Medio Rural ultima a creación do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Os bosques que se inscriban terán preferencia no acceso a axudas e prevese o fomento de vantaxes fiscais para a súa xestión. A Administración tamén poderá proceder á inscripción de oficio das masas que considere de interese xeral

Medio Rural ultima a creación do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Bosque mixto de frondosas caducifolias e sobreiras. / Arquivo.

Medio Rural ten previsto publicar en breve o decreto polo que se crea o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. A creación do rexistro oriéntase a incentivar unha xestión forestal activa de carballeiras, soutos e fragas, de xeito que se mellore o seu manexo, tanto con criterios económicos como ambientais. Os bosques que se inscriban no rexistro terán prioridade no acceso a axudas públicas.

A Consellería establece que as masas consolidadas de frondosas deberán ter un mínimo de 15 hectáreas de superficie e 20 anos de idade media, non podendo haber máis dun 20% de pés maiores doutras especies. Pídese tamén que o estrato de cabida cuberta sexa maior ó 50%, ben en masas monoespecíficas, dunha especie, ou de varias, entre elas carballos, castiñeiros, rebolos ou bidueiros.

Galicia ten arredor dun 30% da súa superficie forestal arborada con frondosas caducifolias, cun uso principal centrado nas leñas domésticas

Os propietarios que decidan inscribir unha masa no rexistro terán prioridade no acceso ás axudas públicas, en especial para instrumentos de ordenación. A Xunta prevé tamén o fomento de vantaxes fiscais para os propietarios e de incentivos fiscais ó mecenado para os bosques caducifolios. Medio Rural prevé ademais favorecer que as masas consolidadas de frondosas se manexen por medio de figuras de xestión conxunta, como as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) ou outras fórmulas.

A inscripción no rexistro poderá facerse de parte, por un grupo de propietarios, se ben a Administración tamén se reserva a posibilidade de inscribir de oficio aquelas masas que considere de interese xeral, ben polo seu valor medioambiental, ben por estar nun espazo natural protexido, polo seu interese xenético ou por formar parte dun espazo de recreo cidadán, entre outros factores.

Coa creación das masas consolidadas, a Xunta busca fomentar a xestión dos bosques de frondosas, pois na actualidade teñen un manexo forestal escaso, máis alá do seu aproveitamento para leñas domésticas ou a castaña, no caso dos castiñeiros. En Galicia hai máis de 400.000 hectáreas de masas puras de frondosas caducifolias, o que representa arredor dun 30% da superficie arborada galega, pero as cortas con destino industrial de frondosas rondan só o 3%.

A Consellería trasladoulle ó sector un borrador do proxecto de decreto sobre masas consolidadas e espérase que a iniciativa saia publicada en breve, ó longo do 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información