Medra un 35% a superficie forestal xestionada pola Xunta con certificado PEFC

Publicidade
Medra un 35% a superficie forestal xestionada pola Xunta con certificado PEFC

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participou este luns en Madrid na reunión da Xunta Directiva de PEFC España

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participou este luns en Madrid na reunión da Xunta Directiva de PEFC España, onde salientou que no presente exercicio medrou un 35% a superficie dos montes xestionados pola Xunta baixo este selo de certificación.

Así, o director xeral sinalou que a superficie forestal certificada pasou de case 58.000 hectáreas no ano 2018 a máis de 77.600 hectáreas no presente exercicio. Neste senso, o director xeral destacou a “importancia destes selos de certificación para garantir o acceso da madeira dos montes aos mercados, á vez que garante tamén a propia sustentabilidade e xestión dos montes”. De aí, sinalou, que “sexa necesario realizar un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas na nosa comunidade, co fin de asegurar a viabilidade dos aproveitamentos forestais en xeral e dos madeireiros en particular”.

Os novos contratos de xestión pública terán que ter un sistema de certificación forestal

Nesta liña, Chan adiantou que “os novos contratos de xestión pública terán que ter un sistema de certificación forestal para darlle máis valor engadido aos produtos da madeira”. Ademais, o director xeral lembrou que “todas as axudas forestais que se tramitan na Consellería priorizan aqueles terreos que están baixo ese tipo de selos forestais”.

Co fin de impulsar a certificación forestal, a Consellería está tramitando unha nova orde de achegas para a elaboración dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, que incorporará o compromiso dos beneficiarios de dispor da certificación unha vez aprobado o instrumento subvencionado. Así, José Luís Chan anunciou tamén que se está traballando para desenvolver lexislativamente a figura do silvicultor activo, que consonte á Lei de Montes de Galicia terá que dispor da súa superficie forestal certificada.

Finalmente, o director xeral insistiu en que esta certificación “serve como medida de concienciación medioambiental, posto que informa ao consumidor da procedencia dos produtos en venda que proveñen de montes xestionados de forma sostible”. Polo tanto, engadiu, “trátase dunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda”.

Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con máis do 50% do volume de cortas en España, e destacando os 9,7 millóns de metros cúbicos de cortas de madeira solicitadas para aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada no pasado ano 2018.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información