Medio Rural prohibe as queimas agrícolas e forestais

A suspensión aplícase desde hoxe mércores. As comunicacións e autorizacións xa concedidas carecen de validez

Medio Rural prohibe as queimas agrícolas e forestais

O risco de incendios obriga a suspender as queimas.

Desde hoxe mércores están prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais en Galicia. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecen de validez desde o momento da prohibición.

Días atrás, os sindicatos dos servizos de extinción de incendios advertiran do estraño de que en Galicia houbese temperaturas próximas aos 40 graos, en tanto as queimas seguían estando permitidas.

A decisión de suspensión adoptouse finalmente onte martes, tendo en conta as actuais condicións meteorolóxicas e as súas previsións, así como a situación do Índice de risco diario de incendio forestal (Irdi). Tívose tamén en conta que a normativa -Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais- prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este mércores non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal. Lembra ademais que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información