Medio Rural retirarase de dous terzos dos montes veciñais conveniados

A Consellería xestiona na actualidade 315.000 hectáreas por medio de acordos coas comunidades propietarias, pero quere desentenderse de 100.000 hectáreas nos próximos dez anos e doutras 100.000 na seguinte década

Publicidade
Medio Rural retirarase de dous terzos dos montes veciñais conveniados

A despoboación de determinadas comarcas agrava os problemas de xestión do monte veciñal.

A metade da superficie do monte veciñal galego é xestionada na actualidade pola Xunta a través de convenios coas comunidades propietarias, pero ese panorama cambiará nos próximos anos. A Administración autonómica quere deixar 200.000 das 315.000 hectáreas que manexa, segundo revela no borrador do Plan Forestal de Galicia. A previsión da Xunta pasa por renunciar a 45.000 hectáreas nos primeiros cinco anos de vixencia do Plan, a 55.000 nos seguintes cinco anos e a 100.000 no decenio seguinte.

Os actuais convenios da Administración cos montes veciñais, que naceron co obxectivo de paliar a falta de recursos das comunidades de montes, expiran o 31 de decembro do 2021. A Administración ten anunciado que sustituirá eses convenios por un contrato temporal de xestión pública, podendo optar as comunidades de montes por asinar ese contrato ou por retomar o control do monte.

Os actuais convenios expiran a finais do 2021. Medio Rural proxecta sustituílos por contratos de xestión temporal

O grupo de traballo que elaborou as directrices para o Plan Forestal, constituído por representantes de asociacións do sector, avogaba por manter a xestión pública dos montes conveniados, coa precisión de que era necesario mellorar esa xestión.

A Xunta, sen embargo, dá a entender no borrador do Plan Forestal que carece de medios suficientes para cumprir coa condición de lograr unha boa xestión, polo que proxecta reducir o seu papel no manexo dos montes veciñais nos próximos 20 anos. “A superficie destinada á xestión pública deberá estar acorde coa capacidade de cada Distrito en función dos medios e recursos dispoñibles”, sinala a Administración.

Medio Rural considera que os principais montes susceptibles de xestión pública serían “montes en estado de grave abandono ou montes descapitalizados ou desintegrados”, é dicir, aqueles que precisen de recursos ou dirección operativa para a súa posta en produción.

Hai consenso en poñer en produción aqueles montes veciñais que estean abandonados, pero discrépase no como

Xestión dos montes en abandono
O tema dos montes en estado en grave abandono é un dos asuntos pendentes de resolución. O borrador do Plan Forestal apunta que haberá que establecer “criterios obxectivos” para identificar os montes en estado de grave abandono. No sector forestal, hai consenso sobre a necesidade da posta en produción daqueles montes veciñais que estean sen uso e sen unha comunidade que se faga cargo da súa xestión. As discrepancias están no como xestionar eses montes.

No Plan Forestal, Medio Rural considera esas superficies susceptibles dunha xestión pública, se ben na lei de acompañamentos ós presupostos do 2018, a Xunta prevé que os montes veciñais en estado de abandono pasen ó Banco de Terras, podendo terceiros asumir a súa xestión por un periodo de 50 anos.

“Entregarlle un monte veciñal a unha empresa por 50 anos só busca unha cousa, que se perda a memoria da existencia da comunidade” (Xosé Alfredo Pereira)

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais consideran que existe unha contradicción entre ambos documentos. “Preséntase un borrador do Plan Forestal que fala dunha xestión pública dos montes en estado de grave abandono, pero simultaneamente, a Xunta promulga unha lei na que decide que van pasar ó Banco de Terras para a súa explotación por empresas privadas”, sinala o presidente da Organización, Xosé Alfredo Pereira. “Non é serio que se diga unha cousa e que xa se estea facendo outra”, critica.

A cuestión de fondo, a reducción da xestión pública sobre o monte veciñal, é interpretada por Pereira como un intento de “favorecer a determinadas empresas privadas” e de “chegar a cambiar a titularidade do monte, de veciñal a privado”.

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes é especialmente crítico coa medida deseñada para a xestión dos montes veciñais en estado de grave abandono: “Que se queira entregarlle un monte veciñal a unha empresa por un periodo tan longo, 50 anos, só ten un obxectivo: que se perda a memoria da existencia dunha comunidade de montes”, cuestiona.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información