horto sementeiro a braxe estandar

A mellora xenética do piñeiro do país aséntase cun novo horto sementeiro en Lalín

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán engade unha terceira parcela ás existentes en Cedeira e Gomesende para a obtención de sementes que garantan maiores crecementos e rectitude de fuste. No 2017, un incendio calcinou nas Neves outra das fincas do proxecto

O proxecto de mellora xenética do piñeiro do país (`Pinus pinaster`) que está a desenvolver o Centro de Investigación Forestal de Lourizán conta cunha nova parcela da máxima cualificación xenética, a de material controlado, que é aquel que garante melloras comparativas en factores coma o crecemento, a rectitude do fuste ou a redución de nodosidade. A nova parcela, que permitirá a obtención de sementes para os viveiros galegos, está situada en Lalín e súmase ás xa existentes en Cedeira (2009) e Gomesende (Ourense), desde o 2016.

Lourizán proxecta nos próximos anos a declaración de novas parcelas de piñeiros de alta calidade xenética, tanto do piñeiro do país como do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), de cara a poñer a disposición do sector forestal un material que garanta melloras de produción e de calidade da madeira. O director do Centro de Investigación, Enrique Martínez, considera que o traballo de Lourizán pode ser de especial utilidade para o proxecto de recuperación do piñeiro do país anunciado pola cadea da madeira recentemente.

O horto sementeiro de material controlado declarado este outono en Lalín permitirá obter ganancias en volume dun 5,3% en relación ó material identificado, sen selección xenética, e dun 3,1% respecto ó material cualificado, que se atopa nun primeiro chanzo de mellora xenética. En rectitude, as ganancias en Lalín son dun 2,9% en relación ó material identificado.

O novo hortosementeiro de Lalín corresponde a unha parcela plantada no 1995. Para poder ser catalogado como horto de semente de categoría controlada, elimináronse as peores árbores, con base en propiedades de gran importancia na produción de madeira, o que garante a superioridade xenética dos piñeiros que o forman. Nos hortos de semente galegos deixáronse árbores dun gran número de familias procedentes de toda a costa galega (86-90 familias), polo que a semente recollida neles seguirá mantendo unha gran variabilidade xenética, segundo sinala Lourizán.

Este é o terceiro horto sementeiro de piñeiro do país con que conta na actualidade Lourizán tras perder o pasado ano nun incendio unha parcela nas Neves que se dera de alta no 2016 como horto sementeiro de material controlado.

Nematodo e chancro resinoso

O centro de investigación continúa tamén co proxecto iniciado nos últimos anos para identificar familias galegas de piñeiros resistentes ó nematodo, un problema xa presente no sur galego, e ó chancro resinoso do piñeiro. O obxectivo é poder transferirlle plantas resistentes ó sector forestal nos próximos anos.

Outro dos eixos de traballo de Lourizán é o deseño dun programa de mellora silvícola específico para o piñeiro do país de alta xenética, con especificación dun estándar de preparación de terreo, densidade de plantación e fertilización inicial.