proxecto demostra a posibilidade de que esas terras xeren valor para os propietarios”, explica o director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.

Imaxe de grupo das asociacións da cadea da madeira, participantes na inauguración do monte.

Imaxe de grupo das asociacións da cadea da madeira, participantes na inauguración do monte.

Zona forestal
O monte demostrativo está dividido en dúas zonas principais, unha clasificada como solo forestal e outra como solo agropecuario. Na parte forestal, plantáronse masas de cerdeiras, castiñeiro híbrido, nogueira híbrida e carballo americano, todas elas co obxectivo principal de lograr madeira para chapa de alto valor. De xeito paralelo, produciranse cogomelos nun rodal no que se plantou castiñeiro híbrido micorrizado que permitirá a obtención de níscalos (‘Boletus edulis’).

A planta utilizada, castiñeiro, cerdeira, nogueira e carballo americano, procede de material xenético mellorado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, no marco dos proxectos promovidos polo Grupo Inditex. Tamén se empregou material procedente de recoñecidos viveiros e de centros de investigación do sur de Europa.

Souto do monte demostrativo.

Souto do monte demostrativo.

A maiores de acometer estas novas plantacións, estase a recuperar un souto adulto, unha plantación de castiñeiros que data do 1995 e que presenta un gran número de pés en mal estado en canto a réxime de podas e calidade do fuste.

Espazo agropecuario
A actuación na parte agropecuaria do monte demostrativo amosa vías para a xestión da interfaz agrícola – forestal, unha xestión que cobra importancia como vía para reducir os riscos asociados ós lumes. Na antiga zona agraria do monte, instaláronse parcelas nas que se ensaia a produción de madeira de cerdeira e de nogueira en marcos amplos, con 12 metros de separación entre fileiras, de xeito que as plantacións intercálanse con franxas de cultivo de millo.

Outra das parcelas existentes en solo agropecuario destinouse á produción de noces co obxectivo de comparar a produción de froito da nogueira do país coa das variedades máis produtivas existentes no mercado.

Xestión e visitas
O monte demostrativo do Pico Sacro está deseñado para permitir a realización de actividades formativas e divulgativas, con visitas organizadas nas que se amosará o manexo do monte. O espazo foi dividido e acondicionado para permitir un acceso cómodo, sinalizáronse as parcelas demostrativas e establecéronse itinerarios didácticos. Contarase con material didáctico de apoio para facilitar a comprensión por parte dos visitantes. As visitas dos silvicultores estarán acompañadas por expertos.

Inauguración do monte polo director xeral de Inditex, Antonio Abril.

Inauguración do monte polo director xeral de Inditex, Antonio Abril.

Tamén se realizarán visitas con centros escolares. Onte mesmo participaron na inauguración escolares de Boqueixón, que acometeron unha plantación simbólica de frondosas caducifolias, coma carballos e cerdeiras.

A xestión do monte será realizada polo equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia co apoio e colaboración de expertos da Unidade de Xestión Forestal Sostible (Universidade de Santiago, USC), do Forest Stewardship Council (FSC), do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental (USC) e de centros de investigación e institucións especializadas como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego (ACEFGA).

Compatibilidade de usos
O proxecto de xestión do monte demostrativo busca tamén amosar a compatibilidade da produción forestal coa conservación do medioambiente. Distribuídos por toda a parcela, existen unha serie de enclaves de interese ecolóxico que permitirán conservar hábitats singulares, favorecendo a permanencia de numerosas especies de fauna e flora, que contribuirán a mellorar a biodiversidade e á vez a previr a aparición de problemas sanitarios nas plantacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información