Medio Rural valora a proposta dun plan de restauración de montes queimados

A Asociación Forestal de Galicia sinala que a Consellería se comprometeu a conseguir recursos para financiar a recuperación das superficies arboradas afectadas polos lumes

Medio Rural valora a proposta dun plan de restauración de montes queimados

Visita da Asociación Forestal de Galicia coa conselleira do Medio Rural a montes afectados polos lumes no sur de Pontevedra.

O encontro que mantivo esta semana en Ponteareas a Asociación Forestal de Galicia (AFG) coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, saldouse co compromiso da conselleira de que buscará financiación para impulsar un plan de restauración dos montes queimados, segundo sinala a AFG en nota de prensa.

O colectivo trasladoulle á conselleira un balance dos danos dos lumes nos montes veciñais e particulares do sur de Pontevedra de socios da Asociación, que acumularon perdas por un importe de 18,9 millóns de euros. A restauración das masas arboradas non maduras afectadas ascendería a máis de 10 millóns de euros, segundo cálculos da entidade.

A Asociación Forestal de Galicia sinala que a súa proposta de acometer un plan de restauración con fondos públicos foi ben recibida pola conselleira, quen, segundo apunta o colectivo, se comprometeu a habilitar recursos para financiar e desenvolver un plan desas características.

Reunión da conselleira en Ponteareas coa Asociación Forestal de Galicia e con comunidades de montes afectadas polos lumes.

Reunión da conselleira en Ponteareas coa Asociación Forestal de Galicia e con comunidades de montes afectadas polos lumes.

Zona demarcada polo nematodo
Outra das principais cuestións que se abordou no encontro foi a dos problemas para a saca e procesado de toda a madeira queimada da zona demarcada polo nematodo, que abarca un radio de 20 quilómetros arredor do primeiro positivo do concello das Neves. Esa foi unha das zonas máis castigadas polos lumes e os aserradoiros da comarca carecen de capacidade para procesar nun curto prazo toda a madeira de serra danada polos incendios.

Ante esta situación, a Asociación Forestal de Galicia pediu que se autorizase excepcionalmente a saída de madeira de serra a serradoiros de fóra da área demarcada que comprometan os tratamentos precisos para a madeira. Esa medida permitiría sacar maior volume de madeira queimada do monte antes do 31 de marzo, época a partir da cal se calcula que comeza a voar o insecto vector do nematodo, o ‘Monochamus galloprovincialis’.

Por último, a Asociación Forestal de Galicia trasladoulle á conselleira unha serie de medidas que ve necesarias para dinamizar o monte, entre outras, unha nova formulación das axudas públicas dirixidas aos montes, un novo marco de relacións entre os funcionarios dos distritos forestais e os propietarios e comunidades de montes, e a urxencia de simplificar a normativa para facela compatible coa actividade forestal.

Tras a reunión, a Asociación Forestal de Galicia acompañou á conselleira e ó director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, nunha visita por montes veciñais do sur de Pontevedra afectados polos lumes. O colectivo agradeceu a visita de Medio Rural e incidiu na importancia de que a Xunta coñecese de primeira man as dificultades polas que pasa o sector tras os lumes, así coma o importante traballo que levan feito as comunidades de montes do sur de Pontevedra. Quedou comprometida unha nova reunión en tres meses, para valorar a posta en marcha das medidas faladas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información