Medio Rural soltou 130.000 insectos parásitos da avespiña do castiñeiro

O control biolóxico da praga, que se realiza mediante a liberación de 'Torymus sinensis', duplicouse este ano. As medidas aplícanse en toda Galicia, pero sobre todo en Ourense e no sur de Lugo, onde se rexistra maior afectación

Medio Rural soltou 130.000 insectos parásitos da avespiña do castiñeiro

Solta de parásitos contra a avespiña.

A campaña primaveral de loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro saldouse coa solta de 130.000 insectos parásitos da praga. Medio Rural destaca que este ano se duplicou o esforzo de control da avespiña, un problema que se detectou en Galicia por primeira vez no 2015 e que preocupa no sector da castaña, xa que a praga ten causado grandes perdas noutras zonas produtoras, como Italia.

A conselleira do Medio Rural desprazouse esta mañá ao monte Pedroso, en Santiago, para coñecer de primeira man as accións que se están a executar. A loita biolóxica contra a avespiña, que se realiza mediante a solta do insecto parasitoide ‘Torymus sinensis’, faise nas catro provincias galegas, se ben con maior intensidade en Ourense e no sur de Lugo, onde se ten detectado unha maior presenza da praga.

A Xunta estima que este ano houbo uns 4.200 puntos de solta, con máis de 80.000 femias e case 50.000 machos liberados. Medio Rural lembra que tamén se continúan a acometer medidas contra o chancro do castiñeiro, tratando todos os pés afectados mediante cepas hipovirulentas que se demostraron eficaces contra a enfermidade. Para este ano, prevense tratar uns 26.000 pés, co que xa serían arredor de 90.000 os tratados desde o 2011.

As medidas contra a avespiña e contra o chancro do castiñeiro obrigan este ano a un investimento de arredor de 680.000 euros, segundo informa a Consellería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información